
Colectivo Glovo presenta a estrea de ALÉN, a súa nova creación de danza contemporánea, que poderá verse por primeira vez o 16 de xaneiro no Teatro Ensalle de Vigo. Esta estrea supón un novo fito na traxectoria da compañía galaico-portuguesa, recoñecida pola súa investigación constante entre a fisicalidade contemporánea e as raíces culturais do territorio.
Ao longo de varias das súas creacións, Colectivo Glovo foi incorporando de maneira progresiva distintos elementos do folclore galego, e de forma específica da danza tradicional galega, integrándoos nunha linguaxe escénica propia e contemporánea. Nesta ocasión, ALÉN dá un paso máis alá nesta liña de investigación, afondando de maneira consciente e específica nestes códigos.
Para esta estrea, a compañía traballou estreitamente con mestres da danza tradicional, entre eles Iván Villar, co obxectivo de afondar, ampliar e resignificar a presenza destes elementos dentro da peza. Este proceso permite que o tradicional non apareza como cita ou referencia, senón como unha enerxía viva que atravesa o corpo contemporáneo e amplifica a súa potencia escénica.
ALÉN é unha creación escénica interpretada por catro bailaríns que explora o “máis alá” non como destino, senón como proceso: ese intre no que algo remata, pero o novo aínda non tomou forma. A peza propón habitar ese territorio suspendido entre o derrubamento e o renacemento, construíndo unha experiencia poética, física e sensorial de gran intensidade.
A proposta destaca polo seu dinamismo e pola súa enerxía constante. O movemento non se detén: evoluciona, transfórmase e xera un tecido escénico en permanente cambio, reforzado por unha dimensión ritual que convida o público a mergullarse nun tempo distinto, onde a percepción se expande.
A estrea de ALÉN está dirixida e creada por Esther Latorre e Hugo Pereira, con coreografía de Esther Latorre. O elenco está formado por Esther Latorre, Paula Urquijo, Xián Martínez e Marc Fernández. A peza conta con espazo sonoro de José Pablo Polo, espazo lumínico de Xacobo Castro e vestiario de Adolfo Domínguez, entre outras colaboracións artísticas destacadas.
ALÉN é unha coprodución co Centro Coreográfico Galego – AGADIC – Xunta de Galicia, e conta ademais coa participación como coproductores de Teatro Ensalle, Concello de Lugo, Concello de Ames, El Palacio. Residencias Artísticas y Acción Cultural de Gijón, Seattle International Dance Festival, Teatro de Vila Real (Portugal) e Auditório Municipal de Macedo de Cavaleiros (Portugal).
Tras a súa estrea en Vigo, ALÉN xa ten funcións confirmadas en Lugo, O Barco, Ames, Carballo, A Coruña, Santiago de Compostela e Xixón, ademais dunha xira internacional con funcións previstas en varias cidades de Portugal e nos Estados Unidos.
Ademais desta estrea, Colectivo Glovo continúa en xira con outras tres producións recentes: TABÚ (2022), ALLEO (2022) e TRÏADE (2025), con máis de 35 funcións confirmadas ao longo de 2026 en circuítos autonómicos, estatais e internacionais, consolidando así a proxección e continuidade artística da compañía.
A duración de ALÉN é de 55 minutos.
Alen-Colectivo-Glovo