Confundimos euforia e felicidade, corrompemos o amor co veleno da impaciencia. Deturpamos a entrega co atropelo da comparación. Invalidamos o esforzo namentres facemos do abismo un lugar habitable, mentres extraemos da lembranza armas anuladoras.
Trementes na velocidade, aniquilados entre as liñas que traza, cremos progresar entre o ruído. Na consistencia indiferente do formigón, cre avanzar a nosa fraxilidade. E, na urxencia da carreira, afoga todo canto somos.
Betula, coma min, gusta do silencio. Na súa prestancia asoma unha complicidade longal e eu sei que, cando me espreguizo, ela estira comigo todas as súas utopías. E intúo que conxuga coa súa mirada algúns dos segredos que me habitan.
Isabel Risco protagoniza Bravas, o seu segundo espectáculo unipersoal, en que nos ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Unha historia sempre roubada, agochada e invisibilizada.
Bravas é unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valeroso clan, o clan que elas mesmas paren, amamantan, manteñen, constrúen cos alicerces da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.
Isabel Risco proponnos un xogo desde o teatro cómico e comprometido. Alegre e combativa, porque entende que se non podemos bailar, se non é divertíndonos, tampouco é a nosa revolución. Así, con este espectáculo pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade.
Bravas fai un repaso histórico pola nosa era, desde a época castrexa até o século XXIII. Unha viaxe no tempo con paradas en diversas estacións, reparando nas pequenas e grandes historias protagonizadas polas nosas mulleres. Isabel Risco ponse na pel dunha muller do rural galego de finais do século XXVII, dunha muller en loita en plena revolución industrial, dunha rapaza que descobre o mundo nos anos 60,… Mulleres do noso pasado, do noso presente e, tamén, do noso futuro. E todo isto pasado polo filtro, sempre aloucado, sempre cómico, sempre sorprendente desta actriz sen igual.
O espectáculo está dirixido por Fran Rei e foi premiado co III Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
O sábado, 5 de febreiro, Luís Caruncho estará, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para presentar o seu traballo musical “Poemas no peito”. Trátase dunha escolma poética que vai desde Rosalía até autoras de hoxe como Olga Novo, Marta Dacosta, Olga Patiño…, pasando por Manuel María, que Luís Caruncho canta acompañado de instrumentos tradicionais como a zanfona, a pandeireta e o pandeiro.
Hai lugares agardando, xente á espera, agasallos nun peto procurando o sorriso do neno que nos habita. E no solpor senlleiro pregúntome por que nos abrangue esa teima de vivir fuxindo de quen por nós pregunta, tamén nos días solleiros…