Edición antologada de “HENKO. Nas celúlas do efémero”, de Miguel Díaz, para celebrar o Día do Libro 2023

Culturalia GZ celebra o Día do Libro 2023 coa publicación dixital da obra HENKO. Nas células do efémero, de Miguel Díaz. Nesta edición antologada aparecen recollidas vintetres propostas de literatura visual e textual, selccionadas dentro do espazo homónimo HENKO, que este autor mantén na web cultural arriba citada, e nas que destaca esa maridaxe de palabra e imaxe que ofrece a súa particular mirada.

Enlace á obra HENKO. Nas células do efémero

Andanzas do Suso de Lameliña. A GATA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A GATA

Toda a vida traballando coma unha desgraciada, e total para que? Para pasar os derradeiros anos, sen motivación ningunha, medio vexetando, deixando correr as horas, os días, os meses, os anos… Agardando ese día que a todas nos chega e, oxalá que sexa dun xeito, aquí te pillo, aquí te mato, que non hai cousa peor que estar sufrindo e agoniando na casa ou peor aínda, nun hospital. Total para ao final terse que marchar. E por riba aturar o imbécil do marido, que o único que fai é pasar o día cos ditosos encrucillados e as sopas de letras, cando non escoitando nun vello radio casete, que non sei como aínda é capaz de emitir son algún, cancións de Lola Flores, As Grecas ou Dani Daniel.

Levaba tempo con estes pensamentos e ideas derrotistas, ata que unha tarde despois de escoitar ao pánfilo do meu Lolín dicir que iamos necesitar un gato porque o galiñeiro estaba infestado de ratos, decidín cambiar de actitude. Pero imos ver, isto non pode seguir así. Eu que sempre fun unha muller arroutada e que nunca me dobreguei ante nada non podo seguir un día máis con este xeito de vida, razoei para min.

Lolín, por unha vez na vida acababa de abrirme os ollos. Que mellor gata ca min! Porque debo confesar que eu sempre fun algo felina, se cadra moito. Forte e resistente coma brava gata, preparada para esta vida, que en si, non deixa de ser un risco. E fun consciente de que chegara o intre do comezo dunha nova etapa e propúxenme ser unha gata da cabeza aos pés. Unha auténtica felina; nada de medias tintas.

E aquí estou no galiñeiro da Cortiña, horas e horas á caza do rato, e cando non, durmindo ou tomando o sol. Meus pobres, foron liscando, que remedio. Mais non me preocupa hai abondos pola leira abaixo e nos galiñeiros veciños. Malo será que no tempo que me queda neste mundo non teña alimento abondo. Porque eu, o que si non quero, é esa merda de penso que din que ten peixe e moitas porteinas. Que o coman as miñaxoias de agora, que están tan afeitas a el e que desprezan esta tenra e deliciosa carne ratonil.

—A ver Auroriña. Vés para a casa ou quedas aí. Desde hai unha tempada non saes do galiñeiro. Calquera día quedas a durmir. Por certo desde hai un tempo non se ve un rato. Mellor, non gañaba para penso. Non lle deixaban nada ás galiñas.

Pero será parvo este meu home. Xa vai boa que deixei de ser Aurora e aínda non se decatou. Maldita a hora que o coñecín na romaría do Carme. Máis me valera quedarme alindando as vacas no Prado Novo.

O Festival Atlántica de narración oral quenta motores cun espectáculo de Carolina Rueda e Quico Cadaval no Salón Teatro de Santiago

  • A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval actuarán no Salón Teatro de Santiago o vindeiro 18 de abril ás 20 horas
  • A actuación destes dous referentes do mundo dos contacontos é un adianto da undécima edición do Festival Atlántica que se vai celebrar en xullo
  • As entradas xa están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros

A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval van protagonizar o espectáculo Quentando motores para Atlántica, un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que se celebrará en xullo. A cita con estes dous mestres dos contos será o vindeiro 18 de abril no Salón Teatro de Santiago ás 20 horas e as entradas xa están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros.

Carolina Rueda e Quico Cadaval son referentes da narración oral de cadanseu país. Colombia e Galicia teñen na arte de contar historias un dos cernes da súa cultura. Nos dous países conta contos unha porcentaxe altísima das persoas. As máis sen cobrar. Mais hai un número cada día maior que fixo de contar historias a súa profesión. Os relatos saen das tabernas, dos fiadeiros, dos autocares e dos mentideiros para entraren nos teatros e no ámbito académico. A arte ancestral que vén das lareiras primitivas converteuse nun dos emblemas da modernidade. Algo tan simple como contar historias en voz alta. Aínda que ás veces Rueda e Cadaval non o fan tan sinxelo. Nas súas narracións aparecen, cando menos se espera, elementos sorprendentes que alteran as peripecias, bifurcan a trama, escurecen o camiño e toldan o río da acción.

Cadaval e Rueda coñecéronse no 2002 en Lima, no festival Déjame que te cuente. Dende aquela atopáronse nunha morea de eventos e nalgúns partillaron palco e público, como en Atlántica, sen ir máis lonxe. Artisticamente coñécense ben, por iso puideron escoller o repertorio un da outra e viceversa. Todo comezará pola frase “Bótalle aquel tan bo…”. Aparecerán, abofé, algúns éxitos do dúo. Clásicos como a historia dos ladróns que asaltan unha pastelaría ou o da gata que adopta uns pitiños que un accidente de tránsito deixara orfos. Nos outros contos non han de faltar o misterio, o erotismo, o espanto, o tráfico de arte, a violencia en locais de lecer e un etcétera que se desvelará neste petisco do Festival Atlántica 2023.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

QUENTANDO MOTORES PARA ATLÁNTICA
Carolina Rueda (Colombia) e Quico Cadaval (Galicia)
20:00 h | Salón Teatro (Santiago de Compostela) | 8 euros
Público adulto | Castelán e galego
Entradas: https://QuentandoMotoresAtlantica.eventbrite.es
Día da función: 2 horas antes do espectáculo na taquilla do Salón Teatro

20230411-NP-Quentando-motores-Festival-Atlantica

Presentación do libro BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS PIRATAS, de Luz Campello, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro VENRES 14 de ABRIL de 2023, ás 20:00 H., na CASA DA CULTURA DE VILALBA celebrarase a presentación do libro BEN SABE O MAR QUE POSÚO O BOTÍN DAS PIRATAS, de LUZ CAMPELLO, editado pola EDITORIAL GALAXIA

O acto contará coa presenza da autora do libro, LUZ CAMPELLO; con PILAR MASEDA e LUZ AIRADO, poetas da NPG, e con MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_LUZ-CAMPELLO