Fillas de Cassandra e Çantamarta únense para lanzar A TODAS PARTES, “un cable á terra”

  • O tema, a primeira colaboración entre as dúas bandas, é un canto ao orgullo cultural que se poderá escoitar nas plataformas dixitais a partir do 25 de xuño
  • Desde hoxe xa están dispoñibles os convites nas tendas Fnac de Vigo e da Coruña para asistir esta fin de semana á presentación de Hibernarse tanto no MARCO (venres 27) coma na Fundación Luis Seoane (sábado 28)

Fillas de Cassandra e Çantamarta publicarán o 25 de xuño a canción A todas partes, unha colaboración que agroma da unión das voces, raíces e vivencias das dúas bandas. A peza, que se poderá escoitar en todas as plataformas dixitais a partir das 00.00h do mércores 25, é un canto ao orgullo cultural.

As dúas formacións, que beben das raíces e dos ritmos de Galicia, Andalucía e o Caribe, asinan en A todas partes o seu primeiro traballo en común, que nace do encontro entre diferentes mundos musicais unidos pola diversidade de acentos, experiencias e linguas. Así, esta canción é, a ollos de Fillas de Cassandra e Çantamarta, un cable á terra; un canto aos lugares nos que medraron e dos que están feitas, marcadas polas xentes, as paisaxes e as identidades; mais tamén achega unha reflexión das idas e dos retornos, da saudade e do desexo de manter viva a admiración e o agarimo pola terra. Unha canción que é unha voz e que esta, á vez, é moitas e chega a todas partes. 

Fillas de Cassandra salienta que a colaboración naceu da admiración do dúo por Çantamarta. “Lanzámonos ao abismo ao facer a proposta. Non nos coñeciamos en persoa, mais sabiamos que queriamos crear algo con eles”, apuntan María e Sara, que recoñecen “estar cheas e felices” por ter compartido con Beni, Luis e Omar, “tanto dentro do estudio coma fóra del”, o proceso. “Todas volcamos a nosa creatividade e sentímonos libres de expresar as nosas necesidades. Agora, con cada escoita do tema, as bágoas asoman un chisco; pois percibimos toda a contorna das raíces e a unión de todas elas moi dentro de nós”, sinalan.

Pola súa banda, Çantamarta asevera que “sinte un fondo respeto e admiración” por Sara Faro e María SOA. “É unha honra ter creado esta peza con elas polo xeito no que se xuntaron as nosas propostas, na que que destacan, por igual, todas as cousas que nos unen e as que nos distinguen. Cremos que é algo que enriquece a todos e cada un dos versos que compoñen unha canción tan linda e especial”, expresa o trío, que engade: “O que acontece con Fillas de Cassandra e Galicia é o mesmo que nos identifica co Caribe e Andalucía. Non entenderiamos o noso proxecto sen eses códigos, sen esas linguaxes nin as culturas que representan. Por iso, para nós, este track é un cable á terra”. 

O sinxelo A todas partes, que xa se pode pregardar nas plataformas dixitais para escoitar a partir do mércores 25 de xuño, acompañarase dun vídeo rodado durante a gravación do propio tema.


Convites dispoñibles para a presentación do EP Hibernarse

Desde as 10.00 horas de hoxe, luns 23 de xuño, están dispoñibles nas tendas Fnac de Vigo e da Coruña os convites para asistir (tanto o venres 27 ás 20h no MARCO coma o sábado 28 ás 21h na Fundación Luis Seoane) á presentación, ao vivo, de Hibernarse, o último EP de Fillas de Cassandra. María SOA e Sara Faro darán a coñecer o seu novo álbum acompañadas de dous instrumentistas e dunha escenografía creada para a ocasión. 

Con cada reserva do vinilo no punto de atención á clientela das tendas Fnac, entregarase unha entrada dobre para asistir ao concerto na cidade correspondente. Os convites estarán dispoñibles até o mesmo día de cada concerto (sempre que no se esgoten antes).



Pregarda A todas partes: https://links.altafonte.com/atodaspartes-fillas-cassandra-cantamarta

Santiago e Teo convértense no corazón do Festival Atlántica 2025 cunha trintena de propostas

  • Santiago acolle 24 actividades entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, con funcións para público infantil, familiar e adulto, en centros socioculturais, rúas, museos e espazos patrimoniais
  • A vida e obra de Castelao protagonizará un maratón de lectura pública e un roteiro narrado con Cadaval e Carme Varela que logo de esgotar as súas prazas, abrirá reservas para unha nova edición a partir de hoxe, 24 de xuño
  • Pola súa banda, Teo programará 5 espectáculos dirixidos a públicos diversos en espazos naturais, escolares e patrimoniais
  • Esta edición de Atlántica inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
  • Toda a programación é gratuíta, con algunhas actividades que requiren inscrición previa, e pódese consultar na web festivalatlantica.gal

A palabra contada volverá ocupar espazos públicos, centros culturais e lugares emblemáticos de Santiago e Teo da man do Festival Atlántica que nesta edición de 2025 volve apostar por unha programación diversa, inclusiva e interxeracional. Entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, Compostela converterase nun dos grandes escenarios do festival, con 24 propostas en castelán, galego e portugués, e presenza de artistas galegos, estatais e internacionais.

O programa compostelán arrancará o luns 30 de xuño co espectáculo Artiloxios, do aragonés Oswaldo Pai, no Teatro Principal (19.00 h). Trátase dunha viaxe divertida e participativa a través de máquinas imposibles, trebellos imaxinativos e contos que celebran o absurdo e a creatividade. Os convites para esta proposta concibida para nenos maiores de 8 anos pódense retirar desde hoxe, martes 24, na Zona C (máximo 4 por persoa).

Ese mesmo día, ás 21.00 h, os xardíns do CSC Maruxa Coralia acollerán a estrea absoluta de Memorias do lume de Soledad Felloza, un exercicio de autonarración onde corpo, voz e memoria se entrelazan para manter aceso o facho do que fomos e do que poderiamos ser. Memorias do lume recolle historias herdadas, soñadas ou escoitadas á calor dunha pota ou baixo a lúa, relatos pequenos que non entran nas estatísticas pero que gardan o cerne do vivido. Un espectáculo que defende a narración oral como acto de resistencia, de coidado e de transmisión.

martes 1 de xullo, de 11.30 ata ás 20.30 horas, o protagonista absoluto do festival será a figura de Castelao. O festival convida a participar na lectura pública de Como dicía Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A actividade está aberta á cidadanía que pode participar lendo, escoitando ou formando parte do garda-escoita que asegurará que nunca falte público neste acto colectivo. Toda a información sobre a homenaxe pódese atopar na web festivaltalantica.gal. Este maratón de lectura terá un peche musical a cargo de Bouba Pandeireteiras ás 21.00 horas no CSC Maruxa Coralia.

mércores 2, as contadas espallaranse durante a mañá polos centros socioculturais da cidade. No CSC Marrozos, Paula Carbonell e Nuria Vázquez presentarán Un neno, un can, un gato e un pito, unha sesión para pequenos e maiores onde os contos camiñan, saltan e voan ao ritmo da imaxinación . Haberá tamén funcións de Dani Blanco (12.00 h, CSC Vite, Circo de contos) e de Lorena Pinheiro (12.00 h, CSC Santa Marta, Cucú tapa o cu).

Xa pola tarde, Manuel Gago e Rafa Quintía guiarán unha andaina especial polas rúas de Santiago sobre o Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia seguida dunha presentación do propio mapa no CSC Maruxa Coralia. As prazas para o roteiro xa están esgotadas pero o acceso á presentación terá entrada libre ata completar a capacidade (19.15 h).

Unha vez remate a actividade, será o momento de escoitar Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país con Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une. Canda ela estará tomando a alternativa unha nova voz da narración oral galega: Dani Lago.

A mañá do xoves 3 os contos volverás aos centros socioculturais da cidade da man de Cris Collazo (11.30 h, CSC Fontiñas, Procúrase Pepa a Loba), Charo Pita (12.00 h, CSC da Gracia, Andar aos biosbardos) e Luís Prego e Samuel Soto (12.00 h, CSC Figueiras, Na punta do pé).Pola tarde desenvolverase o roitero narrado A pegada de Castelao na compañía de Carme Varela e Quico Cadaval, xa coas reservas completas. Un percorrido pola Santiago de Castelao, evocando os nove anos que o rianxeiro pasou na cidade e que, xa no exilio, lembraba como tempo de ledicias. A través das súas palabras, o público adulto poderá redescubrir os espazos, as anécdotas e a alma dunha Compostela que falaba en badaladas, viños e callos. Os que non puideron conseguir praza nesta actividade, terán unha nova oportunidade a mañá do venres 4. As reservas para esta nova edición do roteiro abriranse hoxe, 24 de xuño, a partir das 12.00 h na web de Atlántica.

A noite do xoves rematará con Miguel Gouveia e Vénme ao bico un conto (21.00 h, CSC Maruxa e Coralia). O narrador portugués propón un encontro coa palabra contada, nun espectáculo para público adulto onde os contos flúen coa naturalidade da auga dunha fonte. Desde a Figueira da Foz, trae historias que xorden do cotián e convidan a compartir emocións, escoita activa e reflexión. Unha experiencia viva de comunicación e encontro entre quen conta e quen escoita, onde a imaxinación restaura o mundo palabra a palabra.

Seguindo a tónica do resto de días, a mañá do venres 4 de xullo, alén do devandito roteiro sobre Castelao, será tempo de historias para aos máis pequechos con Miguel Gouveia, Inés Álvarez Villa, Loreto Socorro e Paula Carbonell en diversos puntos da cidade. Pola tarde, ás 19.00 horas, o festival tomará o Museo do Pobo Galego con De cantos e animais, da arxentina Carolina Arabia. A investigadora e narradora presentará un relato íntimo e fascinante sobre os cantos que, en distintas culturas do mundo, foron creados para comunicarse con animais. Unha viaxe de oito anos que recolle testemuños e melodías de Colombia, Venezuela, Bután ou Marrocos, onde a voz humana se emprega para guiar, coidar ou consolar outras especies. Un espectáculo para público adulto que entrelaza narración e reflexión sobre a memoria sonora compartida entre especies.

Tamén o venres pero ás 21.00 horas, Atlántica regresa ao CSC Maruxa Coralia para explorar a marxe da realidade con Carmen Conde en O que non estaba escrito. Unha oportunidade para mergúllase nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Cun estilo que mestura realidade e delirio, Conde presentará unha escolma de relatos onde o cotián e o extraordinario conviven sen fronteiras. Unha proposta para público adulto que celebra as vidas anónimas e os contos improbables, devolvéndoos á palabra viva coa súa marca persoal. Nesta velada Carmen Conde estará acompañada de Aida Cobas, outra das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do festival.

A clausura de Atlántica en Santiago terá lugar o sábado 5 de xullo con dúas propostas moi especiais. A primeira, a estrea en Galicia de Historias de ida e volta, de Larraitz Urruzola, no Museo do Pobo Galego, ás 12 horas. Alí será o momento dun encontro cheo de emocións, lendas e tradición oral nun espectáculo para público familiar (+5 anos) no que conflúen contos populares, mitoloxía e memoria compartida. A través da súa experiencia vital entre Euskal Herria e Galicia, Larraitz ofrece unha mirada feminista e sensible sobre dúas culturas irmás, unidas pola palabra e a tradición.

E pola noite, ás 21.00 horas, no CSC da Rocha Forte, tempo para a estrea absoluta de Contara, de Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Contos escoitados ao pé da cociña e nas leiras, historias doutras persoas que o narrador lalinés devolve coa súa palabra viva, directa e sen artificios. En Contara, a súa voz é sementeira de memoria e emoción e cada relato, unha peza dun patrimonio que segue a medrar grazas a quen sabe escoitar e contar.

En Teo, palabra con raíces fondas

O concello de Teo súmase un ano máis ao Festival Atlántica cunha programación diversa que convida á veciñanza a gozar da narración oral en espazos naturais, escolares e patrimoniais. Serán cinco funcións dirixidas a públicos diversos, con propostas para crianzas e tamén para público adulto.

A programación comeza o mércores 2 de xullo ás 12.00 h no Parque dos Tilos con Artiloxios, de Oswaldo Pai, unha sesión para nenos e nenas a partir de 8 anos que mestura narración e inxenio con obxectos inverosímiles e moito humor.

O xoves 3 de xullo, tamén ás 12.00 h, o CRA de Casalonga-Calo acolle Garavanciña, unha contada a cargo de Bea Campos, baseada nun conto tradicional sobre unha pequena heroína chea de coraxe. A proposta está pensada para público infantil ata 8 anos e familias.

O venres 4 de xullo, a narradora Aida Cobas presenta A fada do saco verde no CEIP de Ramallosa – Lucí (12.00 h), un espectáculo que transforma os medos infantís en aventuras con maxia e tenrura. Xa pola noite, ás 21.00 h, na Antiga Escola de Nenas de Oza, chega desde Portugal Miguel Gouveia con Vénme ao bico un conto, unha contada para público adulto na que a palabra se converte nun acto íntimo e compartido, coma auga que nace nunha fonte.

O programa pechará o sábado 5 de xullo ás 21.00 h na Aldea de Penelas (Cacheiras) coa proposta de Atenea García, Vicio houbo sempre, un espectáculo de narración oral con retranca, crítica e memoria, especialmente dirixido ao público adulto.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20250624-NP-Atlantica-2025-en-Santiago-e-Teo

DOSSIER FESTIVAL ATLÁNTICA 2025 (SANTIAGO E TEO)

Santiago_Teo-Dossier-Atlantica-2025_compressed

*As imaxes de Paco Nogueiras e Yoshi Hiroki pertencen ao Festival Atlántica 2024

2ª Sesión de curtas dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, e coa financiación da ICAA-Ministerio de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais, organiza a 2ª Sesión de Curtas, coa proxección de 5 CURTAMETRAXES: AVETOMOLOGÍA, NOITES DE PRATA, SINAPSE, EU VOU COMIGO E PLATÓNICO, PLATÓNICA, continuando así coas proxeccións do CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta SEGUNDA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 28 de xuño de 2025, ás 20:00 horas.      

NOTA-INFORMATIVA-II-SESION-DE-CURTAS

Roteiros e feiras na Ulloa no mes de xuño

 O sábado 21 de xuño, Eira da Xoana convídanos a un roteiro dos endemismos e a unha obra teatral sobre Castelao.

– O domingo 22, o programa Goza do Ulla organiza un roteiro en Antas de Ulla (ver pdf).

– O sábado 28, Concomitentes, organizado por Ana Escariz, levaranos a un percorrido pola Uloa con diferentes paradas para comprender como se viviría na Ulloa do 2060. A xornada comezará en bus en Palas de Rei ás 10:30h e rematará cunha comida compartida en Do Picho (https://concomitentes.org/).

 – O sábado 28, celebrarase durante todo o día en Agolada a feira sostenible Fiando vida.

-O domingo 29, o programa Goza do Ulla organiza outro roteiro en Monterroso (ver pdf).

GozadoUlla2025_compressed

Xa´Lum presenta o seu novo sinxelo A FLOR DA AGUA

A artista galega XA’LUM presenta A flor da auga, dispoñible desde o 20 de xuño de 2025. O tema fusiona ritmos tradicionais galegos e latinos con sintetizadores analóxicos arpexiados, texturas etéreas e elementos sonoros autóctonos revisitados como alalás corais reverberizados e vieiras autotuneadas, creando unha viaxe sonora de amor propio e resiliencia. Inspirada na mitoloxía galega, a canción reinterpreta a feminidade e a natureza desde unha perspectiva empoderadora y contemporánea.

A flor da auga é unha canción sobre o autodescubrimento, a aceptación da vulnerabilidade e a forza interior. A través de imaxes líquidas e lunares, XA’LUM converte a dor e o desexo nun acto de renacemento, convidando a abrazar a propia natureza e a buscar a luz incluso nos momentos de escuridade.

XA’LUM (Iria Vilas Iglesias) compón, produce e interpreta este sinxelo, consolidando seu selo persoal: unha mestura de electrónica experimental, tradición galega e simbolismo natural. O seu estilo, comparado con artistas como FKA Twigs, Sevdaliza o James Blake, destaca na escea alternativa pola súa orixinalidade e profundidade emocional.

Desde 2021, XA’LUM gañou premios en España, colaborado con compañías de danza e desenvolveu a súa carrera entre Galicia e Francia, onde recibiu recoñecementos e actuado en festivais e salas de referencia. A flor da auga, interpretada na súa lingua natal, confirma a súa posición como unha das voces máis innovadoras da nova música alternativa.

O Salón Teatro do Centro Dramático Galego acolle este venres a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ da artista Isabel do Diego

No marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora está a traballar na súa proposta Brutalismo desde o pasado 2 de xuño en Compostela

Brutalismo é o novo traballo de Isabel do Diego en forma de concerto-escénico; un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que a creadora pregúntase cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI

Tras finalizar a estadía da súa residencia artística na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do CDG, Isabel do Diego ofrecerá este venres, 20 de xuño, ás 20.00h, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro, en Santiago de Compostela, con acceso libre ata completar a capacidade da sala 

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado 2 de xuño, a artista Isabel do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– iniciaba en Santiago de Compostela a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en torno á súa proposta Brutalismo. 

Brutalismo é é o novo traballo de Isabel do Diego en forma de concerto-escénico; un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que a creadora pregúntase cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI.

Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, Isabel do Diego ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada deste venres, 20 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, a creadora participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Brutalismo é o novo traballo de Isabel Do Diego en forma de concerto-escénico. Un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis alá dos construídos para as artes vivas. O seu formato álbum terá forma de EP con tres ou cinco novos temas.

En Brutalismo, Isabel Do Diego faise as seguintes preguntas: onde comeza e onde remata o folclore do século XXI? É a electrónica, como xénero permeable, o seu contedor máis inherente? É posible crear un universo atávico-musical no pleno século XXI?

Para poder imaxinar, crear e materializar Brutalismo, Isabel Do Diego interésase polas prácticas máis atávicas e minimalistas do folclore en relación á súa sonoridade, a súa musicalidade, a súa festividade e a maneira de poñer o corpo na escena para a súa execución. O corpo como instrumento total. O corpo-médium que necesita ser mostrado, o máis austero posible, para encarnar a música da maneira máis directa e rotunda. Atravesar ao público e habitar a electrónica como folclore en si mesmo. 

Para isto, Isabel do Diego realizará unha dramaturxia musical elixindo os temas máis crus, rítmicos e contundentes de todos os seus álbums, entrelazando con estes os novos temas de Brutalismo EP. Tamén actualizará sonoridades e melodías para que, así, este novo concerto-escénico sexa vivido como unha experiencia única e acorde aos seus propios códigos escénicos. 

Como vén sendo habitual desde o seu segundo álbum, Isabel do Diego está creando un novo instrumento, gavión, co que traducir á música o anteriormente citado e levalo á escena utilizando o corpo de maneira non tradicional ou académica. Gavión estará elaborado con aceiro inoxidable máis madeira virxe e, todo iso, conectado a un software. Neste instrumento-máquina é o corpo, como ser vivo, o ponte necesario para que a música brote.

É en Brutalismo onde Isabel do Diego pechará un ciclo de sete anos e propoñerá unha viaxe escénica-musical robusta e sólida. Un universo entre o atávico e atemporal do folclore e a electrónica. Unha performance sobrehumana onde desplegará unha electrónica poliédrica, vigorosa e centelleante que servirá de base para unhas melodías vocais tradicionais e austeras que se transmutarán a través dun corpo-médium en pleno fulgor vital. Ademais, a idea inicial é ampliar o equipo e contar con outros músicos-performers para desenvolver e amplificar esta posta en escena.

SOBRE A ARTISTA

Isabel do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– desenvolve, no seu traballo musical e escénico, un folclore austero, brutalista e sacralizado. O queixío electrónico de Isabel do Diego abre un corpo á fuxida que traza unha nova perspectiva sobre o folclore andaluz. A súa música é unha prótese folclórica que transcende os espazos que a carne non pode habitar. Un ser híbrido. Un corpo que, na escena, camiña entre o humano, o animal e o espiritual.

Entre a familiaridade rural e o extrañamento futurista, Isabel do Diego habita un universo escénico de gritos e susurros, de melodías tradicionais xunto a sonoridades quebradas, de ecos rurais e industriais, de mensaxes herexes e oracións, de fantasías sexuais e emocións castas. E moitos beats, samplers e sintetizadores. O seu cante e baile son monstruosos e de electrónica sacralizada. Un ‘trampantojo’ escénico que, como alegoría, non é racional nin clasificable, senón que mostra o misterio que gardamos baixo a pel en forma de cerimonia musical.

En marzo de 2020 publicou DEPUEBLO, o seu primeiro álbum. Este foi incluído na exposición “Romper el Aire” de Pedro G. Romero para a galería Alarcón Criado de Sevilla e elixido entre os dez mellores álbums de música de raíz por Mondo Sonoro. Visitou varios festivais como o Monkey Week (Sevilla), Flamenco viene del Sur (Sevilla) ou Sâlmon (Barcelona). E foi, tamén, artista residente en SONORIDAD.ES 2020-2021, comisariada por Daniel Valtueña para o centro KJCC de New York.

En marzo de 2022 publicou BESTIA SAGRADA, segundo álbum e o cal se pecha en colaboración con Maria Arnal no seu tema final Cataliza. O directo deste segundo traballo estreouse no Centro Conde Duque (Madrid) e tamén visitou o Festival La Orgullosa (Barcelona), Córdoba Ciudad de las Ideas, La Madraza en Granada, Flamenco EÑE off en Madrid, o Festival MIL Lisboa ou o MaF de Málaga. En abril de 2023 publicou ROZADURA, un EP de seis temas elaborado durante unha residencia de creación e concertos no Festival Flora de Córdoba 2022. Foi presentado en vivo en tres patios emblemáticos do Casco Histórico de Córdoba (Patio do Palacio de Orive, Patio de Las Campanas e Patio de San Basilio). 

En marzo de 2024 publicou o seu primeiro vinilo A CARNE VIVA, un concerto en formato vinilo gravado e cortado en vivo por Alhaja Records. O concerto-vinilo celebrouse na Sala Noble do Convent de Sant Agustí, Barcelona. En novembro de 2024 publicou GOZO JONDO, o seu segundo EP, con seis temas elaborados durante a residencia de creación Los Tientos, Granada 2023. A súa traslación a concerto-escénico foi estreado nos Teatros del Canal de Madrid.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias.

Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN I https://www.colectivorpm.gal/

2025.06.19.-NP-mostra-aberta-Residencia-Paraiso-Isabel-do-Diego