Este sábado, día 14 de outubro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María recuperan a actividade cultural, despois do verán, e fano cunha proposta familiar, especialmente dirixida para nenas e nenos entre 4 e 11 anos, que se desenvolverá no auditorio da citada Casa-Museo. A proposta é unha adaptación ao teatro de monicreques por parte da compañía Títeres Alakrán do libro A pita Xefa, de Marta Lado, obra, esta, gañadora en 2021 do Premio Fina Casaldarrey de Literatura Infantil pola igualdade.
A peza, que anima a cuestionarse dun xeito divertido os esquemas sexistas dominantes, trata dunha pita que cun soño pode facer moitas cousas como salto de lonxitude, bailar claqué… mais, sobre todo, pode conseguir o máis importante, mudar as normas do galiñeiro.
A obra dura 45 minutos e para asistir é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whtatsapp 698177621 (billete: 2 euros)
Sábese que existe unha xerarquía celestial: hai diferentes clases sociais entre os santos e as santas, que se reflicte na terra a xeito de popularidade e devoción por parte dos fieis. Por exemplo, San Pedro, Santa Catalina de Siena ou San Bieito son máis respectados e recoñecidos, o que lles permite ocupar un lugar próximo ao Creador, mentres outros e outras teñen que conformarse con estar máis afastados.
Sobre este tema recomendo o libro: “The Celestial Hierarchy: Different Social Classes” do teólogo irlandés de Cork, Liam Brennan. Libro que causou unha grande controversia a mediados do século XIX, xa que foi considerado pola Igrexa Católica de herético e o seu autor excomungado. Como xa nos dá a entender o título da obra, nela fálase das diferentes clases sociais e os roles dos anxos e dos santos no plan divino.
Santa Amaranta de Cedeira, atópase entre as santas menos coñecidas e pódese dicir de practicamente nula devoción. O seu lugar no Paraíso está, por tanto, moi afastado de O Noso Señor, na compaña de outras tan ignoradas como ela: Santa Cirenia de Monçao ou Santa Basemat de Plasencia, por poñer dous exemplos.
Pero quen foi Santa Amaranta de Cedeira? Amaranta Domuiño Peirallo naceu en torno a finais do século XVIII na vila de Cedeira, de familia de pescadores. Amaranta, xa de pequeniña mostrou un carácter rebelde e desafiante, sen respectar os mandatos dos seus pais nin acatar as normas da Igrexa Católica. Chegada a adolescencia o seu comportamento non mellorou, todo o contrario, volveuse unha rapaza libidinosa a que todos os mozos da comarca acudían para saciar o seu apetito sexual. As andruviadas da moza chegaron a oídos do bispo que cominou ao cura párroco a tomar cartas no asunto. Este, despois de discutilo cos pais, decidiu desterrala da vila. Desde os 16 anos ata a súa morte aos 52, pasou día e noite no pico dun cantil, soportando as inclemencias do tempo e a bravura do Atlántico. Algo parecido a Simón, o Estilita, que pasou os últimos 37 anos da súa vida sobre unha columna. E Amaranta, igual que o santo de Cilicia, tivo que vencer as tentacións do demo, que non foron poucas.
Ninguén se podía achegar a ela, agás os pais para levarlle a comida ou roupa de abrigo. Pero quen pode coa mocidade? Os rapaces da vila comezaron ir vela ás agachadas . Alí, ante a súa presenza, espíanse e dábanse ao vicio solitario, soltándolle palabras obscenas e provocándoa. Ela aguantaba con coraxe, pois estaba arrepentida da súa vida anterior e quería expiar os moitos pecados que cometera.
Ao cabo dun tempo o cura soubo das visitas e en lugar de prohibilas, alentounas. Pensou que era unha boa forma de probala na súa virtude, tentándoa co que máis lle magoaba. Por alí foron pasando varias xeracións e a todas se resistiu. Ou iso era a versión oficial ( a versión que interesaba para presentar ao papa a vida casta de Amaranta de cara á súa canonización futura). Pero tamén corría pola vila, medio en segredo, que máis dunha vez acabara axuntándose con algún veciño, mesmo con D. Ubaldo, o señor cura. Pero xa se sabe o que pasa nestes casos. Se damos crédito a todos os dixomedíxomes imos aviados.
Morreu Amaranta e non se lembra enterro máis grandioso na comarca. Tres días de rosarios, peregrinacións ao lugar onde pasara a vida, misas polo seu eterno descanso… Para logo ser soterrada nun lugar de honra a carón da igrexa. Non pasarían 50 anos e Amaranta Domuíño Peirallo pasou a ser Santa Amaranta de Cedeira. Durante un tempo foi moi venerada na bisbarra, ata que un día desapareceu misteriosamente a única imaxe que dela se tiña. Dise que a roubaron uns rapaces de Ortigueira e que nun tempo andaron dun lugar a outro, realizando actos indecentes coa súa efixie ata que a perderon ou destruíron. Desde entón ninguén volveu saber nada da imaxe e a santa foi quedando aos poucos no esquecemento. Hoxe, preguntas en Cedeira por Santa Amaranta e o máis probable é que non atopes ninguén que saiba dela. É máis, cando lle contas a historia, poñen cara de sorpresa e mírante coma un becho raro, como dicindo: A ti fáltache un verán, rapaz!
Dúas estreas absolutas, a emisión en directo de ‘No es un día cualquiera’, a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ e un roteiro, protagonistas na segunda fin de semana do FIOT
O Pazo da Cultura acollerá na noite do venres 6 e do sábado 7 dúas funcións de Apaga o candil, a peza dirixida por Cándido Pazó; e nas mañás do sábado 7 e do domingo 8, de 08.30 a 13.30 horas, a emisión ao vivo do programa de RNE presentado por Pepa Fernández, cuxo acceso será libre ata completar a capacidade do auditorio
Quico Cadaval, Celso Sanmartín e ‘Guti’ son os protagonistas de Tres vellas na romería, a estrea absoluta da Rúa dos Contos que terá lugar o domingo 8 ás 20.30 horas no mercado municipal
A primeira sesión da Escola do espectador nas ondas terá lugar o sábado 7 ás 17.00 horas no Café Dubra, e xirará arredor de Carlos ‘O Xestal’, nunha conversa moderada pola xornalista coruñesa Marta Otero Mayán e na que participarán Cándido Pazó, Xohán Xabier Baldormir Cabanas e Xurxo Souto
O domingo 8 pola mañá celebrarase, en colaboración coa asociación ambiental Senda Nova, a andaina ‘Ruta do Xestal’, que contará coa participación da Aula de Teatro Municipal de Carballo
As estreas absolutas de Apaga o candil e Tres vellas na romería, a emisión ao vivo desde o Pazo da Cultura de Carballo do programa de RNE No es un día cualquiera, con Pepa Fernández, o sábado 7 e o domingo 8;a primeira sesión da Escola do espectador nas ondas, que xirará arredor da figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’; ademais dunha ruta teatralizada que segue os pasos do narrador oral, serán os principais fitos da segunda semana de programación da 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o #FIOT32.
O recoñecemento a Carlos ‘O Xestal’ será o eixe sobre o que pivote a actividade desta fin de semana, coa estrea absoluta de Apaga o candil, coproducida por Contraproducións e o FIOT. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, o espectáculo propón un achegamento ao gran narrador oral, carballés de adopción, coa intención de visualizar o seu traballo, tamén como activista e humorista. Grazas á colaboración do Centro Dramático Galego co FIOT, a obra será inclusiva ao contar con tradución á lingua de signos, que se poderá gozar tanto nas dúas funcións do Pazo da Cultura coma na xira do espectáculo. A estrea será o venres 6, ás 21.00 horas e, ao remate da función, farase entrega do galardón do Premio do Público do FIOT 2022 a Contraproducións por Cigarreiras. Ao día seguinte, a representación comezará ás 20.30 horas e as últimas entradas están á venda en www.fiot.gal.
A XXIV Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia, acollerá esta segunda fin de semana a estrea absoluta de Tres vellas na romería, peza que conta con tres das grandes voces das artes escénicas do país e ben coñecidos polo público carballés, como son Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’. O trío regresa ao FIOT para falar das súas musas, as súas vellas e, como nunha sesión de espiritismo, resucitan as súas palabras e a súa memoria. A función terá lugar o domingo 8 ás 20.30 horas no mercado municipal e as entradas dispoñibles pódense adquirir no web www.fiot.gal.
A radio terá un especial protagonismo nesta segunda fin de semana do FIOT. Por unha banda, o auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá tanto na mañá do sábado 7 coma na do domingo 8, entre as 08.30 e as 13.30 horas, a emisión ao vivo do programa de RNE No es un día cualquiera, con Pepa Fernández. Polos seus micrófonos pasarán figuras vinculadas ao FIOT e ao mundo da cultura galega, entre outras. O acceso será gratuíto e libre até completar a capacidade do patio de butacas.
Regresa Onda FIOT coa Escola do espectador nas ondas
Por outra banda, na tarde do sábado 7, ás 17.00 horas, celebrarase a primeira sesión da Escola do espectador nas ondas, as conversas escénicas e culturais cos equipos artísticos dos espectáculos do FIOT e que forman parte da liña de programación OndaFIOT, que abrangue toda a actividade radiofónica ou vinculada ao teatro sonoro (como é o caso do Certame de Teatro Lido ou do FIOT Fónico).
Cada conversa, aberta ao público, é gravada en vivo para despois quedar pendurada no espazo web do FIOT. Nesta sesión, a xornalista coruñesa Marta Otero Mayán (La Opinión de A Coruña, Revista Luzes), será a responsable de moderar unha conversa arredor da figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’, a quen o FIOT rende homenaxe, da man de Cándido Pazó, coa estrea absoluta de Apaga o candil. Precisamente o director e dramaturgo será unha das voces convidadas á iniciativa, que se celebrará a partir das 17.00 horas no Café Dubra, e que contará coa participación de Xurxo Souto e de Xohán Xabier Baldomir Cabanas, autor de Os contos das risas serias. Un percorrido por 83 relatos d’O Xestal.
Andaina teatralizada: a Ruta do Xestal
Finalmente, o domingo 8 pola mañá terá lugar a celebración da primeira edición da Ruta do Xestal, unha andaina creada en colaboración coa Asociación Ambiental Senda Nova (no marco do programa Outono en marcha. Sendeirismo en Bergantiños), e coa que o FIOT incide na súa intención chave de espallar as artes escénicas por todo o territorio e a diferentes públicos. A actividade, de baixa dificultade e duns 4,3 km, segue os pasos do espazo vital no que residiu O Xestal, e contará coa participación da Aula Municipal de Teatro de Carballo. Os horarios de saída do roteiro serán as 09.30 horas (Laracha e Coristanco) e 09.45 horas (da rúa Venezuela carballesa). A inscrición é gratuíta, mais as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden obter máis información sobre a camiñada ou realizar a súa inscrición previa a través do web www.sendanova.org ou do teléfono 611 037 617.
AXENDA #FIOT32 | DO 6 AO 8 DE OUTUBRO
Venres 6, 21.00 horas * | Pazo da CulturaPrograma de Sala: estrea absoluta de Apaga o candil. *Ao remate, entregarase o Premio do Público do FIOT 2022 a Contraproducións por Cigarreiras.
Sábado 7, de 08.30 a 13.30 horas | Pazo da Cultura Emisión ao vivo de No es un día cualquiera, con Pepa Fernández. Sábado 7, 17.00 horas | Café Dubra Escola do espectador nas ondas. Con Marta Otero, Cándido Pazó, Xohán Xabier Baldomir Cabanas e Xurxo Souto.
Sábado 7, 20.30 horas | Pazo da Cultura Programa de Sala: Apaga o candil. Domingo 8, de 08.30 a 13.30 horas | Pazo da Cultura Emisión ao vivo de No es un día cualquiera, con Pepa Fernández.
Domingo 8, a partir das 09.30 horas | Saídas desde Laracha, Coristanco e Carballo Ruta do Xestal. Roteiro teatralizado pola Aula Municipal do Concello de Carballo.
Domingo 8, 20.30 horas | Mercado municipalRúa dos Contos: estrea absoluta de Tres vellas na romería.
Cando Deus andababa polo mundo reúne historias que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia
A función será este venres, 6 de outubro, ás 21 horas no CSC As Fontiñas, con entrada libre ata completar o aforo
Deseño cartel: Raquel Boo
O zamorano José Luis Gutiérrez, máis coñecido como ‘Don Guti’, trae a Santiago o seu último espectáculo, Cando Deus andaba polo mundo, este venres, 6 de outubro, no CSC As Fontiñas. A función, destinada ao público adulto, comezará ás 21 horas e terá entrada libre ata completar o aforo. A actividade está organizada pola Asociación Memoria Atlántica e conta coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago e mais co patrocinio do Concello de Santiago.
Cando Deus andaba polo mundo nútrese dos relatos de orixe relixiosa que foron incorporados polos narradores tradicionais ao seu repertorio. Escapaban así do seu hábitat relixiosa e pasaban a ocupar espazos populares e a ser contados ao redor do lume, en xuntanza de pastores, en festas de mozos, afastándose da doutrina e achegándose ao que o pobo lembra e conta.
No caso concreto do espectáculo de Guti, esta sesión reúne relatos escoitados en Noz de Aliste que narran as aventuras de Cristo e San Pedro polas terras da raia entre España e Portugal, historias onde a bondade e o enxeño de Cristo contrapóñense a un San Pedro, bruto e teimudo, historias onde o humor, a sátira e a crítica están sempre presentes. O espectáculo recolle tamén En la diestra de Dios Padre, un conto publicado en 1897 polo escritor costumista colombiano Tomás Carrasquilla que é a adaptación dunha serie de historias tradicionais de orixe europea que circulaban na súa Antioquía local.
‘Don Guti’ é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Realizou un inmenso labor de compilación etnográfica en longos seráns de cociña e faladorio en vilas de Zamora, León e Salamanca. O seu traballo céntrase no uso de materiais recollidos directamente de narradores tradicionais, na súa maior parte anciás e anciáns do mundo rural. Traballou principalmente na contorna rural tentando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite dende o televisor.
É habitual dos festivais de narración e colaborador en traballos discográficos de grupos como Mayalde, Bajo Duero ou La Ronda de Motilleja. Dirixiu unha morea de espectáculos sobre a tradición, publicou artigos relacionados coa etnografía en revistas como El Filandar e colaborou en moitas publicacións especializadas. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.
A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con estas funcións aspira a retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar.
JOSÉ LUIS GUTIÉRREZ ‘DON GUTI’ | CANDO DEUS ANDABA POLO MUNDO Venres 6 de outubro | 21 h CSC das Fontiñas (Santiago de Compostela) Público adulto | Castelán Entrada gratuíta ata completar aforo
A présa. O arrebato. Definidos no apuro, na carreira desnortada. Eu quixera determe, agretar eses muros que instauran o desconcerto dunha velocidade aceda. Quixera enfrontar toda imposición que me ate as mans, cunha mirada de puño ergueito. Firmemente escribir nas paredes un “non” cando ti me empurres. Regalarche o abismo cando decretes todo proceso que me impida amar lentamente. Facelo acendendo candeas cando me sinales escuramente. Debuxar un lugar de abeiro cando o teu vento rabioso me ameace e simplemente flotar sen marcos nen reloxos descontando.
No confín da palabra, nos lindes da historia propia, ser quen de amosar un sorriso a toda esa tristura axitada. E que, se cabe por un ínfimo momento, poidas entender que te trabucas cada vez que botas a correr, que te baleiras cada vez que te transformas na ferramenta acelerada que a outros rende homenaxe. Que te equivocas representando unha personaxe serva de todo o que non es.