The Rapants presenta La máquina del buen rollo na Sala Capitol con todas as entradas esgotadas para as noites do 23 e 24 de marzo
A banda muradá promete enerxía e diversión nos directos composteláns, cuxas entradas se esgotaron aos poucos minutos de saír á venda
A banda muradá The Rapants prepárase para estrear, ao vivo, o seu novo disco. A sala Capitol transformarase esta fin de semana nunha auténtica pista de baile para celebrar a posta en marcha de La máquina del buen rollo, o terceiro LP do grupo, un traballo publicado este xoves 14 e que convida, desde o primeiro e até o noveno tema, a bailar sen pausa.
La máquina del buen rollo, cuxos nove temas xa suman máis de 250.000 escoitas nas distintas plataformas dixitais, é un retrato fiel de The Rapants, un proxecto musical ateigado de diversión, talento e que conta cunha gran conexión co público nos directos. Neste sentido, non é baladí que o cartel de “entradas esgotadas” pendurara aos poucos minutos de saír á venda (as do sábado 23 en menos de 15 minutos, as do domingo 24 en pouco máis dunha hora, establecendo un novo récord para unha banda galega na Capitol), ou que repetiran visita hai unhas semanas a Bruxelas para actuar no EmigraSON: os ‘rapantes’ foron a sensación dos festivais que visitaron o pasado verán.
A primeira das festas de presentación de La máquina del buen rollo comezará ás 21.00 horas do sábado 23. The Rapants revisará os temas no seu novo LP, que transita entre o rock, o country ou o rap, e no que se inlcúen os singles Blaster W4u e Rue Franklin. Ao día seguinte, o domingo 24 de marzo, a banda subirase ao escenario da sala compostelá a partir das 20.00 horas. Nas duas citas o público poderá adquirir tanto os discos en formato físico como outros elementos do merchandising rapante.
A xira de presentación de La máquina del buen rollo continuará este mesmo mes de marzo. Tras ofrecer un concerto sorpresa (venres 29), The Rapants levará o seu directo o sábado 30 a Carnota, no marco da cita Víndemo ver. Á semana seguinte, a banda visitará a Sala Tizón de Xixón (venres 5) e a Festa do Queixo de San Simón de Vilalba (domingo 6). De cara á última fin de semana do mes, os rapantes actuarán no certame Último acorde x Johnnie Walker, que se celebrará o 26 de abril en La Sala do Wizink Center de Madrid.
En maio The Rapants iniciará a xira por festivais. As primeiras citas nas que xa se coñece a participación da banda son Ourensound,Portamérica, Surfing The Lérez, SonRías Baixas ou Osa do Mar, mais non serán os únicos escenarios nos que Matías, Samu, Xanma e Xaquín actúen este verán. Para coñecer todas as datas e mercar as entradas, pódese visitar www.therapants.es
XIRA LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO
23 e 24 de marzo – Santiago de Compostela. Sala Capitol. 29 de marzo – Concerto sorpresa. 30 de marzo – Carnota. Víndemo ver. 5 de abril – Xixón. Sala Tizón. 6 de abril. Vilalba. Festa do Queixo San Simón. 26 de abril – Madrid. La Sala – Wizink Center. Último acorde x Johnnie Walker. 24 de maio – Ourense. Festival Ouresound.
15 de xuño – Pontevedra. Surfing The Lérez. 5 de xullo – Azucreira (Pontevedra). Portamérica. 1 ao 3 de agosto – Bueu. SonRías Baixas. 6 ao 8 de agosto – Burela. Osa do Mar.
THE RAPANTS
The Rapants é talento, actitude e diversión. Nada en Muros no 2018, a banda surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen pausa”, coa intención de facer bailar ao público. 2023 foi o ano de eclosión de The Rapants. Un total de 38 concertos polas principais salas e festivais do noroeste peninsular demostraron, sen dúbida, que é unha das formacións máis destacadas do panorama musical do momento e que a súa conexión co público é imparable. Logo de publicar os LP Cariña de Raposo (2019) e O corasón como un after (2023), The Rapants presenta La máquina del buen rollo, un disco ao servizo do baile, da diversión e, como o seu nome indica, do bo rollo.
As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a arte de contar en galego
Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país nesta gran festa da narración oral
Aínda queAtlántica vaise a celebrar no verán, estes días xunta esforzos co festival Sete Falares de Pontevedra e co Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) para situar no mapa dos manifestos e reivindicacións a lingua do país e ás historias que nos identifican. Así, coincidindo co 20 de marzo, data de celebración do Día Internacional da Narración Oral, as tres entidades están a preparar unha axenda ateigada de propostas contratadas por diferentes concellos en bibliotecas, teatros, auditorios e tamén sesións solidarias en hospitais e residencias da terceira idade.
A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración en Galicia é de Paula Carballeira, recoñecida escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da narración oral do país. No seu texto convida a todos a contar e contarse, poñendo o foco na importancia de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas. Un convite a ser parte da historia, a ser inmortal… “se queres”.
O manifesto xa está a ser distribuído en centros de ensino, bibliotecas e concellos e pódese compartir desde ás redes sociais do Festival Atlántica, Sete Falares e Noga. Tamén nas devanditas redes estará dispoñible o programa completo de actividades que se van desenvolver nos concellos de Ares, Arteixo, Carballeda de Avia, Barco de Valdeorras, Betanzos, Boiro, Cambados, Campolongo, Chantada, Dodro, Fene, Lugo, Mañón, Marín, Mazaricos, Meis, Moaña, Monfero, Monterroso, Mugardos, Muros, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rubiá, Sandiás, Santa Comba, Santiago de Compostela, Soutomaior, Tordoia, Vigo e Ponte de Lima (Portugal).
Entre a vintena de artistas participantes figuran Aida Cobas, Alba de Vales, Amor Herrera, Ana Meilán, Ángeles Goás, Bea Campos, Brais das Hortas, Cándido Pazó, Carlos Rebolo, Charo Pita, Cris Collazo, Cris de Caldas, Inma Soto, Larraitz Urruzola, María Iglesias, Marta Ortíz, Monicreques de Kukas, Olga Abad, Pablo Díaz, Paco Nogueiras, Paula Carballeira, Pavís Pavós, Quico Cadaval, Raquel Queizás, Sole Felloza, Vero Rilo e Xabi do Camiño.
A ARTE MÁIS ANTIGA DO MUNDO
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes. Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio situando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
A partir do luns 18 e ata o domingo 31 de marzo de 2024, poderase contemplar no Auditorio Municipal de Vilalba a exposición ‘O Herbario de Rosalía’, unha mostra con 40 imaxes do Herbario real realizado polas profesoras María López Sández e Isabel Fraga en 2019, con fotografías de Miguel Fraga. Non se trata dun herbario científico, senón dun literario, unha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza. Está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Vilalba.
A exposición amosa 40 imaxes do Herbario divididas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada unha destas seccións vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza. Acompáñao un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos pregos.
Horario de apertura da expo: De luns a venres de 18 a 22h // Sábados e festivos de 12 a 14h
O IESCHA organiza a IX Ruta Cultural polas terras d’O CARBALLIÑO, prevista para o domingo 7 de abril de 2024 e para a que contaremos co acompañamento de FELIPE SENÉN, arqueólogo e escritor, nado n’O Carballiño.
Estiramos, estirados, os tempos de espera. Na procura de momentos que talvez nunca asomen. Na actitude de agarda, co desencanto acedo presente, imos definindo pasos. Pasos que tamén nos definen mentres nos afastamos co anhelo de achegarnos, cando seguimos coa semente no peto mentres nos distanciamos. Cando confiamos no sentido de orientación dun amor perdido nun labirinto.