Joseph Keckler, definido por The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, actúa por primeira vez en España mañá, martes 15, da man do Sinsal Primavera
O concerto terá lugar a partir das 20.30h no Salón de Actos do MARCO e as entradas están dispoñibles, desde 12 €, na web de Sinsal
As seguintes citas terán lugar na Sala Radar o mércores 30 de abril e o sábado 3 de maio, cos directos da banda británica Chemtrails e dos belgas Bombataz
Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, inicia este martes, 15 de abril, a súa nova edición. Desta volta, serán tres directos singulares, liberados de prexuízos de xéneros e que ademais, suporán a estrea destes proxectos musicais en España.
O responsable de inaugurar o ciclo este martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, artista coñecido pola súa voz conmovedora e a súa prosa vívida, que chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.
A proposta musical de Joseph Keckler non atende a unha única categorización pola súa voz operística en constante metamorfose e a súa presenza magnética que atrapa durante o directo. As súas actuacións oscilan entre a comedia, o comentario e a comuñón. O estadounidense desprázase con sutileza entre baladas asombrosas, grooves inquietantes e arias ambiguamente autobiográficas nas que aborda cuestións da vida cotiá para afastarse e transformalas en absurdas e conmovedoras viaxes ao inframundo.
Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio -promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón- co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos.
A seguinte cita será o mércores 30 de abril na Sala Radar co garage-punk e power pop da banda inglesa Chemtrails; e os belgas Bombataz porán o ramo o 3 de maio co seu jazz contemporáneo no mesmo recinto. As entradas para as citas do Sinsal Primavera están á venda na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras.
CONCERTO SINSAL PRIMAVERA JOSEPH KECKLER (Estados Unidos) 15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos) Vídeo: https://youtu.be/G9QlhtGMFfw?si=W8rT0NpPb4qWQhUZ
Por un motivo ou por outro, o que fora unha das súas grandes paixóns acabara por caer, sen remedio, no esquecemento. Quen antes enchera veladas con melodías, agora permanecía en silencio. As noites de esplendor semellaban pura utopia e o eco dos seus días de gloria esvaecíase na brétema do tempo. As obrigas cotiás e sobre todo o feitizo de novas afeccións, como a pintura e a escritura, fixeron do seu vello aliado algo ocioso, irrelevante. Agora, permanecía relegado nun recuncho do salón, atrapado na súa caixa e cuberto por unha fina capa de po.
Había momentos que sentía remordementos e, por un breve tempo, collíao nos brazos e conseguía sacarlle un sorriso. Mais, pronto se cansaba e devolvíao ao seu encerro, dunha maneira fría, case despectiva.
Hoxe, ao pasar ao seu carón, lembrouse de que había máis de dous meses que non lle prestaba atención . Achegouse a el e un suspiro ruidoso, entre rabia e deseseperación, pareceulle que saía do interior do estoxo, reclamando atención.
—Ah, estás aí! —exlamou, co corazón axitado polo que viña de escoitar.
—Levo aquí media vida —contestoulle desde dentro da súa gaiola— Pero iso a ti iso dache igual, verdade?
Ficou petrificado, sen saber que facer. O sentimento de culpa impedíalle reaccionar. O acordeón continuou:
—Lémbraste cando chegaches ao “Arco Iris” e me elixiches entre máis de media ducia que che amosou o dono? Eu non me esquezo, non, viñas cun colega meu, que deixaches alí para que eu che resultase máis económico. Agora pregúntome. Cando me tocará a min pasar por ese trance? Porque cada vez teño máis claro que me detestas. Ai, aqueles anos! Xa esqueciches os concertos con bailes baixo a luz ténue do solpor, que facían que me sentise vivo? Tempos felices aqueles, e non como agora, encerrado aquí, dia tras día, facéndose eternas as horas.
O dono baixou a cabeza, incomodo e avergonzado, dirixiuse cara a el. Abriu a caixa e tomouno en brazos. O acordeón seguiu a falar:
—Eramos inseparables, e os teus dedos atopaban as harmonías precisas nas miñas teclas, cada nota era unha confesión, un segredo. Ata que rematada a pandemia todo mudou. Un día deixaches de collerme e tras del viñeron outros e outros. O encanto, polo motivo que fose, esvaecérase. Foi quizais culpa miña, di? Ou hai outro motivo? Acaso xa non che sirvo?
Tentou responder e nun fino fío de voz, murmurou:
—Non é iso. Ti non tes culpa ningunha…, é a vida, os problemas.
—A vida! —exclamou o acordeón. Desculpas, só desculpas. Eu estiven sempre ao teu lado nos momentos de alegría pero tamén nos malos e así é como mo agradeces?
O silencio envolveu o salón. Abriu os foles e comezou a acariñarlle as teclas. Despois de moito tempo, o acordeón comezou a respirar compasadamente e as notas encheron de nostalxia e ledicia o salón. Esa noite as paredes volveron vibrar de novo, cun vals perdido, cun pasodobre agardado, cunha muiñeira sentida. Quizais aquel vello amor aínda non morrera de todo. Quizais só estaba esmorecido e a tempo de rexurdir.
Este sábado 12 de abril ás 12 h. a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO. Un volume editado por Alvarellos Editora, e no que aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.
Na presentación participaron Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estive ron Mónica González en calidade de concelleira de Cultura e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
O acto foi conducido por Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, web cultural que colabora co Concello de Vilalba na convocatoria deste concurso de narrativa hiperbreve. Ao pouco de comezar a presentación produciuse unha ‘interrupción’ teatral co título de Protocolo Micro, interpretada por dúas actrices da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, Susana Pérez Fernández e Tamara Grandío Barrio. A continuación interviron Mónica González e Henrique Alvarellos, que salientaron o bo camiño que levaba o Certame de Microrrelatos dentro do panorama literario galego. Na parte final do acto leron os seus textos Duarte Mariño Torrado, Paula Pérez Cendán, Henrique Neira Pereira, Lucía Domínguez Pereira, María Fernández Escariz e Carlota Millor Prado, autores/-as premiadas nas edicións de 2023 e 2024. O acto rematou coas palabras da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a foto colectiva de todas as partes implicadas no desenvolvemento do certame literario ( entidades convocantes, editorial e persoas galardoadas).
Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da presentación deste sábado
*Imaxes facilitadas por Sonia García, técnica de Cultura do Concello de Vilalba
Gañadores das distintas categorías e representantes de Atlantic Ponte e Imaxin Software
O Validatón, no que participaron unha trintena de persoas, é un maratón de validación e gravación de fragmentos de voz en galego doados á plataforma pública Common Voice
Esta segunda edición, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Proxecto Nós, engadiu 13 horas de contribución aos datos de voz en galego en Common Voice
O Validatón 2025 pechou a súa segunda edición cun balance de 10.000 fragmentos de audio revisados e gravados durante a fase en liña que supoñen 13 horas de contribución aos datos de voz en galego en Common Voice: 6 de gravación e 7 de validación. Ademais, na fase presencial celebrada este xoves 10 de abril, os participantes crearon un total de 1920 frases que se engadirán á plataforma para a súa lectura.
A actividade, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e mais o Proxecto Nós, estaba dirixida a estudantes da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e premiou a participación en tres categorías: Víctor Pose en gravación de fragmentos de voz, Álex Rodríguez Guisantes en validación de audios e Lucía López Lires en xeración de frases. Tamén foi recoñecida como campioa global Noa Sobrino Lamas por ser a persoa con máis contribucións totais. Todos eles recibiron premios en metálico grazas ao apoio de Atlantic Ponte e Imaxin Software. En total, unha trintena de persoas participaron nesta segunda edición do Validatón
Para adestrar modelos de recoñecemento da fala cómpre utilizar grandes corpus de datos orais, pero a maioría, en especial os que usan as grandes compañías, son datos pechados e non están dispoñibles. Neste sentido, Common Voice, ao ser unha plataforma pública de datos de voz alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo, axuda a que as tecnoloxías sexan accesibles para quen as queira desenvolver. As persoas contribúen a Common Voice doando a súa voz e tamén xulgando como válidas ou non as doazóns feitas por outras persoas. Xérase así ese corpus público que permitirá que no futuro distintas aplicacións informáticas poidan comprender as persoas que falen en galego.
Participantes do Validatón 2025
Outras iniciativas
Alén do Validatón, os coordinadores do Proxecto Nós lembran que o público xeral tamén pode contribuír a mellorar a presenza do galego no mundo dixital doando a súa voz a través de AgasallaNós. Esta campaña pretende rexistrar diferentes variedades fonéticas do galego para que as aplicacións baseadas no recoñecemento da fala dean identificado toda a riqueza da nosa lingua. O obxectivo é recompilar gravacións que representen diferentes idades, xéneros e variedades dialectais. Toda a información pódese atopar na web doagalego.nos.gal.
Outra iniciativa, reservada ao alumnado de grao da Universidade de Santiago de Compostela, consiste na participación nunha actividade formativa de recollida e validación de datos de voz en galego certificada pola USC como formación a través do recoñecemento dun crédito ECTS.
Este sábado 12 de abril a Asociación CASTIÑEIRO MILENARIO organiza un Ciclo de cine dedicado á música tradicional. O motivo non é outro que este ano as Letras Galegas homenaxean ás cantareiras e á tradición oral, polo que as películas que compoñen o ciclo terán relación coa música, a tradición e dúas delas especialmente, tratarán o tema da música tradicional desde o punto de vista das mulleres, da súa vital importancia na transmisión e no legado que deixaron. As datas e películas que compoñen o ciclo van ser
12 de abril as 19:30Xorima e Labrando músicas
11 de maio ás 18:00 horasDorothé na vila
21 de xuño ás 19:30Lévame a idea
Pódese consultar a información de cada documental na páxina seguinte
Así quedou ateigado o Auditorio do Forum Evolución de Burgos na presentación de “LA CONSTANCIA” . Foto: Rodrigo Mena
Nace “LA CONSTANCIA”, o novo LP de El Nido, onde a tradición, a popularidade e as raíces fanse unha coa modernidade. O quinteto burgalés presenta o seu traballo máis atrevido, festivo, enérxico e emotivo ata agora. Presentarano en Galicia nunha minixira por Galicia que xa os levou pola Coruña, e que segue con Ourense (11,4), Boiro (12,4) e Mos (13,4).
Cos singles de presentación “Perdón” , “Lo que siento ☼” y “Agudillo ㋡” puxeron unhas bases moi sólidas para darnos unha ollada ao que tiñan entre mans.
”LA CONSTANCIA”, constitúe unha visión absolutamente única da música tradicional a través dos ollos e oídos modernos, mantendo a esencia vital, conmovedora e cada vez máis atrevida do quinteto burgalese. O seu achegamento ao folclore castelán é moito máis palpable e orixinal que no seu celebrado “Refugios a cielo abierto” (2022); agudillos, jotas de ronda, ajechaos, charros y outros ritmos de baile tradicional seguen inundando as cancións de El Nido, vestida sempre cos sons dos instrumentos domésticos que sempre acompañaron a tradición oral.
Isto non significa que quixesen renunciar a novos camiños. Para iso foi vital un novo enfoque da dirección musical, desenvolvido nesta ocasión con dous produtores diferentes. Quixeron confiar de novo en Diego Galaz (Fetén Fetén, La M.O.D.A., Pedro Pastor) como produtor da maior parte do corpus deste novo traballo. Ademais deste mestre da música popular, quixeron contar Hevi (Novedades Carminha, Ortiga, Grande Amore, Caamaño&Ameixeiras), o xa productor de ‘TUCUCU’, para moitos, os recortes, facendo máis que evidente que o seu camiño vira cara a explorar formas cada vez máis singulares de espremer o que ofrece a nosa tradición musical oral.
“Debémoslle todo a Diego”, confesan, “Foi o noso mentor en “Refugios”, e agora volveunos guiar por camiños que nin nos sabiamos. E co Hevi disfrutamos tanto e aprendemos tanto en “TUCUCU” que non nos resistimos a facelo de novo.”
Galicia sempre foi unha terra onde o público os recibiu con calor e euforia. Na primeira quincena de abril estarán aquí presentando “LA CONSTANCIA” en directo, sen dúbida o punto forte desta banda sen igual no panorama nacional. Farano no Café Auriense de Ourense (11.4), A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro (12.4) e a Sala Rebullón de Mos (13.4).
O seu primeiro LP, “Refugios a cielo abierto” levounos a máis de 150 escenarios durante os dous anos de xira de presentación.
Con “LA CONSTANCIA” pretenden repetir a fazaña.
“Poder tocar a nosa música en cada recuncho onde hai oídos e corazóns que queren escoitar e pés que queren bailar é o que máis nos gusta nesta vida”, contan, “polo que esperamos que esta xira nos leve aos mesmos lugares, ou incluso a máis, que a anterior”.
Cunha espectacular actuación no Auditorio Forum Evolución da súa cidade natal de Burgos, a xira non puido comezar de mellor maneira. O apoio tremendo dos seus compatriotas dálles o impulso para volver ao volante e contar os quilómetros.
Polo momento, a xira de promoción xa ten datas programadas ao longo da primavera.
Ademais das outras dúas presentacións oficiais no LAVA de Valladolid y la Sala El Sol de Madrid, a banda anunciou a súa actuación en Murcia, Almería, A Coruña, Ourense, Boiro, Vigo, Zamora, Granada, Palencia, Huesca, Donostia, Oviedo y Zaragoza, para o que tamén contas co apoio de programas tan prestixiosos como Girando Por Salas y AIEnRUTA.
Terémolos en Galicia esta primeira quincena do mes en La Disfrutona de A Coruña (5.4), el Café Auriense de Ourense (11.4), A Pousada da Galiza Imaxinada en Boiro (12.4) e a Sala Rebullón de Mos (13.4).