HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O FÍO

Miguel Díaz, O FÍO

O fío, que pode sempre romper. Flutuando nos territorios do medo, gaiola infame, anuladora.

E, entre o medo, o lugar desde o que miro e o lugar desde o que son mirado. Ambos construíndo (me). Conformándome no territorio das ilusións fracturadas. No que son non sendo.

As ruínas nas que me recoñezo. E nas que vexo aínda un fogar. Un fogar que me habita.

O fío, que pode sempre coser.

Andanzas do Suso de Lameliña. A PRIMAVERA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A PRIMAVERA

Acabamos de estrear a primavera. Velaí uns poemas que fan alusión á estación florida do ano

NATUREZA EN PRIMAVERA

Xa sei que vés de arribar dunha longa e fría viaxe,
que aínda o teu corpo non ten quentura dabondo.
Pero noto que comezas a amosar unha nova roupaxe,
con esa gama de azuis e verdes que tanto nos engaiola.
Un lixeiro nordés bota por terra o teu florido chapeu
e deixa albiscar uns brancos e fermosos cabelos.
Imperturbable, douta e vella mestra,
ensínasnos o ciclo eterno da nosa existencia,
e de novo, outra vez máis, amósaste coas túas mellores galas,
ti que tan pronto fas entristecernos coma aledarnos.
Quero mergullarme de cheo no teu vexado e débil existir,
e contigo compartir o rechouchío harmonioso dos merliños,
o primeiro cucar do arteiro paxariño, o croar das ras nas charqueiras.
Quero volver a ver polas noites as píntegas e os sapos cruzar as corredoiras,
escoitar o canto dos grilos e ollar coma a velliña fai o caldo.
Hoxe, benquerida e venerada natureza dás os primeiros pasos
cara ao teu novo estado, e acios de amarelas e recendentes mimosas
acicálanse para mellor engalanar o teu ben lucido verdor, ao tempo
que se rompe o silencio polo grallar dunhas pegas rebordás empoleiradas
no curuto dunha rebola, ou polo asubío dun árbitro e o bourear de cativos
que moi preto se divirten xogando ao deporte rei.
Sentado no valo da leira olfacteo o grato cheiro a herba fresca,
mentres acariño ao meu asustadizo e inquedo gatiño.
Ao fondo, carballeiras espidas, agardan a chegada de novos aderezos
e unha fumareda xurdida dun eido lixa o teu estreado traxe azul.
Un grupo de mozos e mozas, nas mans uns ramos de flores, entran no camposanto,
mentres ao lonxe, soa o estrepitoso ruído dunha motoserra.
Érgome e ollando para o ceo diviso un ronsel branco dun reactor
que semella converxer co teu cano cabelo.
Paseniñamente, con Tigre no colo, camiño cara á casa…
Unha saborosa empanada de liscos e un bo Mencía, por min agardan.

……………………………………………………………………..

Procuro nos teus ollos o verdor da primavera,
o canto dos paxaros de Vivaldi,
as adolescentes chorimas,
aquel vinte e cinco do setenta e catro,
Grândola Vila Morena…
E só atopo a ollada triste da soidade,
apenas un fío de esperanza.

……………………………………………………………………………………….

C or amarela
H ospitalaria flor
O rnato dos nosos montes
R aíña da primavera
I cona da galeguidade
M iña
A dorada adolescente.
……………………………………………………………………………………

Primavera,
soños de margaridas,
axóuxeres na distancia.

Primavera,
gacela en celo

na foresta da virxindade.

Primavera
en clave de sol,
melodía que se extingue.

………………………………………………………………………………..

Bebín da cunca da alba
O celme da túa querenza
Chegou a primavera
Nas ás dun novo amencer
Ardendo mais sen queimar
………………………………………………………………………………………………………..

Escribo domingo primavera
sinfonía cuarta de Mendelssohn
mentres a mañá pasa engorde
e unha gaivota alba e solitaria
sobrevoa un ceo aínda cinsento.
Escribo Florencia Roma Venecia
o sol tenuemente comeza a asomar
e abro a xanela para imaxinarte
desbordante luz do sur.
Escribo Andante con moto
beldade música Italia
Minueto con moto moderato
o sol aloumiña o meu rostro
e unha lixeira brisa
sansanica docemente o folio.
Escribo Saltarello acuarela napolitana.

Escribo…

Presentación do libro ‘Cerámica común na Gallaecia romana’, de Sara Barbazán Domínguez, na Casa da Cultura de Vilalba

Este venres 31 de marzo, ás 20:30, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro CERÁMICA COMÚN NA GALLAECIA ROMANA, de SARA BARBAZÁN DOMÍNGUEZ, organizado pola ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO MUSEO DE VILALBA-AMUPAV, entidade coa que o IESCHA colabora e apoia nas súas actividades e reivindicacións.

O acto contará coas intervencións de ÁNGEL VILLA VALDÉS (Museo Arqueológico de Asturias); EDUARDO RAMIL REGO (Universidade de León), e SARA BARBAZÁN DOMÍNGUEZ (autora do libro).

O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con solidariedade e lectura do Manifesto

As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nelas participan tamén -nas cidades correspondentes- Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes de NOGA, a asociación de profesionais da Narración Oral de Galicia

Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo

A XI edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vaise desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vigo, Lalín, Sanxenxo, Combarro, Ordes, A Laracha, Baiona, Burela, Narón, Culleredo, Meis, Moaña, Padrón, Salcedo, Negreira, Monforte, Forcarei, Vedra, A Guarda, Carral, Carballo, Teo. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Nesta edición a celebración salienta polo seu carácter moi solidario, xa que @s artistas o día 20 de marzo, percorreran as aulas e salas do Hospital Clínico de Santiago, do Provincial de Pontevedra, do Salnés e Montecelo levando historias aos pacientes de todas as idades dos diferentes centros médicos.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo, Atenea García, Raquel Queizás, Dani Blanco, Carlos Rebolo, Charo Pita, Ángeles Goás, Cris Collazo, Olga Abad, Celso F. Sanmartín, Ana Meilán, Ramiro Neira, Pablo Díaz, Larraitz Urruzola, Cris de Caldas, Carme Domech, Quico Cadaval, Sole Felloza, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento e a Street Band de jazz.

Ademais, nesta edición o histórico narrador, mestre de narradores, escritor e director de teatro José Campanari é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos de tecnoloxías e pausas inexistentes a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros ao redor dunha mesa, para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.

Unha arte de sempre e moi viva

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que a asociación de profesionais da Narración Oral Galega (NOGA) insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes.

Por iso levan traballando dende os festivais e NOGA para visibilizar e poñer en valor o seu oficio poñendo a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias. No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

20230317-NP-Dia-Mundial-da-Narracion-Oral-2023