Proxección da longametraxe documental FILMEI PAXAROS VOANDO, dirixida por Zeltia Outeiriño, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de LugoAcademia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe documental FILMEI PAXAROS VOANDO, dirixida por Zeltia Outeiriño, continuando así co CICLO MESTRE MATEO-2025 que durante estes meses brídanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta NOVENA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 30 de outubro de 2025, ás 20:30 horas. 

A entrada será de balde pero haberá que facer reserva de localidade na web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA-INFORMATIVA-FILMEI-PAXAROS

Sabela publica o seu innovador EP, BRÍLLANCHE OS OLLIÑOS, xunto coa colaboración con María Escarmiento

NON CHO PODO DAR, TEMA CONXUNTO COA SÚA COMPAÑEIRA DE EDICIÓN EN OT 2018, SAE CUN VIDEOCLIP GRAVADO EN CERVO CON REFERENCIAS Á MARUXAINA

Sabela publica o seu tan esperado EP, Bríllanche os olliños. Nel, a cantante aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste traballo discográfico. Seis temas que transitan o pop electrónico dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas. Aos xa publicados Hi, my loveEu espero aquíCamponaraiCerca de ti e A quen ignora, únese Non cho podo dar, focus track do EP que sae en colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo, María Escarmiento.

NON CHO PODO DAR, FOCUS TRACK XUNTO A MARÍA ESCARMIENTO

A canción destacada de Bríllanche os olliños é o tema Non cho podo dar, que ve a luz en colaboración cunha compañeira de edición do programa televisivo Operación Triunfo, María Escarmiento. Esta unión entre dúas amigas deu como resultado un tema de pop con sons máis ambientais e retrousos instrumentais, pero cun ton moito máis directo.

Nel, Sabela e María xogan coa idea de amar fóra do socialmente establecido, reivindicando que sentir nunca é un erro, por moito que desafíe as normas impostas. O tema nace desa capacidade inmensa de amar máis alá do permitido, de amar sen culpa; desa honestidade que leva a cuestionarse se o problema está en quen sente ou en quen impón os límites.Ao longo do tema extráense referencias aos mitos das sereas: mulleres libres, temidas e xulgadas por ser diferentes. En conexión con isto, o videoclip que o acompaña, gravado en Cervo, recolle a esencia dunha das grandes lendas da Mariña lucense, a Maruxaina, símbolo desa liberdade rebelde e indómita.

A PORTADA E A PRODUCIÓN

Este novo traballo discográfico da de Ourol tenta reivindicar o local como o concepto do que nace todo. Bríllanche os olliños é esa referencia galega á reacción tan xenuína como pura das cousas que te ilusionan, que che sentan ben. Dende este punto, Sabela constitúe un contexto no que converxen as distintas facetas da súa vida no rural. A portada do EP non deixa de ser outra defensa de que non é preciso marchar do rural para atopar o talento, xa que está confeccionada polo ilustrador e tatuador Pérez, natural de Viveiro. Nela podemos atopar referencias claras tanto ao título do disco, co ollo e o brillo que sae del, como a temas incluídos dentro do mesmo, como pode ser Non cho podo dar e esa referencia ás sereas.

O EP está confeccionado dende o rural pero cun son internacional, onde a faceta experimental de Sabela fixo que tomara a iniciativa de producir os seus temas baixo este prisma. Unha proposta ambiciosa que destaca as distintas versións que pode ofrecer a artista galega, dende o proceso de composición da letra ata o proceso de produción do tema. Este traballo recoñece a versatilidade da de Ourol e eleva o teito do seu pop electrónico a niveis de execución.

Este EP conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas, Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EPBríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e CamponaraiCerca de tiA quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.

A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la MúsicaPremios Mestre MateoFestival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.

TEXTO-PROMO-EP-BRILLANCHE-OS-OLLINOS-SABELA

20251024-NP-GAL-LANZAMENTO-EP-SABELA-BRILLANCHE-OS-OLLINOS

O circo contemporáneo, o clown, as Residencias Paraíso, as micro-escenas e a estrea en Galicia de ‘Yo solo quiero irme a Francia’ protagonizan unha nova fin de semana no FIOT

Este xoves, 23 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, o actor e bailarín galego Bal Castro presentará o work in progress do seu proxecto Instinto Desexo, no marco das Residencias Paraíso 2025 do Colectivo RPM

Tamén o xoves 23, de 16.00 a 20.00 horas, a Deputación da Coruña organiza no marco do #FIOT34 as xornadas ‘Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais’, con inscricións de balde a través de https://fiot.gal/programa/cultura-para-todas/

O Programa de Sala do FIOT achegará ao público a estrea en Galicia da nova aventura escénica de Contraproducións: Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana, Alicia Armenteros, Nieves de Medina e Anna Mayo, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura o sábado 25, ás 20.00h

Antes da función, o elenco e a produtora de ‘Yo solo quiero irme a Francia’ participará nun Café con… aberto a todos os públicos, no Salón da TV do Pazo da Cultura, o sábado 25, ás 17.45 horas

O OTNI chegará o domingo 26, contra ás 20.00 horas, a golpe do mellor circo contemporáneo con Masa madre, da Cía. CAÍ, unha proposta poética con técnicas aéreas, teatro físico e texto que explora o destino humano 

Pola súa banda, o FIOT en Ruta achegará ao Centro Social de Verdillo a obra Absurdia, de The Momento Impro, o domingo 26, contra ás 18.00 horas

O FIOT despedirase da VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2 coa representación de dúas novas creacións o sábado 25: Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30h, na Residencia de Maiores e no Pazo da Cultura, respectivamente

Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz

As últimas entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función


O circo contemporáneo, o clown, as Residencias Paraíso, as micro-escenas e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia protagonizan unha nova fin de semana no FIOT. Para abrir boca, este xoves, 23 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, o actor e bailarín galego Bal Castro presentará o work in progress do seu proxecto Instinto Desexo, no marco das Residencias Paraíso 2025 do Colectivo RPM. Instinto Desexo é un proxecto de corte autobiográfico no que o creador fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.

Tamén o xoves 23, de 16.00 a 20.00 horas, a Deputación da Coruña organiza no marco do #FIOT34 as xornadas ‘Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais’, con inscricións de balde a través de https://fiot.gal/programa/cultura-para-todas/.  Pola súa banda,o Programa de Sala do FIOT achegará ao público a estrea en Galicia da nova aventura escénica de Contraproducións: Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana, Alicia Armenteros, Nieves de Medina e Anna Mayo, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura o sábado 25, ás 20.00h. Antes da función, o elenco e a produtora de Yo solo quiero irme a Francia participará nun Café con… aberto a todos os públicos, no Salón da TV do Pazo da Cultura, o mesmo sábado 25, ás 17.45 horas.

Mentres, o OTNI chegará o domingo 26, contra ás 20.00 horas, a golpe do mellor circo contemporáneo con Masa madre, da Cía. CAÍ, unha proposta poética con técnicas aéreas, teatro físico e texto que explora o destino humano. Pola súa banda, o FIOT en Ruta achegará ao Centro Social de Verdillo a obra Absurdia, de The Momento Impro, o domingo 26, contra ás 18.00 horas.

O FIOT despedirase da VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2 coa representación de dúas novas creacións o sábado 25: Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30h, na Residencia de Maiores e no Pazo da Cultura, respectivamente. Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As últimas entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña en Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.

SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación.

No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc. 

Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.

Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento.“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Trátase dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. 

Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

 

MÁIS INFORMACIÓN

www.fiot.gal 

2025.10.22.NP-Quinta-Semana-FIOT34

Proxección do filme PREFIRO CONDENARME, de Margarita Ledo Andión, este sábado na Casa-Museo Manuel María

CINEMA, ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA COA PELÍCULA PREFIRO CONDENARME, DE MARGARITA LEDO

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 25 de outubro, ás 19.30 hrs, o filme de Margarita Ledo Andión,  Prefiro condenarme. Película de oitenta e oito minutos, estreada en 2024, producida por NÓS Produtora Cinematográfica Galega e cuxo reparto está composto por Sagrario Ribela Fra, Nardo Beceiro Ribela, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo.

A sipnose da película é a seguinte. A historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.

Ao final do filme haberá un coloquio coa súa directora, Margarita Ledo, que estará na proxección deste sábado en Outeiro de Rei. As persoas interesadas poden reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

NOITES DO PORTO, finalista a Mellor Evento Cultural e Musical na primeira edición dos Premios da Industria de Galicia

Os galardóns, promovidos pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entregaranse o 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela

Noites do Porto pecha a súa quinta edición cun sorriso e un recoñecemento da escena do país. O evento coruñés é finalista na categoría de Mellor Evento Cultural e Musical na primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que terá lugar o 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Noites do Porto naceu en 2021 para ser pioneiro e abrir un novo espazo de cultura e música para a cidadanía coruñesa: o Peirao de Batería do Porto da Coruña. Desde entón, e ao longo de cinco edicións, o festival expandiuse paseniño pola cidade para sumar numerosos directos, salas de concertos, espazos únicos, cápsulas de programación, diversidade estilística e disciplinas artísticas. A intención non é outra que ofrecer unha proposta musical única en Galicia ao tempo que se mergulla e se empapa do ecosistema cultural coruñés.

O festival foi pioneiro en explorar localizacións dende a súa primeira edición, mais tamén en incluír e incorporar o tecido cultural local no seu programa sen perder un ápice da súa identidade, demostrando que é posible ofrecer un evento cultural accesible, aberto a múltiples públicos e cun crecemento sostible e sostido, sendo leal ás súas premisas: propoñer concertos únicos, estreas, actuacións de lendas e novas bandas e artistas, regresos de formacións históricas e propostas para todos os gustos e estilos, especialmente para un público melómano.

Desde aquela primeira edición, con tres xornadas de concertos (29, 30 e 31 de outubro de 2021), un único escenario (peirao de Batería) e cinco bandas e solistas (Ángel Stanich, Bad Gyal, Califato 3/4 , Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Xoel López), Noites do Porto medrou ata o que é hoxe en día: un evento cultural que se estende xa por máis de 16 localizacións de toda a cidade e durante case 10 días de programación.

A empresa promotora de Noites do Porto, a coruñesa MASGALICIA, quere agradecer tamén hoxe o seu apoio ás institucións (Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Porto da Coruña) e empresas (Corporación Hijos de Rivera) que estiveron ao carón do evento desde o seu nacemento, pero moi especialmente a quen sostivo, coa súa presenza, estas cinco edicións de música ao vivo: o público.

20251021-NDP-Finalista-Premios-da-Industria-Musical

Os Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, dan a coñecer ás persoas e iniciativas nomeadas na súa primeira edición

Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e a Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos nomeados, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios

Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras 2 categorías: artista do ano e persoa do ano, mentres que o público poderá elixir, por votación popular, o premio da excelencia na experiencia do público 

Deste xeito, a Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia

Os Premios da Industria Musical de Galicia veñen de anunciar as iniciativas e persoas nomeadas na súa primeira edición. O proxecto, impulsado pola Asociación Galega de Empresas Musicais, AGEM, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano, mentres que o público poderá elixir, por votación popular, o premio da excelencia na experiencia do público.

Os proxectos, iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías son:

      Mellor deseño de iluminación:

o   Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.

o   Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.

o   José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.

Mellor implementación de son:

o   Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.

o   Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.

o   Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.

Mellor empresa provedora de servizos:

o   Escena Sonora.

o   Luxevan.

o   Vacaline.

Mellor profesional de produción:

o   Paco Iglesias.

o   Victoria Blanco.

o   Xabi Carnota.

Mellor manager:

o   Aitana Cuétara.

o   Kin Martínez.

o   Manuel Tarrío.

Mellor produción discográfica:

o   Iago Picó, por Pouland Studios.

o   Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.

o   Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.

Mellor posta en escena:

o   Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA.

o   Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.

o   Tanxugueiras, por DILUVIO.

Mellor promotor/a-programador/a:

o   David Pedrouzo, de Todo Medre.

o   Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.

o   Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.

Mellor proxecto de comunicación:

o   Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Alberti da Coruña, por Aquí tamén se fala.

o   The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.

o   Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.

Mellor identidade visual:

o   Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.

o   Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.

o   Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.

Mellor videoclip:

o   Lorenzo Negueruela, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.

o   Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.

o   Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.

Mellor evento cultural / musical:

o   Noites do Porto.

o   Surfing the Lérez.

o   WOS Festival x SON Estrella Galicia.

Mellor espazo musical:

o   Sala Capitol.

o   Náutico de San Vicente.

o   Café Torgal.

Mellor proxecto de sustentabilidade:

o   Festival Agrocuir da Ulloa.

o   Festival de la Luz.

o   Festival Sinsal SON Estrella Galicia.

SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.

En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.

Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.

Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, haberá un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións abriranse proximamente a través das redes sociais e da web de AGEM.

A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.

SOBRE O XURADO DOS I PREMIOS DAS INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA 

Anxela Baltar  é guitarrista, vocalista e compositora da banda galega BALA, proxecto activo dende 2015. Ela combina a súa traxectoria artística cun labor independente nos ámbitos da produción e a comunicación musical, colaborando en diversos proxectos culturais. Esa visión múltiple —desde o escenario e tamén detrás del— permítelle comprender a música como un ecosistema creativo, técnico e humano no que cada peza conta. Unha profesional que representa á perfección o espírito dos premios: talento, compromiso e perspectiva colectiva. 

Cecilia Carballido é unha profesional da xestión cultural especializada na produción de espectáculos ao vivo. Conta cunha traxectoria de máis de 25 anos no sector, tanto en compañías e empresas privadas como no ámbito público, onde foi xefa de produción da Agadic. Á vez que traballa como docente de produción, hai unha década crea a cooperativa de traballo asociado CUNDE SCG, dende onde impulsa proxectos culturais e eventos baseados na colaboración, a análise e a mellora continua. Apaixonada das feiras profesionais e da rexeduría técnica, Cecilia defende o traballo cooperativo como ferramenta fundamental para acadar obxectivos comúns.

Fundación Paideia é unha entidade de carácter social sen ánimo de lucro que, entre outros eixos, impulsa o emprendemento musical en Galicia a través de programas como SON Emerxente, Interritmos ou os coworkings conxuntos coa EOI. Proxectos nos que acompaña a proxectos galegos en fases iniciais e de aceleración con consultarías, mentorías, formación e visibilidade en festivais e mercados musicais. Tamén pon a disposición destes proxectos os Estudios Mans, un centro con máis de 240 m² de plató audiovisual e dotado dun estudo gravación profesional. Todas elas iniciativas que facilitan a artistas e bandas emerxentes a conexión con profesionais do sector, participando en redes de talento e oportunidade.

María Baqueiro é enxeñeira e consultora en sustentabilidade. Con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da consultaría, María ten desenvolvido o seu labor tanto en entidades públicas como privadas, impulsando proxectos que integran a sustentabilidade como eixo estratéxico. Tras chegar a este campo a través da moda, enfocou o seu traballo cara ao sector cultural e os festivais de música, acompañando iniciativas que buscan aliñar prácticas culturais e Axenda 2030. É responsable de sustentabilidade de festivais como Sinsal, recoñecido como evento máis sostible nos Premios FEST 2019 e 2023, e promotora do Pacto Cultura Sustentable, unha alianza galega que promove o traballo conxunto e coordinado para avanzar cara a unha cultura máis responsable, inclusiva e respectuosa co medio. 

Noel Miguélez é biólogo de formación e educador de profesión. Trátase dun dos divulgadores musicais galegos máis activos. Leva máis dunha década compartindo a súa paixón pola música desde múltiples frontes, combinando divulgación, análise e compromiso coa escena galega contemporánea. É autor do libro Galicia MusiCalidade: Unha terra feita de acordes, unha obra ilustrada que radiografía a riqueza e diversidade da música feita en Galicia, conectando xeracións e estilos. No ámbito radiofónico, é coñecido por ser a voz de Turbulencias en CUAC FM, programa de referencia para descubrir novas bandas e tendencias. Ademais, colabora con diferentes medios escritos e plataformas musicais, ofrecendo artigos e reflexións sobre a creación e a industria musical galega. A súa traxectoria aporta ao xurado non só ollada crítica e coñecemento musical, senón tamén compromiso con proxectos emerxentes, escenas locais e diversidade sonora.

Javier Becerra é xornalista, escritor e DJ. Formado nos fanzines dos 90, foi cofundador de Feedback-zine, un dos primeiros portais dedicados á cultura pop en España, colaborador en revistas como Ruta 66Sónica ou Vibraciones Pop e autor do mítico blog Retroalimentación, un espazo de referencia para a música independente en Galicia. Dende 2007 traballa en La Voz de Galicia, onde é redactor da sección de Sociedade e Cultura e firma habitual en Fugas. Ademais de escribir en medios, Becerra ten programado ciclos de concertos como Los Conciertos de Retroalimentación e publicado libros como Los Eskizos, electricidad a contracorriente e ¡Esto es pop!, afianzando o seu papel como divulgador da escena musical galega e estatal.

Tito Lesende é xornalista e divulgador musical. Acumula máis de 30 anos de traxectoria escribindo, falando e contando a música con paixón e criterio. Especialista en pop e rock, é unha das voces máis recoñecidas da Radio Galega, onde dirixe e colabora en programas desde 2001, sempre coa escena galega como punto de partida e referencia. En prensa escrita ten asinado columnas e reportaxes en publicacións como Rolling StoneRevista 40CinemaníaGrazia ou Diario 16, ademais de colaborar en ICON (El País), Vanity Fair e Efe Eme. É tamén director de Cultura Revista SGAE e autor de varios libros de temática musical editados en España e América. 

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.

O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

2025.10.21.-NP-nominacions-Premios-AGEM