Na imaxe, familiares de Darío Xohán Cabana con representantes da Asociación Cultural de Pino
Na xornada vespertina do sábado 20 de maio, o local da Biblioteca Rural de San Martiño de Pino acolleu o acto de doazón de exemplares da obra e da biblioteca de Dario Xohán Cabana. Dito espazo cultural resultou escaso para a afectuosa acollida manifestada pola veciñanza de Pino e doutros lugares que se achegou para recibir unha parte do legado literario do escritor (da parroquia natalicia de Roás, en Cospeito) a esta biblioteca rural chairega. A súa viúva Amelia, a súa filla Alexandra e a súa neta Leonor foron receptoras da gratitude e o agarimo que lles ofreceron as persoas que alí se congregaron.
O acto, organizado pola Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ, fíxose amigable e emotivo xa na intervención inicial da presidenta da citada asociación, Inés Lozano Carral, quen, coas súas palabras, quixo ser voceira do recoñecemento colectivo experimentado ante a dimensión de tal doazón literaria. Despois interveu Ana Castro Pardo que, atendendo ó seu labor docente, realizou un esbozo da figura de Darío Xohán Cabana. A continuación, o escritor Martiño Maseda recitou unha carta-poema creada ex professo para tal celebración. Un momento especialmente emocionante aconteceu cando se proxectou un vídeo con imaxes do propio Darío, no que tamén apareceron outras persoas que quixeron homenaxealo lendo textos das súas obras Galván en Saor e As aventuras de Breogán Folgueira. ou dicindo, a través dunha frase encadeada, unha inesgoble expresión de GRAZAS. Deseguido tomou a palabra Alexandra Cabana Outeiro que, ademais de realizar unha sentida defensa dos libros como un alimento vital necesario, declarou o seu agradecemento polos instantes acontecidos durante o acto de doazón. Agradecemento ao que se sumou a súa nai Amelia Outeiro, quen tamén trasladou a satisfacción de ver como froitos literarios do seu compañeiro de vida, Darío Xohán Cabana, repousaban nos andeis da Biblioteca Rural de Pino para que os desfrutasen as persoas usuarias de devandita biblioteca.
O evento rematou coa interpretación do himno galego por parte de Avelino Roca (secundado polo coro de voces das demais persoas asistentes) co acompañamento musical ao acordeón de Suso Álvarez. Aínda que a súa conclusión definitiva prolongouse coa conversa entre os presentes aderezada coa degustación dun ágape.
De Abadín chega este próximo sábado, á Casa-Museo Manuel María, a narradora oral Ángeles Goás que levará a cabo unha contada dirixida para as crianzas, a partir de 5 anos, e as súas familias. Traerá, xunto con ela, un enorme saco máxico cheo de historias que trocará por rimas, refráns, trabalinguas…
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), dentro dos actos programados co gallo das Letras Galegas’ 2023, organiza a conferencia que leva por título “FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. UN LOITADOR POLA IDEA DE GALICIA”, que será impartida por MALORES VILLANUEVA, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesora, tradutora, editora e crítica literaria. É autora do libro co mesmo nome, editado por Galaxia.
O acto terá lugar o venres 26 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
Da escola, o que máis me gustaba eran os mapas pendurados nas paredes da aula. Se a tarefa non era do meu agrado, a vista íase a un deles e cando me descoidaba estaba enMula ou en Trujillo. Que viaxes aqueles, pola Península, Europa, América! E xa non digamos, cando me caía nas mans un atlas, poder ir a sitios como Kilimanjaro, Popocatépetl, Haway, China ou as Illas Bora Bora, non había diñeiro que o pagase. Tamén me resultaba moi curioso atopar nomes de cidades españolas en América: Córdoba, Toledo, Guadalajara… Non comprendía aquelas duplicidades. E despois estaban aqueles mapas mudos que para aforrar, tiñamos que calcar e pintarlles as cordilleiras, mares, lagos, ríos… para logo ir escribindo neles os nomes de todo o que aprenderamos o día anterior. Nunca esquecerei as illas norueguesas, Illas Lofoten. Cada vez que nos tocaba dicirllas ao mestre, tiñamos que ter coidado de non botarnos a rir se non queríamos recibir unha boa labazada. Pero do norte de Europa o que máis me prestaba era repetir como se fose unha ladaíña, os estreitos do Báltico: Skagerrak, Kattegat, Sund, Gran Belt e Pequeno Belt. E así, a pesar de tratarse dunha educación totalmente memorística, eramos capaces, grazas a imaxinación, de trocar aqueles nomes memorizados á forza nunha marabillosa viaxe, sen saír do noso pupitre.
UNHA XANELA NA NOSA VIDA
Sempre hai unha xanela na nosa vida que destaca sobre todas as outras. Eu quedaríame coa da cociña da miña casa de Castroverde. Sen lugar a dúbidas foi a xanela a que máis veces me asomei. Desde alí podía ver as leiras da Ferrería ( hoxe atópase o Centro escolar e outras vivendas), pero sobre todo ao fondo destacaba o Castelo e as choias rebulindo en torno a el. Esa imaxe levareina sempre gravada na retina. Outra xanela, que ben podía competir con esta, é a da cociña do piso de A Veiga. Desde alí a vista non tiña nada que ver coa de Castroverde. O primeiro que se divisaba era o río Monjardín, e en lugar de choias, o que por alí buligaban eran bandadas de muxes e nenoscoas canas á captura dalgún. Pasado o río, aparecían as primeiras casas do barrio do Fondrigo. A maiores, sempre fisgaban por alí as clásicas gaivotas que viñan da ría, sobre todo cando lles arrebolaba faragullas de pan, as que axilmente apañaban ao voo.
Onte 11 de maio, ás 12:30 h., celebrouse a xuntanza do xurado deliberacdor do V Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2023, que convoca o Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ. O xurado estivo formado por Cecilia Fernández Santomé, doutora en Teoría Literaria e escritora galega, Ánxela Gracián, tradutora e escritora, e Armando Requeixo, profesor, escritor e crítico literario, coa presidencia de Antía Rama Rivas, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, en substitución de Vanesa Ruth Siso Calvo, concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade, e como secretaría, a técnica de Cultura Sonia García Paredes.
Na ínfima, íntima forma, na que ti me convidas a ser contigo merlo, bubela, lavandeira. Nos sutís xestos dunha primavera incipiente, en medras.
A mirada miña, que sempre é inconclusa, que crece, rebe, que flutúa, que respira, que habita momentos, que me ispe. A mirada miña que estando non me leva, que buscando non atopa, que sendo non chega. Con ela falarme na imaxe, fuxindo por un momento das sombras do tempo perdido, do desencanto que me provoca a existencia.
Procuro. Cos banzos da beleza, que vagamente capturo. Capturándome a min mesmo con eles, nun intento de acollida. Nunha aperta de carballo de maio.
Procuro. Desde o último chanzo ao que me alzo. Desde o último chanzo estendo os brazos, estiro os dedos. Sinto nas xemas aire de fracaso, de baldía tentativa. De baleiro por non ser quen de tocar a beleza última, de ti compañeira. A beleza última dun amor inconmensurable. O inconsciente pronúnciate e eu non son capaz de que ti me pronuncies.