Este sábado, día 2 de novembro, ás 20 h, na Casa-Museo Manuel María, poderemos escoitar os Irmaus da Raia Seca. Os irmáns Pascual (Pedro: bouzouki e Pablo: clarinete baixo) e Álvarez (Gutier: violín e zanfona e Javier: acordeón diatónico) concorren nun proxecto cunha instrumentación ben interesante e un repertorio xenuíno en volta dos territorios limítrofes ou arraianos de Galiza.
Músicos, estes que tocaron e tocan con Marful, Talabarte, Davide Salvado, Zumaque, Comando Curuxás, Xabier Díaz, Xascariz…, e que obteñen das súas raíces e diásporas un sentimento compartido “o que a muitxs lles parece lonxe e distante, para nós nunca deixou de estar cerca”. Úneos un forte magnetismo con esas identidades culturais e reivindícanas musicalmente como parte do seu maxín. A Raia Seca son músicas que nacen do chan cando este resoa co bailar. Son melodías vivas que seguen a ter instinto propio. Son ritmos xa feitos ritual, telúricos, abocados ao transe. Para asistir ao concerto na Casa-Museo Manuel María (en Outeiro de Rei) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete: 5 euros.
O EMA é unha nova iniciativa que nace co apoio da Xunta de Galicia para sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada profesional e lúdica aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking
O I Encontro de Música Aberta (EMA) terá lugar este mércores, 6 de novembro, de 07.00 a 14.00h, nos Estudios Mans da Coruña (Polígono de Pocomaco – Quinta Avenida, 91), baixo o lema “Estamos en sintonía”
No programa participarán o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado
O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo
Antes, para darlle o pistoletazo de saída á iniciativa, de 07.00 a 09.00h, terá lugar a retransmisión en aberto, con público en directo, do programa de referencia de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente
“Estamos en sintonía”. Así chega o I Encontro de Música Aberta a Galicia este mes de novembro: coa idea de sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking. Deste xeito, esta nova iniciativa da Fundación Paideia coa colaboración da Xunta de Galicia terá lugar o próximo mércores, 6 de novembro, de 07.00 a 14.00h, nos Estudios Mans da Coruña (Polígono de Pocomaco – Quinta Avenida, 91). O acceso a este I Encontro de Música Aberta (EMA) é libre ata completar a capacidade do espazo, con inscrición previa a través da plataforma https://www.paideia.es/encontro-musica-aberta/.
No programa participarán o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado. O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo, xunto aos artistas Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.
Antes, para darlle o pistoletazo de saída á iniciativa, de 07.00 a 09.00h, terá lugar a retransmisión en aberto, con público en directo, do programa de referencia de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente.
PROGRAMA I ENCONTRO DE MÚSICA ABERTA DE FUNDACIÓN PAIDEIA
7.00 a 9.00h. Retransmisión en directo de Hoy empieza todo, de Radio 3, con Irene Valiente.
9.00 a 9.30h. Café.
9.30 a 10.45h. Abraham Cupeiro: Resoando no pasado.
10.45 a 11.30h. Abraham Cupeiro Masterclass de construción de instrumentos.
11.30 a 12.00h. Café.
12.00 a 12.30h. Showcase comentado de Soleado.
12.45 a 13.50h.Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo: Diálogo creativo coa moderadora Laura Iturralde e a participación de Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.
13.50 a 14.00h. Peche institucional.
SOBRE O I ENCONTRO DE MÚSICA ABERTA (EMA) DE FUNDACIÓN PAIDEIA
O I Encontro de Música Aberta de Fundación Paideia nace co obxectivo de impulsar a profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia e de promover o talento musical emerxente do noso territorio, ademais de apoiar o potencial dos e das profesionais como axentes de transformación social. O EMA busca, tamén, favorecer a participación e a expresión das novas figuras do sector, mellorando os seus coñecementos profesionais e sobre a industria musical da nosa contorna e promovendo as oportunidades de diálogo de artistas noveis con axentes, promotores e outros perfís profesionais relevantes da nosa industria.
O desenvolvemento e a innovación no sector da música emerxente en Galicia é un dos principais valores da Fundación Paideia, feito que impulsa a creación deste I Encontro de Música Aberta (EMA), que reúne a figuras punteiras e recoñecidas da industria musical, nunha aposta polo coñecemento, o intercambio, o debate, o encontro e a reflexión, poñendo o foco dun xeito lúdico e atractivo nas novas tendencias do sector. O EMA está aberto a todos os públicos, profesionais emerxentes ou consolidados, curiosos e amantes da música ao vivo, que busquen descubrir ou profesionalizar os seus proxectos musicais a través de ferramentas como a formación, o debate e o contacto cos principais axentes da industria na actualidade.
O EMA xorde, tamén, co desexo de poñer en contacto aos distintos actores e actrices da industria musical galega, coa fin de facer visible o seu labor como motores do sector. E busca, ademais, crear as condicións necesarias para que os proxectos musicais emerxentes teñan unha maior capacidade de profesionalización, así como os recursos necesarios para a posta en valor do seu talento e potencial, conseguindo maior visibilidade e presenza no mercado.
SOBRE ABRAHAM CUPEIRO
Construtor e multiinstrumentista, o que caracteriza a Abraham Cupeiro é a recuperación de instrumentos perdidos no tempo, que el emprega para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles. Abraham Cupeiro no é soamente un músico, é un verdadeiro mestre dos instrumentos, desde o corno de caza ata a zanfona, pasando polo carnyx, instrumento ancestral que Abraham reviviu nos seus concertos. A súa carreira levouno a colaborar con orquestras e artistas de renome internacional, sempre deixando unha pegada única coa súa habilidades para combinar tradición e modernidade. Desde os escenarios máis prestixiosos ata os recunchos máis recónditos, este artista único compartiu o seu pola música con audiencias de todas partes, creando experiencias sonoras inesquecibles.
Resoando no pasado é unha viaxe pola historia da humanidade a través dos instrumentos. Abraham Cupeiro guíanos neste percorrido da man da súa enorme colección de instrumentos milenarios. E faino con moito amor e coa pedagoxía de quen coñece os instrumentos por dentro e por fóra como ningún outro. Porque el mesmo foi quen creou algún dos seus propios instrumentos, como o carnyx ou o cornu, reconstruídos a partir de exemplares encontrados en Pompeya. Resoando no pasado non é un concerto nin tampouco un monólogo, pero Cupeiro combina aquí elementos de músico e contador de historias, nun espectáculo fascinante no que descubrir un pouco máis do ser humano a través das músicas creadas ao longo dos séculos.
Pola súa banda, o obradoiro de creación de instrumentos de Abraham Cupeiro é o sitio no que o público poderá experimentar xunto ao artista na recreación de instrumentos do pasado, xerando, incluso, novos instrumentos que sorprenden polas súas capacidades melódicas e a súa sonoridade. Este obradoiro é, sen dúbida, o proxecto máis coidado polo creador.
SOBRE SOLEADO
Soleado é o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez. O seu novo sinxelo, Los amores perros, emprega unha linguaxe como de canción de verbena, metáforas moi relacionadas co romanceiro e a canción popular (a reixa, o pano, a romaría, o pan e o viño…) que contrastan cun retrouso pop e unha base electrónica. O tema, producido unha vez máis por Pau Paredes, conta coa colaboración das pandereteiras-cantareiras Lilaina (Aliboria).
SOBRE SHOW MUST GO ON!: DA TEORÍA Á PRÁCTICA DOS ESPECTÁCULOS EN VIVO
Este diálogo creativo é un espazo para descubrir a arte do espectáculo a través da experiencia dos seus protagonistas. Dende a creatividade ata a execución, esta actividade moderada por Laura Iturralde invita ao público a formar parte do diálogo e da exploración dos retos e acertos dos eventos en directo, cunha sesión práctica e unha mesa redonda aberta a preguntas e ideas.
Laura Iturralde dedícase á plástica escénica desde 2015, especializándose na dirección de arte para espectáculos en vivo. A súa proposta artística transforma espazos a través da luz, creando atmosferas que enriquecen a narrativa dos proxectos. Colaborou con artistas ou entidades como Mercedes Peón, Brigitte Vasallo, Guadi Galego, Tanxugueiras, David Amor e os Centros Dramáticos Galego e Nacional. Nos últimos anos foi merecedora de seis premios María Casares, destacando a mellor escenografía en 2018 e a mellor iluminación en diversas ocasións, así como o premio nacional Rogelio de Egusquiza en 2021, no que acumula un total de dez nomeamentos nos últimos seis anos.
SOBRE A FUNDACIÓN PAIDEIA
Desde a súa creación en 1986, a Fundación Paideia Galiza ten apostado por converterse en referente na profesionalización e empregabilidade de persoas e sectores vulnerables. Na actualidade, a Fundación Paideia Galiza centra a súa actividade no desenvolvemento de cinco áreas de traballo: emprendemento, formación e divulgación, discapacidade e emprego, mocidade e mobilidade e desenvolvemento territorial.
Dentro da área de emprendemento, vense prestando especial atención á industria musical, ofertando posibilidades de formación, gravación e promoción a bandas e solistas emerxentes galegas e galegos, encamiñadas á profesionalización da súa actividade. Para a consecución deste obxectivo, a Fundación Paideia Galiza organiza, de forma continuada, programas de formación en emprendemento musical, xornadas de divulgación, cursos, masterclass, actividades de titorización e mentoría, residencias artísticas, concursos e certames, que conforman un corpo de accións dedicadas á profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia.
Desde o ano 2017, Fundación Paideia Galiza e a Axencia Galega de Industrias Culturais veñen colaborando na procura e definición dunha política cultural innovadora para a industria musical emerxente, tanto en formas como en contidos, mediante o desenvolvemento de ciclos de xornadas profesionais e outras plataformas para a promoción e difusión de proxectos musicais emerxentes.
AMARELO e Manu Lago lanzan a segunda convocatoria de artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación durante o 2025. Na pasada convocatoria Da Man realizou o acompañamento ao proxecto “Mesura” da galega Raquel Ferradás que se puido ver en 9 festivais de Galicia e Aragón e ao proxecto “Todo esto para nada” do colectivo madrileño A ras de suelo que se estreará en 2025.
Da Man é un proxecto colaborativo de AMARELO e Manu Lago co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria, cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes. As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha peza ou do proxecto de compañía a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financieiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento se lle trasladan os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, búsqueda de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuitos, contactos, etc.
Bases da convocatoria
Que buscamos?
Un proxecto de danza de artista/s emerxente/s galega/s ou residentes en Galicia. Artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, non teñan creados máis de 3 espectáculos integrados en circuitos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza, impulsar a súa compañía ou outro tipo de proxecto arredor da danza.
Que ofrecemos?
1- Un acompañamento 360: facemos un acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras.
2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO, no caso dunha nova produción.
Que pedimos?
3 documentos en pdf:
1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina.
2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación ou do proxecto (tipoloxía, formato, equipo, calendario previsto, e todos os datos que se consideren relevantes). Máximo 3 páxinas
3- CV con links a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas.
Onde e cando?
Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 11 de novembro de 2024. Envía a documentación a lilian@amarelo.es co asunto Da Man.
O día 25 de novembro de 2024 publicarase a resolución en redes e web.
Quen somos?
Lilian Portela – é a directora de AMARELO
Lilian Portela inicia o seu camiño nas artes escénicas no ano 2011, traballando en produción, distribución e xestión para distintas compañías de danza, teatro e música.En 2022 decídese a crear a súa propia empresa e así nace AMARELO, un proxecto adicado á distribución, produción e xestión de proxectos de artes escénicas coa intención de servir de corrente de transmisión entre artistas e programadores e facer chegar ao público espectáculos frescos, atractivos e de calidade.
En AMARELO apostamos por compañías emerxentes e novos valores que comezan a destacar no sector. Poñendo o foco na danza e as novas linguaxes, respaldamos espectáculos que procuren seducir a todo tipo de público.
Manu Lago – é asesor de AMARELO e forma parte do equipo de xestión de A Casa Vella e a Plataforma Sólodos. Máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya (2015), Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2000), Técnico superior en Artes Plásticas pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo (2002).
No 2017 publicou o Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia onde se recollían os datos de 357 espectáculos de 82 coreógrafas e coreógrafos de Galicia estrenados entre os anos 1987 e 2021, ademáis dos datos de produción e programación das redes públicas de exhibición.
No 2018 e 2019 publicou entrevistas e crónicas en Isto é danza.
Actualmente realiza servizos de consultoría e planificación de programas, redacción de proxectos, mediación e asistencia á produción, avaliación e medición de impactos para propostas de mellora do proxecto desde: o catálogo de distribución, produción, impulso e acompañamento (2017-2022) Galicia Danza Contemporánea, Amarelo Distribución Escénica, Plataforma SóLODOS ou A Casa Vella.
Foi o coordinador de PROPULSA Danza + Paisaxe + Patrimonio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e coproduciu o espectáculo Clásicas Desfeitas Vol 3 ca Fundación Cidade da Cultura e Centro Dramático Galego, 2021.
Axencia Galega das Industrias Culturais. Da Man é un proxecto patrocinado pola Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego.
Galopa. Galopa, si. Unha confrontación conquista o efémero. Galopa a miña boca na túa ausencia. E galopa a túa ausencia na borda en chamas. E eu, que son cinza, berro e pronuncio un barco. E, co barco que declaro, galopa o silencio. E polo silencio agancha unha mirada. E na sombra que che debo, a auga traza un fío, un abismo, unha liña tecida de nada.
A gala comezará coa interpretación das cinco pezas finalistas a cargo da pianista Noemí Salomón e da mezzosoprano Nuria Lorenzo (concretamente interpretarán O carro, Galiza, Neno, Mito e Galicia, pezas compostas por María Mendoza, Saúl Aguado de Aza, Luis Serrapio Fernández e Francisco José Carbonell Matarredona). Unha vez finalizada esta primeira parte, mentres o xurado realiza a súa deliberación, a mesma pianista e mezzosoprano presentarán en concerto unha serie de cancións dos compositores galegos José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro.
Para asistir é preciso facer a reserva correspondente, ben dirixíndose ao seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou ao whatsapp 698177621.