A coreógrafa e bailarina Clara Pampyn trae o seu proceso de investigación, mediación e creación ‘Las bailarinas no tocan el cielo’ a Carballo

O Pazo da Cultura de Carballo acollerá a residencia artística da creadora, que forma parte do programa Residencias Paraíso 2023, impulsado polo colectivo RPM e que conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Carballo,desde este luns 17 e até o domingo 30 de xullo

No seu proceso, Pampyn rende homenaxe ao traballo das intérpretes da danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos

Este proxecto terá unha apertura pública no marco do 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT no mes de outubro

A bailarina e creadora madrileña Clara Pampyn trae o seu proceso de investigación, mediación e creación Las bailarinas no tocan el cielo ao Pazo da Cultura de Carballo. A residencia artística da artista comezou este luns, día 17, e estenderase até o vindeiro 30 de xullo. No proceso, que forma parte do programa Residencias Paraíso 2023, impulsado polo colectivo RPM e que conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Carballo, Pampyn rende homenaxe ao traballo das intérpretes da danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos. Este proxecto terá unha apertura pública no marco do 32ª Festival Internacional Outono de Teatro – FIOT en outubro. 

Las bailarinas no tocan el cielo traballa sobre a figura da intérprete en danza ou nas artes do movemento, en marcos contemporáneos. É un proxecto de investigación, mediación e creación. Por unha banda trata de abrir espazos de diálogo entre bailarinas que adoiten traballar para outros artistas a través de laboratorios, onde se propoñen dinámicas de discusión e prácticas físicas, e a través de entrevistas persoais. Paralelamente traballamos tamén nunha peza escénica, titulada As que bailan, que trata de facer visible as problemáticas deste lugar. Xuntas falamos da soidade, a fe, a autonomía, as relacións de poder, o diñeiro e o paso do tempo, en relación ao noso traballo. 

Como parte deste proceso, Clara propón un laboratorio dirixido a bailaríns que traballan ou traballasen para outros artistas baixo o título Las bailarinas no tocan el cielo, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Carballo entre o 18 e o 29 de xullo 2023. As sesións colectivas marcaranse en relación á dispoñibilidade das interesadas. Os e as interesadas poden ampliar información e inscribirse no laboratorio na seguinte ligazón: https://forms.gle/WTYLu8aKYHAqZhx56.  

SOBRE CLARA PAMPYN 

Clara Pampyn é bailarina e coreógrafa. Como creadora, funda en 2016, xunto a Alberto Alonso, o colectivo Laimperfecta, co que crearon varias pezas. A últimas foron: Twist (Teatros del Canal, 2018) e Fuga (Escena Patrimonio, 2021). Tamén traballa como coreógrafa para a cantante Silvana Estrada, coa que crea a coreografía de varios vídeos musicais e un concerto escénico, Marchita, estreado en xaneiro de 2023 no Prototype Festival de Nova York. Como asistente de coreografía traballa para Jesús Rubio Gamo en Danzas do Sur de Europa e para Alberto Alonso en Sudar FolcloreSobrelajuventud e 262mil pasos de baile.

Como docente, imparte clases para a formación profesional en danza contemporánea no Estudo de Danza Carmen Senra e en BambúDanza, en Madrid. Como intérprete, traballa para Elena Córdoba en Y pareceremos árboles (2022) e en Criaturas del desorden (2021); para Jesús Rubio Gamo en Acciones sencillas (2021), Gran Bolero (2019), Danzas do Sur de Europa (2018) e Bolero (2017); para Lucía Marote en El ojo del huracán (2021) e Ela (2019); e para Poliana Lima en Las cosas se mueven pero no dicen nada (2020), entre outras. É candidata aos Premios Max como mellor intérprete feminina de danza en 2019 por Gran Bolero e en 2022 por Acciones sencillas.

SOBRE LAIMPERFECTA

Laimperfecta son Alberto Alonso e Clara Pampyn, un colectivo afincado en Madrid formado en 2016. Noméanse como colectivo porque tratan de permanecer preto unha da outra, sen cercar a maneira na que participan dos procesos. Os seus roles van cambiando, pero o leitmotiv é sempre o mesmo: apoiarse e impulsar as súas inquietudes. Teñen un forte interese no coreográfico como soporte para depositar a enerxía e a súa transformación e nos estados físicos e emocionais que xera o movemento do corpo. Tamén nos procesos que pensan e cuestionan os nosos contextos.

2023.07.17.NP-Residencias-Paraiso-Carballo

Andanzas do Suso de Lameliña. HORA DO CAFÉ

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

HORA DO CAFÉ

Hai persoas que son coma un libro aberto, tal é o caso de Gumersindo Pombeiro, un home que ten resposta para todo, fálese de agricultura, astroloxía, puericultura, gastronomía…, pero sobre todo de política.

Desde hai uns días decidín evitar no posible, tascas, cafeterías ou outros establecementos dese teor. O motivo non é outro que non atoparme, agora que o asunto politiqueiro está caldeado, con algún destes Gumersindos que non paran de amolar.

Gústame tomar un café tranquilo, asumindo que nun momento dado Antonio se poida cabrear con Manolín porque se deixou comer o tres de triunfo e bote uns berros que se escoiten no Cereixal: Me cago na cona que te pariu, sempre fas o mesmo! Eu que nese intre estou botando as pingas de augardente, pego un brinco, e aló vai media botella polo mostrador adiante. Serás pelandrán, agora tíñache que cobrar a botella enteira, dime a camareira. Estas cousas entran no cotián e xa estou afeito. Agora que alguén me solte un sermón sobre as bondades de Abascal ou do noso paisano Feijoo, non estou disposto a aturar.

Levaba días tomando o café tranquilamente na casa: Ben cargadiño, a metade dun vaso dos que uso para tomar viño, rebaixado cunhas xenerosas pingas de augardente. Pero hoxe decidín ir ao bar. Senteime nunha mesa da terraza e aínda ben non pedira, apareceu Gumersindo con outros tres colegas. Xa temos lea montada. Viñan falando de impostos, de que non había dereito a pagar tanto, que como non íamos defraudar, que se mellor en negro, bla, bla, bla… Ti que opinas?, me preguntaron. Eu? Pois que este café está moi bo; non hai bar en toda a vila que o prepare mellor. Non xa, non fai falta que digas nada, xa sabemos de que pé coxeas, sentenciou Gumersindo mentres os outros se botaban a rir.

Nisto que aparece Amparín e achegándose a Gumersindo, tras saudalo efusivamente, dille: A ver que pasa o 23. Temos que botar a esta tropa de mangantes que nos van levar á ruína. Tes razón muller tes. A este paso acabamos coma en Venezuela, respóndelle.

Estiven a piques de caer da cadeira do susto. Venezuela? Pero iso non estaba caducado? Mi madriña!, Venezuela, o que nos espera. Non puiden aguantar máis collín e levanteime e despedíndome deles díxenlles: E Venezuela non é o peor. ETA ETA que me dicides de ETA?

Alí os deixei murmurando de min. Haberá que seguir tomando o café na casa ata que pase a treboada. Promesa que xa me fixen aí atrás e hoxe acabo de incumprir. Non me estrañaría que dentro duns días ou se cadra mañá mesmo volva incumprila. Son un home débil de carácter e no fondo algo masoquista.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: AFASTADOS

Cómplices na risa, sosteñen a barbarie coa súa aquiescencia. Na ausencia de compromiso, bourean asemade, nunha estúpida sinfonía de compadreo. Tecidos nunha desmemoria escollida que os iguala na mesquindade. Os imparciais, que non toman partido ante situacións inxustas. Os indiferentes, os adaptados.

Son o que son, afastados do que cren ser, sentados na mesma mesa de iguais. Son o que son, afastados do que teiman en amosar, vendéndolle ao mundo a súa farsa. Tristes personaxes danzando na mediocridade, simples comparsas dun desvarío en medras. Son o que son, afastados de min, que os evito.

Galicia sobe ao escenario de Atlántica este mércores en Santiago

Pola maña está previsto un roteiro con Sole Felloza que xa ten as súas prazas esgotadas

Na tarde e no serán haberá espectáculos de Vero Rilo e de Bea Campos con interpretación en lingua de signos no CSC Maruxa e Coralia

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal 

As voces de tres mulleres galegas encherán de historias a terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago de Compostela: Sole Felloza, Vero Rilo e Bea Campos. O programa do día inclúe un paseo narrado pola contorna da cidade e mais un espectáculo para nenos e outro para adultos, ambos os dous con interpretación en lingua de signos. Todas as actividades son de carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo agás o roteiro, que xa ten as súas prazas esgotadas desde hai varios días. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

A primeira actividade do día, ‘Contos para bos paseantes’, consistirá nun paseo narrado polos sendeiros de Santiago na compaña de Sole Felloza a partir das 10 horas. A actividade, que colgou o cartel de ‘prazas esgotadas’ hai tempo, é un convite para camiñar por lugares coñecidos sen contar calorías pero descubrindo as historias agochadas nun castiñeiro, nunha fonte ou nunha ruína.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, os nenos maiores de tres anos e as súas familias teñen unha cita co ‘Animalario’ de Vero Rilo no CSC Maruxa e Coralia, unha sesión de narración oral fresca e despreocupada para recargar enerxías e para gozar cun feixe de animais e animaladas. Un chisco despois, ás 21 horas, será Bea Campos quen deleite o público adulto con ‘Marcho que teño que marchar’, unha escolma de contos onde as mulleres son as protagonistas, desde meigas artúricas ata avoas misteriosas.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo e completará unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Máis contos en Ferrol

No tocante a Ferrol, o mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e para maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’). Dúas oportunidades para achegarse ata as historias deste cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias nas que mestura a gran literatura coa tradición oral: realismo máxico e humor no escenario.

Sobre os artistas

Sole Felloza. Actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Esta polifacética narradora xa é case máis galega ca uruguaia e no seu xeito de contar nótase ben que é unha apaixonada das historias da terra. Unha “galeguaia” de raza pura, como a define Quico Cadaval.

Vero Rilo. Rilo conta do cotián e faino por non calar e por necesidade, por non perder a memoria das outras nin a súa. Conta (d)a vida e tamén (d)a morte, mentres unha vén e ata que a outra non chegue.

Bea Campos. Teatreira e contacontos, Bea Campos é integrante de Migallas, unha das familias históricas do teatro galego. Moi coñecida polo público infantil, sobe por fin ao escenario cunha chea de historias para adultos nas quen non falta o humor. Haina que aproveitar e escoitar antes de que marche ao Festival Internacional de Cabaret de México.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela e Ferrol, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230704-NP-Programacion-Atlantica-5-xullo-Santiago

A tradición oral lusa protagoniza o arranque do Festival Atlántica este luns 3 de xullo en Santiago

O portugués Luis Correia Carmelo e a galega Raquel Queizás ‘tomarán’ o CSC Maruxa e Coralia con tres espectáculos

Atlántica vai estar presente en 24 concellos ata o vindeiro 9 de xullo

Toda a programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica inaugura a súa actividade en Santiago de Compostela, a súa principal sede, este luns, 3 de xullo, con tres actividades a cargo de Raquel Queizás e Luis Correia Carmelo. Todas elas van ser no CSC Maruxa e Coralia e terán carácter gratuíto con entrada libre ata completar o aforo. Atlántica ten presenza na cidade compostelá grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

O programa comezará ás 18 horas con ‘Chimpo de ra’, unha proposta da galega Raquel Queizás concibida para os bebés con idades entre un e tres anos. A historia de dous irmáns, Nano e Nona, da relación entre eles, con celos e afectos, aventuras e desventuras, é o fío condutor deste espectáculo.

Un chisco máis tarde, ás 18:45 horas, será a cita do portugués Luis Correia Carmelo coa cativada maior de cinco anos e as súas familias. En ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’ os protagonistas son as adiviñas, trabalinguas, lerias e os contos acumulativos da tradición oral portuguesa. Todos eles mestúranse para convidar aos máis pequechos a xogar, comprender e pensar.

Esta primeira xornada de Atlántica en Santiago rematará con outro espectáculo do narrador portugués pero, desta volta, dirixido ao público adulto. Trátase de ‘Contantinas’, historias acompañadas dunha concertina nunha performance onde palabra e música van da man. Localizadas nun imaxinario de principios do século XX, estas historias falan da misteriosa ligazón entre as persoas e dos seus encontros e desencontros.

A actividade na cidade picheleira vai continuar ata o sábado 8 de xullo ata completar unha vintena de espectáculos. Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Tamén están previstos pases con interpretación en lingua de signos. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Sobre os artistas

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso, comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Raquel Queizás. É actriz, monicrequeira e, sobre todo, contadora de historias. O seu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas, adaptacións de contos de autor e historias propias. Os contos formaron parte da súa vida desde pequecha e leva xa vinte anos inmersa profesionalmente no mundo da narración oral e do teatro.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica están a se espallar por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición van chegar ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela, este ano participan en Atlántica os concellos de Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

20230701-NP-Programacion-Atlantica-3-xullo-Santiago

Ferrolterra consolídase como a segunda sede do festival Atlántica

Ferrol volve apostar con forza polos contos e recibe once espectáculos entre os días 4 e 8 de xullo

Mugardos recunca como sede e acolle dous espectáculos no Centro de Interpretación de Caldoval, un deles estrea absoluta

Entre as novidades, a incorporación dun roteiro narrado polo Ferrol ilustrado na compaña de Guillermo Llorca

O concello de Ferrol convértese de facto na segunda sede do Festival Atlántica grazas aos once espectáculos que acollerá entre os días 4 e 8 de xullo. Ademais, o concello de Mugardos repite este ano con dúas propostas, o que fará de Ferrolterra un epicentro da narración oral cun total de trece funcións gratuítas para grandes e cativos. Esta intensa actividade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Ferrol e Mugardos e mais do Centro de Interpretación de Caldoval.

A programación vai comezar o vindeiro martes, 4 de xullo, con dúas funcións do portugués Luis Correa Carmelo. A primeira, ‘Nin dúas nin tres… era unha e só unha vez’, será ás 18 horas na Biblioteca Municipal e está concibida para público infantil maior de 5 anos. Un chisco máis tarde, ás 20.30 horas e no Centro Cívico de Canido, os adultos poderán gozar coas historias de ‘Contatinas’. O mércores 5 será a quenda do cubano Pedro Mario López, quen tamén contará para cativos (18 h, Biblioteca Municipal, ‘Do monte veño e ao monte vou’) e maiores (20.30 h, Capela C. Torrente Ballester, ‘Sen destinatario’).

O xoves 6 de xullo María da Pontragha protagonizará tamén un programa dobre. Ás 18 h, na Biblioteca Municipal, os nenos descubrirán que historias se agochan dentro de ‘Un saco de contos’ e ás 20.30 h, na Capela C. Torrente Ballester, serán os adultos os que coñezan quen son as ‘Donas do lugar’.

En canto ao venres 7, o Festival Atlántica programa tres actividades. A primeira, ás 17.30 horas na Biblioteca, vai ser o concerto sensorial para bebés ‘Son no berce’ de Cris Collazo. A propia Collazo recuncará ás 19 horas co espectáculo infantil ‘A corva’ no Centro Cívico de Canido, e a esa mesma hora comezará o ‘Roteiro polo Ferrol ilustrado’ con Guillermo Llorca.

Atlántica despedirase de Ferrol o sábado 8 de xullo con dous dos narradores galegos máis veteranos: Charo Pita (12 h, Centro Cívico de Canido, ‘Mares de conto’) e Cándido Pazó (21 h, Cruceiro de Canido, ‘Unha chea de contos’). Cómpre sinalar que aínda que todas as actividades son gratuítas, algunhas delas precisan reserva previa vía web ou retirada de convites. Toda a información ao respecto pódese atopar na web de Atlántica ou da Biblioteca Municipal de Ferrol.

Estrea absoluta en Mugardos

Pola súa banda, o Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos vai recibir o xoves, 6 de xullo, o espectáculo ‘Urdimbres’ de Pedro Mario López. O venres 7 o enclave mugardés vai ser o escenario que acolla a estrea absoluta do espectáculo ‘Ida e volta’ do dúo ‘En branca e negra’ integrado pola galega Cris de Caldas e a cubana Amor Herrera. Ambas as dúas actividades serán ás 21.30 horas.

Algúns narradores: petiscos de arte

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Pedro Mario López. Cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias onde mestura a gran literatura coa tradición oral. Realismo máxico e humor no escenario.

María da Pontragha. Coñecida como María Iglesias na vida civil, a Pontragha é unha das voces máis persoais da nova narración oral galega. Nas súas contadas deixa clara a súa paixón pola tradición oral, tanto a través da música como da palabra en si. É quen de recuperar e actualizar as historias populares, atrapando ao público con sesións de contos que destilan un gusto especial polos que se centran nas mulleres do país.

Guillermo Llorca. Este profesor de instituto xubilado, namorado de Ferrol, atesoura máis de trinta libros, de autoría individual e compartida, e centos de artigos en numerosos xornais e revistas. No 2022 participou como coordinador local da exposición ‘Cidades no Tempo: Ferrol’.

Cris de Caldas e Amor Herrera. Cris, galega e branca coma o leite, é narradora oral. Amor, cubana e negra coma o café, é música profesional e escritora ocasional. Ambas as dúas xúntanse no espectáculo de narración oral e música en directo ‘Ida e volta’. Un convite para viaxar no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia da riqueza da diversidade cultural e de non perder a memoria. Porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e volta, coma a vida mesma.

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica vanse estar espallando por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición chegarán ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Ferrol e Mugardos, este ano participan en Atlántica os concellos de Santiago de Compostela, Teo, A Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Mondoñedo, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península.

20230628-NP-Festival-Atlantica-Ferrolterra