O FIOT acolle este xoves, 23 de outubro, a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ do artista Bal Castro no Pazo da Cultura de Carballo

No marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín e actor galego Bal Castro traballou en xullo en Bergantiños na súa proposta Instinto Desexo

Trátase dun proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio

Agora, xa finalizada a súa residencia, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar este xoves, contra ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, no marco do 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado mes de xullo, o artista Bal Castro traballaba en Carballo no marco na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura da localidade bergantiñá acolleu o pasado verán, durante dúas semanas, a residencia artística do actor e bailarín galego Bal Castro en torno á súa proposta que ten por título Instinto desexo, un proxecto de corte autobiográfico no que o creador fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.

Agora, coa súa residencia xa finalizada, Bal Castro ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Carballo este xoves, 23 de outubro, ás 20.00 horas, no marco da celebración do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT.

SOBRE O PROXECTO

Instinto desexo é o primeiro traballo en solitario de Bal Castro, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio. 

En Instinto desexo, Bal Castro nos achega a unha proposta na que reflexiona sobre a proxección da súa imaxe nos outros, proxección que pode suscitar un desexo dependendo da persoa que a mire. Ese desexo convértese no motor que o move cara ao seu último obxectivo: a procura insaciable de amor.

Bal interpela ao espectador afirmando que todos temos un capital sexual que utilizamos consciente ou inconscientemente, que todos temos algo que nos fai desexables, e proponnos unha viaxe imaxinaria polos diferentes contextos nos que se inscribe esta búsqueda, explorando os distintos códigos de comunicación non verbais empregados, apuntando que calquer erro á hora de ler ditos sináis pode acarrear riscos de intensidades variables.

A través de Instinto desexo, Bal quere adentrarnos nas distintas sensacións físicas e pensamentos gardados na súa memoria corporal presentes neses encontros furtivos, onde o feito de camiñar e camiñar nos sitúa nunha búsqueda incesante no que descubrir diferentes corporalidades e calidades de movemento, convidándonos a reflexionar sobre a hipersexualización e a mercantilización da nosa imaxe e dos nosos corpos no noso contexto social actual.

SOBRE O ARTISTA

Bal Castro é un actor e bailarín formado en interpretación xestual na ESAD de Galicia. Tamén formado en danza contemporánea en Oficina Zero da man da coreógrafa e artista Mafalda Deville, Porto. Complementa a súa formación en danza contemporánea da man de Olga Cameselle. Actualmente forma parte do proceso creativo de danza contemporánea da man do colectivo ICODACO.

No 2023 realiza as Residencias Paraíso xunto a Inés Santos co proxecto “TRANSPARENTAR”. Con este mesmo proxecto, no 2024 realiza a segunda residencia artística do mesmo proxecto nas Residencias Artísticas y Acción Cultural El Palacio, en Xixón.

Forma parte do elenco “Afectos” unha coprodución do Centro Coreográfico Gallego coa compañía Kirenia Danza. Non ano 2022 traballa no proxecto europeo “Antibullyng movement series erasmus” na cidade de Hildeshiem, Alemaña. Tamén formou parte da producción teatral do Centro Dramático Galego (CDG) 2020/2021 “Serva me, Servabote”.

Forma parte da compañía do estectáculo “Agro 5G”, gañador do primeiro premio na categoría de teatro do Xuventude Crea 2021 coa compañía de teatro físico Mevadeus. En outubro de 2022 estrea “Outora Nós” coa mesma compañía onde gañan o terceiro premio ao espectáculo mellor valorado polo público na categoría público adulto no ano 2022 na programación VigoCultura. 

Xunto a Inés Santos crea ENÉSIMA, unha compañía compañía centrada nas artes do movemento que nace como un espacio de libertade creativa no que poder expresar as súas inquedanzas artísticas.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2025.10.21.-NP-Mostra-Aberta-Residencia-Paraiso-Bal-Castro

Camiño Escena Norte bota o pano da súa sétima edición con teatro e danza en Vimianzo e Ribadeo

A compañía cántabra El Tejo Producciones presentará El jardín de las posibilidades o sábado 25 no auditorio municipal vimiancés, mentres que a asturiana ZigZag Danza bailará na Mariña a súa premiada Postales rotas

A sétima edición de Camiño Escena Norte bota o pano esta fin de semana coas derradeiras funcións, que terán lugar en Vimianzo e Ribadeo. O  programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa chega así as últimas representacións, logo de ofrecer numerosos pases dos 18 espectáculos do seu Itinerario Constelacións en 60 sedes espalladas polos seis territorios.

En Galicia, Camiño Escena Norte -que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais- programou desde o pasado 12 de setembro funcións tanto a ceo aberto como en recintos escénicos de Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Santiago de Compostela e Vilalba. Esta fin de semana terán lugar as últimas dúas representacións nos auditorios municipais de Vimianzo e de Ribadeo.

Así, o sábado 25, a compañía cántabra de artes escénicas e audiovisuais El Tejo Producciones presentará na Terra de Soneira El jardin de las posibilidades, do dramaturgo Carlos Troyano, quen describe así a peza:”Conta Federico García Lorca nas súas Suites que el coñece un lugar marabilloso chamado 

O xardín das posibilidades, alí habitan os amores que nunca foron, os fillos que non naceron e as decisións que nunca se tomaron. Se cadra alí aínda vive a súa amiga da alma Emilia Llanos, empeñada nun amor que nin sequera foi” .A obra propón un percorrido pola figura desta muiller e da investigación que iniciou con Agustín Penón para esclarecer o asasinato de Lorca.

O domingo 26 será a quenda de ZigZag Danza, a compañía asturiana de referencia en danza contemporánea que crea propostas innovadoras para todos os públicos. O seu traballo, presente en escenarios nacionais e internacionais, aposta pola emoción, a calidade e a accesibilidade, achegando a escena a públicos novos.

ZigZag Danza visitará o Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo con Postales Rotas, a súa premiada proposta de danza contemporánea para todos os públicos que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX, e coa que obtivo numerosos recoñecementos, como catro Premios Oh! das Artes Escénicas 2025 -entre eles, o de Mellor Espectáculo- ou o Premio Jovellanos á Produción Escénica 2024. 

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. É unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto. 

Na súa sétima edición, Camiño Escena Norte conta no seu programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións, con 18 espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e circo que se representan en 60 sedes. Neste 2025, CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN onta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

AXENDA 25 E 26 DE OUTUBRO | CAMIÑO ESCENA NORTE 2025

25.10, ás 20.30h | Vimianzo. Auditorio Municipal 

El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)

Teatro. Público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)

Teaser: https://vimeo.com/918910493

26.10, 20.00h | Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval

Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias) 

Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio (3€)

Teaser: http://youtu.be/2oXOFFuEUtM 

20251020-Axenda-CEN-Vimianzo-e-Ribadeo

Concerto CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO, do grupo coral Cantar Delas, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa financiación e patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputacion de Lugo, organiza o Concerto CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO, do grupo coral Cantar Delas.

O acto terá lugar o vindeiro domingo 26 de outubro de 2025, ás 20:00 horas, na CASA DA CULTURA DE VILALBA, e contará tamén coa actuación das canteareis LAMBE, LAMBE.

Gala de Entrega do VIII Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ a Eva Mejuto

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade á escritora gañadora, EVA Mª MEJUTO, polo seu libro “QUECO E KIKA”, que terá lugar o sábado 25 de outubro de 2025, ás 20:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.

NOTA-INFORMATIVA-gala-de-entraga

Lumedoloop lanza o seu primeiro manifesto, ‘Rico de Sabor’

Lumedoloop, a nova referencia do hip hop en galego, publica Rico de Sabor, un manifesto do materialismo afectivo fronte á aritmética fría do capital. Unha denuncia, en clave de retranca, da gran contradición do noso tempo: un sistema que promete abundancia para todos mentres estruturalmente require a escaseza da maioría.

Lumedoloop, que lanzará no mes de febreiro o seu primeiro disco, é o novo proxecto de Jamas, Møu e DJ Mil; e este Rico de sabor é o primeiro lume que dan a coñecer. Sobre unha instrumental exquisita asinada por Møu, Jamas asesta unha interpretación brillante que combina ironía, precisión poética e contundencia emocional. Un manifesto e toda unha declaración de intencións que, á vez, unha carta de presentación dun proxecto sonoro de gran personalidade e impacto. “Rico de Sabor, pero non teño un puto peso”, canta Jamas.

Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flow natural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.

Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flow natural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.

Saúdo de Jamas de Lumedoloop

Álex Cassen presenta CULPABLE, un adianto do seu primeiro disco

O artista vigués Álex Cassen lanzou hoxe Culpable, un adianto do seu primeiro disco, que é unha canción pop con reminiscencias de funky onde Álex Cassen retrata a forza do desexo e a intensidade dun amor prohibido. Cun ritmo fresco e dinámico, o tema convértese nun relato sonoro de atracción inevitable.
Este lanzamento marca o inicio dun novo capítulo na traxectoria do artista, servindo como adianto do seu primeiro disco, que verá a luz o vindeiro ano.

Ligazón da canción:

DOSSIER INFORMATIVO

DOSSIER-ALEX-CASSEN