Este venres 16, o quinteto lanzará un último avance, ‘Bomba de calor’, un tema power pop con guitarras afiadas e melodías vocais luminosas que aborda cuestións actuais como a crise da vivenda, a ansiedade ou mesmo o turbocapitalismo

A presentación do terceiro LP do grupo terá lugar o 6 de febreiro na Sala Capitol, cita na que adaptarán o seu repertorio para ofrecer unha noite memorable acompañados dos teclados e dos ventos d’A Orquestra do Quince, e na que tamén contarán con Ulex como banda de apertura

Familia Caamagno presentará este venres 16 de xaneiro ‘Bomba de calor’ o terceiro e último avance do que será o seu novo  LP, ‘Disco Comarcal’, un álbum que verá a luz o vindeiro 23 de xaneiro, e no que a banda se reivindica como referente no panorama rock e pop da escena galega. 

Familia Caamagno festexa neste 2026 os seus 15 anos sobre os escenarios cun novo traballo discográfico, ‘Disco Comarcal’, un álbum no que percorre diferentes estilos musicais -desde o power pop até o R&B, sen esquecer o pop e o rock- e que, sen perder un ápice do seu carácter irreverente e crítico, pon o foco no papel social que xogaron as discotecas comarcais en Galicia durante a segunda metade do século XX, especialmente nos anos 80 e 90, e que hoxe en día están pechadas ou abandoadas. 

Após os lanzamentos nas plataformas dos avances ‘De paseo en Portugal‘ e ‘Disco comarcal‘ -cuxo videoclip se rodou nun destes míticos recintos, como é o caso de ‘El Vergel’ na Ponte Carreira (Frades)-,  o venres 16 chega o terceiro e último sinxelo, ‘Bomba de calor’, un tema que amosa a solidez compositiva da banda e que se acompañará dun vídeo rodado na Coruña e dirixido por David Silva.

Bomba de calor’ é un tema de puro power pop, con guitarras afiadas, melodías vocais luminosas e coros que atrapan desde a primeira escoita. A letra aborda cuestións actuais como a crise da vivenda, a ansiedade ou a procura dunha saída nun mundo asfixiante dominado polo consumo, que non deixa espazo para o amor -ou que nada ten que ver con este-. Familia Caamagno envolve así unha mensaxe crúa cun son vibrante e optimista, e retoma unha crítica da que o quinteto xa dera conta co seu ‘Milagre económico’. 

Presentación de ‘Disco Comarcal’ o 6 de febreiro na Capitol

A presentación ao vivo deste ‘Disco Comarcal’ terá lugar o 6 de febreiro na Sala Capitol. O recinto compostelán transformarase nunha auténtica sala de festas coma as de hai 30 anos para recibir e celebrar, por todo o alto, o novo álbum dos Caamagno. Será unha ocasión moi especial pois os de Sigüeiro adaptarán as súas cancións e darán unha volta polo seu repertorio da man d’A Orquestra do Quince, formación con catro instrumentistas de vento (María Prado, Martiño Mato e Xosé Luís Miranda) e un teclista (Ale González). 

A gran festa de presentación de ‘Disco Comarcal’, alén de contar cunha formación única ao vivo, terá como banda de apertura da noite a  Ulex e, ao rematar, celebrarase unha sesión de baile na Sala Riquela  cunha selección de vinilos que fará  Pídechas o corpo.

As entradas para asistir á presentación de ‘Disco Comarcal’ están á venda (17€ máis gastos de xestión) a través da páxina web da Sala Capitol, www.salacapitol.com. Á hora de adquirir o billete, pódese mercar o vinilo cun desconto do 20% sobre o prezo orixinal (tirada limitada a 100 unidades). O disco poderase recoller o mesmo 6 de febreiro no recinto, nun posto de merchandising que se habilitará e no que tamén haberá outras novidades, todas asinadas polo recoñecido deseñador gráfico Álvaro Fernández, @unbuentipo.


LANZAMENTO ‘BOMBA DE CALOR’ , DE FAMILIA CAAMAGNO 

Data: 16 de xaneiro
Enlace pregarda sinxelo: https://orcd.co/bombadecalor


PRESENTACIÓN AO VIVO DE ‘DISCO COMARCAL’
Data: 6 de febreiro
Lugar: Sala Capitol

Entradas á venda en www.salacapitol.com
Prezo venda anticipada: 17€ + gastos de xestión
Prezo na billeteira (se quedan entradas): 22€

20260114-Bomba-de-calor-lanzamento-DC