Tona publicará o 2 de decembro ‘Cruseiro’, “un álbum feito para bailar”

O novo proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina) presentará o seu disco debut o sábado 6 de decembro na Foliada da Fonsagrada 

Rumbas, jotas e muiñeiras soan nun álbum festivo e retranqueiro no que o blues se mestura con melodías da terra


Tona, o proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina), dará a coñecer o 2 de decembro o seu álbum debut, titulado ‘Cruseiro’; un traballo no que se cruzan, como non podería ser doutro xeito, sonoridades diferentes e coplas retranqueiras que convidan a bailar. 

‘Cruseiro’ ten un pouco de todo. Disto e un pouco daquelo. Tanto da montaña coma da ribeira. Mestura blues con melodías da terra. Ten harmonía, ten melodía e, obviamente, ten retranca. Sen dúbida, “é unha apoloxía da aldea, da língua, do noso carácter e da nosa tradición”, sinala Miguel Cernadas sobre un álbum do que xa se coñecen catro temas: ‘Maio’, ‘O casal’, ‘Rhumba95’ e ‘Carracho’. 

“Tona nace da necesidade de seguir facendo música, aprendendo, investigando… Da curiosidade e tamén da aventura. De buscar sonoridades diferentes para botarlle o que sempre se botou, xa que, neste ‘Cruseiro’ hai rumba, hai pasodoble, hai jota e hai muiñeiras”, explica Cernadas sobre o álbum, que define como “festivo e feito para bailar”. Para mostra, a festa escollida para a estrea: a Foliada da Fonsagrada (sábado 6 de decembro, a partir das 12.00 horas), que este ano celebra a súa décima edición.

Tona conta con Miguel Cernadas  na voz e composición; Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición; Andrés Real (Oh Ayatollah) ao baixo; Roberto Comesaña no acordeón; e Gutier Álvarez no violinofón. Todos eles acompáñanse de Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico de son ao vivo.




EP ‘CRUSEIRO’, DE TONA  

Lanzamento: 2 de decembro de 2025
Videoclip Carrachohttps://www.youtube.com/watch?v=BL2anhmrreg

2025118-Tona-publicara-Cruseiro-o-2-de-decembro

Caamaño&Ameixeiras cruzan o Atlántico para presentar a súa música en Canadá

Caamaño&Ameixeiras seguen expandindo o seu proxecto máis alá das fronteiras galegas: o dúo galego viaxa estes días a Canadá para participar no Mundial de Montreal 2025, un dos eventos máis importantes da música de raíz en América do Norte. A súa presenza é posible grazas á selección de Sounds from Spain, plataforma impulsada por ICEX e INAEM para apoiar a proxección internacional da música española.

A actuación terá lugar hoxe, martes 18 de novembro, no Cabaret Lion d’Or, dentro do showcase oficial de Sounds from Spain, e permitirá que o dúo presente o seu proxecto a programadores, axentes e profesionais de todo o continente.

Para Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras esta viaxe supón un paso significativo cara aos seus obxectivos a medio prazo: abrir o mercado norteamericano, consolidar redes profesionais e sentar as bases para futuras xiras por Canadá e Estados Unidos. “Supón un avance importante na internacionalización do proxecto, agradecemos profundamente esta selección”, explican.

Logo de percorrer Europa (Austria, República Checa, Eslovaquia, Italia, Francia, Portugal, Açores, Países Baixos, Alemaña, Bélxica…), Caamaño&Ameixeiras continúan ampliando fronteiras e levando a música galega a novos escenarios internacionais.

Creación sonora e vinilos de cerámica reproducibles: nace o selo musical ANALOGIK DREAMS

O proxecto, impulsado por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura, conxuga experimentación en directo, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións nas  que cada obra é única e exclusiva

A iniciativa, que conta coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), inicia esta semana o seu proceso de residencia artística no espazo multidisciplinar e tenda de discos Río Lagares 

Clo Plas, Os Lindes e Carme López visitarán Río Lagares desde este xoves 20 para gravar, ao vivo, a súa música sobre discos feitos con cerámica, en tres eventos que serán abertos para o público ata completar a capacidade do lugar

Unha nova proposta de creación sonora e investigación cultural, que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música en directo e traballo artesán, ve a luz en Vigo. Nace ANALOGIK DREAMS, un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura, que propón a edición de gravación de pezas musicais en vinilo acompañadas de discos de cerámica reproducibles, unha proposta tan inusual como especial polo seu percorrido interdisciplinario e vital. 

O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. “É un modelo de selo musical expandido: a produción física, o acceso dixital e a participación social intégranse coa promoción do talento emerxente local”, apunta o artista.

O proceso arranca coa gravación directa en vinilos con bandas emerxentes. “Lonxe de semellar nostálxicas, falamos de prácticas resistentes que se resignifican fronte á homoxeneidade do streaming”, expón Cancelo. Estas gravacións lévanse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar unha peza “única e limitada, tanto a nivel artístico como sonoro, sen favorecer a sobreprodución”. 

En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunha plataforma dixital. “ANALOGIK DREAMS non só estimula a economía circular cultural arredor da música, o deseño ou a cerámica, senón que posiciona a Galicia como referente no eido da innovación artesá e sonora a nivel europeo”, asevera o responsable do proxecto.


Inicio da residencia artística e gravacións ao vivo en Río Lagares

Logo de numerosos meses de traballo e investigación, ANALOGIK DREAMS comeza ser unha realidade co inicio, esta semana, do seu programa de residencias artísticas. Da man do musicólogo Aleks Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro, no que se fará efectiva a gravación sobre o soporte físico.

Precisamente ao longo destes días realizaranse tres gravacións con bandas e solistas do país que estarán abertas ao público, a fin de dar a coñecer desde a proximidade esta proposta e poñer en marcha unha das ideas chave do proxecto, como é favorecer os espazos de escoita colectiva e a xeración de comunidade.

A primeira delas terá lugar este xoves 20, ás 20.00 horas, e chegará da man de Clo Plas, o proxecto artístico de Xiana Arias e Berio Molina que explora a oralidade da montaña de Lugo con música experimental e midi. A seguinte gravación sobre cerámica será a d’Os Lindes (o dúo conformado polo compositor Marco Maril -Apenino- e o cineasta Álex Cancelo) o xoves 27, tamén ás 20.00 horas e, finalmente, o sábado 29 será a quenda da música e investigadora lucense arredor da tradición oral e a experimentación coa gaita,  Carme López.


ANALOGIK DREAMS


Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica

Do luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.

Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)

Gravacións abertas ao público (ata completar capacidade)

– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS

– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES

– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ

20251117-ANALOGIK-DREAMS

Palestra ISAAC DÍAZ PARDO, MILAGRES E ESPOLIO, por Felipe Senén, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, organiza a Palestra Isaac Díaz Pardo, milagres e expolio, impartida por Felipe Senén, historiador da cultura galega, que será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar o vindeiro venres 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Inauguración da exposición RETRATOS, de Pedro Cabarcos, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, na conmemoración do XXV aniversario da súa fundación, organiza a Exposición RETRATOS, unha colección de cadros pintados polo artista vilalbés Pedro Cabarcos.

A inauguración terá lugar o vindeiro xoves 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e permanecerá aberta ao público ata o 31 de decembro, no horario habitual de apertura do Auditorio.

Vimbio e Hugo Guezeta xúntase para revivir SonDaRúa con CRISE, o seu novo sinxelo en colaboración

A banda de rap metal Vimbio e o rapeiro Hugo Guezeta unen forzaspara publicar Crise, o seu novo sinxelo en colaboración que fai lembrar á mítica banda de rap SonDaRúa. Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, e Hugo Guezeta xúntanse de novo tras o lanzamento de Dispara, sinxelo pertencente ao último disco de Hugo,  reunindo así unha vez máis ao histórico grupo de rap que marcou a toda unha xeración, SonDaRúa. Cunha forte carga de crítica social na letra e sons que mesturan o hardcore e o rap, apostan por dar peso á base instrumental, afastando un pouco os beats electrónicos e dándolle unha forza que se trasladará aos directos.

Crise bebe de referencias como a banda de punk, hardcore e rap Bob Vylan. A aposta de Vimbio de optar por sons máis contundentes neste tema bebe precisamente de ir a un dos concertos da banda londinense. O grupo preparou os primeiros bosquexos de riffs de guitarras que lle presentaron a Hugo e cando se xuntaron a temática saíu de inmediato, dando por resultado esta oda a SonDaRúa en forma de activar a fibra da rabia para espertar como sociedade contra as inxustizas que estamos a vivir.

Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, destaca que volver traballar con Hugo é sempre un pracer, e aclara que pese a ter collido camiños diferentes segue sendo moi cómodo construír á par. Aínda que SonDaRúa botase a cancela fai anos, Álex sinte que a unión segue patente en cada colaboración que fan xuntos, como se realmente só levasen un par de meses de descanso do seu proxecto conxunto.

Pola súa parte, Hugo Guezeta destaca o gratificante que foi tamén volver facer música con Álex, neste caso acompañado do seu grupo. O rapeiro sinalou tamén que o tema supuxo un reto creativo para el, ao facelo nun rexistro diferente ao que acostuma, cunha instrumental máis escura e con inspiración hardcore, pero quedou moi contento co resultado final, coa forza e enerxía que ten a canción e a mensaxe que transmite.

Este novo sinxelo ve a luz da man dun videoclip dirixido por IzanMG, autor entre moitos outros do videoclip de Eu non quero traballar, outro dos adiantos do futuro traballo discográfico de Vimbio. Gravado na Escola Audiovisual de Vigo, apostan por un produto sinxelo pero visualmente potente, mesturando fortes imaxes de protestas e disturbios con planos de Hugo e Álex.

MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.

Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio está a levar a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero.

O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta. O seu último álbum O Noso Tempoacumula máis de medio millón de reproducións en plataformas dende a súa publicación, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.

As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.

Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con sendos concertos esgotando entradas, Hugo remata a súa xira de 2025, onde xa deixou constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo a festivais da talla de Revenidas, A Candeloria, Festigal ou Millo Verde, así como na súa colaboración con algúns dos maiores representantes da música galega, como Guadi Galego ou Dakidarría. Sen dúbidas, Hugo Guezeta foi un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.

20251114-NP-GAL-LANZAMENTO-CRISE-VIMBIO-FT-HUGO-GUEZETA