Presentación do libro “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV) TOMO I A relevancia do Reino Galego Medieval”, de Francisco Rodríguez, na Casa da Cultura de Vilalba


O xoves, 16 de xuño de 2022, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, celebrarase o acto de presentación do libro “Unha estapa estelar e conflitiva de Galiza. (a segunda metade do século XIV) TOMO I A relevancia do Reino Galego Medieval”, do que é autor FRANCISCO RODRÍGUEZ. Intervirá, ademais do citado autor, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

NOTA-INFORMATIVA_LIBRO-PACO-RODRIGUEZ-copia

Exposición O CASTRO TAMÉN NA ORIXE DA LIXG, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, ven de levar a cabo a montaxe na Casa da Cultura da exposición “O CASTRO, TAMÉN NA ORIXE DA LIXG”, comisariada por Héitor Picallo e organizada por GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).

Permanecerá aberta do 1 ao 30 de xuño de 2022.

NOTA-INFORMATIVA-GALIX-O-CASTRO-

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: 15 voces da nova poesía galega

Autora: VVAA

Editorial: GADISA Retail SLU

Ano de publicación: 2021

Non sei se tocaba ou non unha antoloxía poética neste espazo, aínda que tampouco sigo unha orde fixa para falar dos libros. Porén, este chegou a minde casualidade, nunha das visitas á biblioteca. Pouco antes lera outra dasantoloxías poéticas máis recentes, Poesía galega novísima, publicada pola editorial Urutau, onde coinciden algunhas das voces que aquí atopamos. En calquera caso, a primeira impresión, unha portada na que aparecen case seguidas as palabras “poesía” e “GADIS”, descolocoume algo e iso xa foi motivo suficiente para espertar a miña curiosidade.

A introdución por parte da profesora María Xesús Nogueira desvélanos parte dese misterio, pois sitúanos na homenaxe á poeta Xela Arias, Letras Galegas 2021, defensora de levar a poesía a lugares pouco habituais. Debo recoñecer que me gusta a proposta e que me gustaría ver moita máis poesía pola rúa,polos parques, polos hospitais ou, incluso, polas autoestradas. Por que non? Mais o realmente revelador é o interior do libro. Poesía sublime que se filtra polos buratos dunha cesta da compra. Porque o feito de achegar a poesía a todos os públicos non debe restar nin un ápice da súa calidade.

Andrea Nunes, Tamara Andrés, Lúa Mosquetera, Gonzalo Hermo, Samuel L. París, Ismael Ramos, Quico, Helena Salgueiro, Xabier Xil, Rosalía Fernández Rial, Daniel Landesa, Celia Parra, Cristina V Miranda, Pompa & Boato e Alba Cid constitúen esta magnífica polifonía. Diversa na forma e no tema, mais impregnada de frescura e cotiandade. Así mergullámonos no amor- balea/ mentres se abren as espigas/ co recendo aínda do primeiro pracer/ brindando pola amizade/ escribindo postais desde cidades tristes/ lembrando o rito da casa cada quince de agosto/ asumindo a derrota en cada píxel da pantalla. Sen aforros/ sen reloxo/ perdidas nalgún lugar do atlas/ somos dor e somos pracer. Foi así como comezamos a parirnos…

Benvida sexa a poesía que, con furia nova, nos atrapa para sempre. Neste caso, deixarse vencer é a mellor das recompensas.

Andanzas do Suso de Lameliña. TRES MICRORRELATOS DE AMOR E UN POEMA DE DESAMOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

TRES MICRORELATOS DE AMOR E UN POEMA DE DESAMOR

UN DÍA DE PRAIA

Notei coma algo impactaba contra min. Erguín a vista do libro que estaba lendo, ao acubillo do tornasol, e vin achegarse correndo unha nena. Unha pelota coa figura do Pato Donald estaba ao meu pé. Mentres se agachaba , ollando cara a min, dixo:

-Pedón, zeñó.

Nos seus ollos vin a túa mirada. Calei a boca e continuei lendo:

   “-En todos nosotros hay una parte que desea morir -dije-, una pequeña caldera de autodestrucción que está siempre hirviendo bajo la superficie…”*

*Fragmto de “Leviatán” -Paul Auster.

PARADA DE BUS

O reloxo do Concello dá as seis. Fóra o calor é abafante. Tumbado na cama penso en ti. Coñecérate na parada de bus, xusto o día anterior a decretarse o confinamento. Apenas intercambiamos un par de palabras, suficientes. Tiven o presentimento de que pronto volveriamos vernos. A pandemia non o permitiu, non volvín verte.

O reloxo do Concello dá a media. Sigo a pensar en ti.

AMOR PLATÓNICO

Eras a nena que máis me gustaba. Ameite con enigmáticas verbas que só eu coñecía, ata enchoupar o corpo co resío dos teus beixos fantasiados. 

En poemas de verdes brétemas enarborei o estandarte dos meus soños. Agora érgoo ao vento por ver se atopo a apócema do teu sexo.

ARITMÉTICA DO DESAMOR

aritmética do desamor

orfo de ti

enumero caricias esquecidas

amargores revividos

sumas e restas combinadas

de afectos e desaires

algoritmos dun tempo

de cereixas confeitadas

e fiúnchos que arrecenden

Fallo do IV Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2022

Xurado do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2022

Na tarde deste xoves 26 de maio de 2022 fallouse o IV Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2002, que convoca o Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ. O xurado estivo formado por Ánxela Gracián, Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo, acompañados por Antía Rama Rvias, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade do Concello de Vilalba (en ausencia da concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade, Vanesa Siso Calvo) como presidenta do xurado, e Sonia García, técnico de Cultura de dito concello, actuando de secretaria, e Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ. Estes tres últimos con voz pero sen voto.

Ademais da alta participación, dado que se presentaron un total de 78 microrrelatos, o xurado destacou a boa calidade, en xeral, das obras presentadas.

Unha vez abertas as plicas, a relación das persoas premiadas foi a que aparece na seguinte listaxe gráfica:

A entrega de premios programarase en datas vindeiras.

Descargar PDF con lista de persoas gañadoras

Xornada “Certames de Poesía como motores dunha literatura propia”, o vindeiro 9 de xuño na Casa da Cultura de Carral

Terá lugar na Casa de Cultura de Carral o vindeiro 9 de xuño e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadores de diversos premios do país

A asistencia é gratuíta e o aforo limitado, e a inscrición debe realizarse a través do formulario habilitado en www.aculturaeundereito.gal

‘Os certames de poesía como motores dunha literatura propia’ é o título da vindeira sesión do ciclo de xornadas ‘A Cultura é un Dereito’, o programa que promove a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxecto de reflexionar sobre diferentes aspectos da cultura de noso e abordar estratexias para o seu desenvolvemento. A xornada, que está comisariada polo técnico cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo, terá lugar o vindeiro 9 de xuño na Casa de Cultura de Carral e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadoras de diversos premios do país. A asistencia é gratuíta e o aforo limitado. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina www.aculturaeundereito.gal

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, lembra que “a Deputación da Coruña leva anos facendo unha aposta clara pola creación a través dos certames literarios, entre os que se conta o González Garcés de poesía”, e neste sentido indica que “nun momento de mudanzas nos hábitos do público lector e no consumo de produtos culturais, vemos necesario analizar o impacto que os certames teñen no sistema literario e o seu peso real na promoción da creación”. Así, nesta xornada abordaranse cuestións como o fomento da escrita e da lectura deste xénero e o comportamento do sistema literario galego, entendido como a relación entre a edición e a recepción das obras entre o público.

O programa da xornada comezará coa presentación do estudo ‘Os certames de poesía en Galicia: unha análise das convocatorias actuais’, a cargo de Carlos Lorenzo, e continuará cunha mesa redonda na que participarán os editores Miguel Anxo Fernán Vello de Edicións Espiral Maior, Henrique Alvarellos de Alvarellos Editora, e Fran Alonso de Edicións Xerais. Seguiralle unha mesa redonda que baixo a epígrafe ‘Chámome poeta e preséntome a concursos’ reunirá a Miriam Ferradáns, Emma Pedreira e Xerardo Quintiá, e que estará moderada pola editora e poeta Dores Tembrás.

A quenda de tarde comezará coa presentación dos Premios de Poesía do Concello de Carral e o Miguel González Garcés da Deputación da Coruña, e continuará coa conferencia ’25 anos da poesía galega’ a cargo de Yolanda Castaño. A xornada rematará coa mesa redonda sobre ‘O futuro dos premios de poesía’ na que participarán Elvira Riveiro Tobío – Premio Eusebio Lorenzo Baleirón-, Gil Ares -premios Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome-, e Sonia García -Premio Concello de Vilalba- e que estará moderada polo poeta Eduardo Estévez.

Tras a clausura, terá lugar o concerto ‘Treides comigo!’ de Xoán Curiel en instalacións anexas á Casa da Cultura, e aberto ao público en xeral.

Programa-xornadas-Certames-de-PoesA_a

*Información e imaxe recollida da web da Deputacíón da Coruña