Quico Cadaval leva trinta anos a calcar os distintos camiños da memoria e da imaxinación. Tende a perderse e a reatoparse, sempre coa axuda do público. Os seus espectáculos pertencen a un movedizo mundo escénico que foi definida de distintas maneiras. Teatro da palabra, narración oral escénica ou literatura ao vivo, foron alguns dos xeitos de designalo. É un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.
Escoitar estorias de viva voz é unha das maneiras máis económicas de viaxar. A imaxinación da persoa que escoita na penumbra sobe como unha bolla de xabrón, seguindo, ás veces coa lingua de fóra, a imaxinación do contador. Outras veces as bollas de xabrón do público únense e forman a imaxinación colectiva. A forza do público, neses casos, faise poderosa e adianta a tímida imaxinación do contador, desprezando o perigo das curvas, rebordando os límites da realidade. Contar e escoitar estorias é un camiño ao inesperado.
Por iso, en Notas de Rodapé, Quico Cadaval, alén de revelar os truques e segredos do oficio, reclama a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantaneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou con sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western. As estorias énchense de prólogos e epílogos, mais sobre todo, de notas de rodapé. Comentarios para facer o conto máis divertido, máis elocuente, máis esclarecedor. Quico Cadaval, no transcurso do show, reclamará do público que faga perguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E Cadaval responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a estoria que máis veces contou) e remata co conto máis fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.
Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
O acto de presentación do libro de Carlos Callón: “Vidas e historias LGBT da Idade Media” que o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, tiña previsto organizar para o mañá martes 25 de marzo, QUEDA ADIADO, e levarase a cabo, finalmente, o MARTES 29 DE ABRIL DE 2025, ÁS 20:00 H., NA CASA DA CULTURA DE VILALBA.
Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.
O concerto de estrea de ‘Alvela’ será o vindeiro 23 de abril no Teatro Principal de Santiago, ás 20.30 horas
FAIA estará arroupada no escenario pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais polo cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet
As entradas estarán á venda a partir das 11:00 horas deste martes 25 de marzo na web compostelacultura.gal e mais na Zona C
Na estrea pública de Alvela, FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano, (violín/ viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e co deseño de luz a cargo de Nonon Lab.
FAIA vai presentar o seu novo traballo, Alvela, nun concerto o vindeiro 23 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago. As entradas para este evento, encadrado na programación musical de Compostela Cultura, estarán á venda a partir das 11.00 horas deste martes, 25 de marzo, e poderanse adquirir en liña na web de compostelacultura.gal ou ben presencialmente na Zona C ou na billeteira do teatro unha hora antes do comezo do concerto.
Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. Polo de agora, coñécese un primeiro adianto do disco titulado E se queres, dispoñible nas principais plataformas dixitais e acompañado dun vídeo dirixido por Sara Traba.
O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’
23 de abril | 20.30 h | Teatro Principal (Santiago de Compostela)
Entradas [venda activa a partir do 25 de marzo ás 11.00 h]:
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) foi admitido para participar no Programa “Coñece a túa Provincia’2025”, convocado pola Deputación de Lugo, co seguinte CONTIDO (sempre suxeito a algún cambio):
A viaxe terá lugar o mércores 9 de abril de 2025, con saída dende a Casa da Cultura de Vilalba ás 9,00 horas.
Ás 10:00 terá lugar unha visita ao Paza de San Marcos.
A continuación levarase a cabo o Programa da Ruta concedida:
RUTA 22 (RIBAS DO SIL E QUIROGA): Visita á abadía de San Clodio e ao centro de interpretación da minería aurífera en Ribas de Sil. Visita ao Xeomiradoiro de Campodola. Visita a unha adega.
Servizos incluídos:A excursión será de balde e incluirá transporte, guía acompañante, xantar (menú pechado cun primeiro prato, segundo prato, sobremesa, café ou infusión e as bebidas indicadas o propio día da excursión), entradas aos lugares de visita e seguro de viaxeiros.*Recoméndase a todas as persoas participantes levar roupa e calzado cómodo/deportivo para a xornada de excursión.
PROCEDEMENTO DE INSCRICIÓN
PRAZAS CONCEDIDAS: 23
PRAZAS QUE SE POÑEN A DISPOSICIÓN DE SOCI@S E NON SOCI@S: 20
Nº DE PRAZAS RESERVADAS: 3 (PARA A ORGANIZACIÓN)
PRAZO DE INSCRICIÓN: DO 22 DE MARZO AO 1 DE ABRIL DE 2025 (ata as 18:00 horas)
DATOS OBRIGATORIOS DE CADA PERSOA SOLICITANTE: NOME, APELIDOS, DNI E TELÉFONO (SE HAI ALGÚN MENOR DE IDADE HAI QUE FACELO CONSTAR) (TAMÉN SE PODE FACER CONSTAR ALGUNHA NECESIDADE ESPECIAL -alerxia alimentaria, etc-)PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN
AS 20 PRAZAS SERÁN ADXUDICADAS MEDIANTE SORTEO PÚBLICO ENTRE AS SOLICITUDES PRESENTADAS (sempre que se sobrepase dita cantidade)
LEVARASE A CABO NO LOCAL DO IESCHA (NA CASA DA CULTURA) O MARTES 1 DE ABRIL DE 2025, A PARTIRES DAS 18:15 H.
TERÁN ABSOLUTA PREFERENCIA NO SORTEO OSSOCIOS E AS SOCIAS DO IESCHA.
O RESULTADO DO SORTEO SERÁ COMUNICADO A CADA SOLICITANTE MEDIANTE UNHA MENSAXE AO CORREO ELECTRÓNICO USADO NA INSCRICIÓN.
A banda Vimbio segue publicando nova música, desta vez cun EP titulado Ao vivo Rock in Río Tea 2024, no que o grupo presenta a interpretación en directo de Perseidas, Epicuro e Mayday durante a súa actuación no festival ponteareá. Coa presentación da versión en vivo dun dos seus temas máis recoñecidos, Mayday, de Perseidas, e do ata agora inédito Epicuro, o grupo pon enriba da mesa a carta de presentación ao seu enérxico e contundente directo.
Tras o lanzamento do seu máis recente éxito, Eu non quero traballar, Vimbio asenta neste 2025 as bases da súa carreira presentando a súa nova música e un directo co que espera marcar o ritmo da fusión entre o rap e o metal na escena galega. Con este EP a banda resalta a súa aposta por trasladar unha presentación en vivo demoledora dos seus temas, cunha posta en escena á altura do seu son. A banda presentará as seguintes datas da súa xira en 2025 proximamente.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.