WOS Festival x SON Estrella Galicia completa a súa programación musical con novas estreas a nivel estatal e cun fondo compromiso coa diversidade de orixes e de xénero
BFlecha b2b Mwëslee, Carrier, Heinali & Adriana-Yaroslava Saienko, Grand River & Abul Mogard, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Malandrómeda & Caamaño, Niecy Blues, Purelink, Rainy Miller, Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori, Sara Persico & Mika Oki e ZULI pechan o line up
Coas novas confirmacións, WOS Festival suma outras oito premieres de discos, directos ou concertos audiovisuais en España, ademais de catro novas estreas en territorio galego
WOS Festival X SON Estrella Galicia completa o cartel da súa oitava edición con 15 novas incorporacións, que sumarán novos rexistros e experiencias durante a celebración do evento, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro en Santiago de Compostela. Do relato compartido de Carrier á fisicidade de ZULI; do encontro sonoro entre Grand River & Abul Mogard ao xesto radical de Klein, este anuncio confirma a aposta de WOS pola diversidade tanto de orixes coma de xénero, e a súa consolidación como o festival do país máis conectado á electrónica de vangarda e exploración sonora.
Desta quenda, WOS Festival suma oito estreas en España. Santiago de Compostela é a cidade escollida por artistas internacionais de referencia para presentar os seus novos traballos e directos con visuais; é o caso de Carrier (Rhythm Immortal, con visuais de Riyo Nemeth), da escocesa KAVARI (premiere estatal do novo EP este outono), da londinense Klein (co seu último traballo thirteen sense), dos norteamericanos Purelink (co seu segundo LP, Faith), da tríade Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori (coa súa performance audiovisual A Forbidden Distance), e dos concertos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki (Sphaîra), do inglés Rainy Miller (Joseph, What Have You Done?) e do exipcio ZULI (Lambda).
Ademais, será a primeira ocasión que se poida ver en Galicia o novo directo do dúo ucraíno Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko, presentando Гільдеґарда, ou o da norteamericana Niecy Blues co seu Exit Simulation. Tamén será a estrea galega da proposta inmersiva In uno spazio immenso, o primeiro proxecto colaborativo entre Grand River & Abul Mogard e que conta co deseño de luces de MFO (Marcel Weber); e do EP LAHAR, dos indonesios KUNTARI.
Finalmente completan o cartel tres propostas galegas sobranceiras do talento de proximidade. Por unha banda, BFlecha b2b Mwëslee, cun dj set deseñado especialmente para WOS polo 15ª aniversario do selo Arkestra. Pola outra, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, unha confluencia americana e galega nada en Barcelona. Completa a tríade Malandrómeda & Caamaño, proxecto musical que Hevi (Malandrómeda) e Sabela Caamaño (Caamaño & Ameixeiras) darán a coñecer en Santiago.
Estes 15 nomes súmanse aos confirmados con anterioridade pola dirección do festival, como son Abdullah Miniawy, aya & MFO present hexed!, Batu, Beatrice Dillon, Carme López, CCL, Djrum, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Masayoshi Fujita, Nazar, Objekt, Simo Cell e Tarta Relena.
WOS Festival X SON Estrella Galicia
WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente en máis de dez espazos emblemáticos da cidade, desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados. O vindeiro mes de setembro, o WOS reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.
O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards obtivo Mellor Promoción Turistica 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela; ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.
Novas confirmacións WOS 2025
BFlecha b2b Mwëslee Carrier presents Rhythm Immortal Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko present Гільдеґарда Grand River & Abul Mogard present In uno spazio immenso Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez KAVARI Klein KUNTARI Malandrómeda & Caamaño Niecy Blues Purelink Rainy Miller presents Josehp, What Have You Done? Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori present A Forbidden Distance Sara Persico & Mika Oki present Sphaîra ZULI presents Lambda
Espertei. Nada novo, pois é o que levo facendo desde o día en que a miña nai me pariu. Pero hoxe, espertei optimista. Non se me pasou pola cabeza pegarme un tiro ( entre outras cousas porque non teño armas), tirarme da ponte Pepe Blanco, colgarme nun cabanón calquera de Piugos… Non, non pasou nada diso pola miña cabeza, porque como dixen, espertei optimista, mesmo estiven a piques de acender a radio e escoitar as novas por ver se desde que me deitei, ocorrera unha milagre, e o mundo deixara de ser unha merda. Pero non, non fixen tal cousa, non fora que me deprimira, precisamente hoxe, que espertei optimista.
Pensei facer algo mellor, entregarme de novo aos brazos de Morfeo, pero o cabrón non quixo saber nada e literalmente mandoume á merda, como se xa non tivese abonda coa deste puto mundo. Lembreime entón de Juan Carlos Onetti. E porque non ficar na cama sen erguerme ata que a Parca veña a preguntar por min? Non estaría mal, pasar o resto da vida durmindo e lendo contos do Decamerón ou As mil e unha noites. O problema é que, claro, non teño criados para poder facer tal cousa, polo que tiven que desbotar tan magnifica idea. Mágoa! Pero, coma veño de dicir, hoxe espertei optimista polo que determino, e niso ando, poñer un CD de Bob Marley a todo volume, para comezar con bo pé o día. Resoan as paredes do piso que non vexas, os veciños deben estar encantados, ata de agora, toquemos madeira, ninguén baixou a chamarme a atención. Tamén é verdade que teño uns veciños que non os merezo. Creo que algún día xa vos falei deles, do máis variado que vos podades imaxinar a cal máis pintoresco, por dicir algo. Calquera día vos conto algo máis, porque historia, dígovos que hai.
Pero hoxe como me espertei optimista, vou seguir con Marley. Pode que me quede durmido, porque a min a música así alta aletárgame, ou poida que un veciño calquera me tire a porta embaixo. Tanto me ten porque hoxe espertei optimista e xa o mundo non me parece unha puta merda.
Bo día a todas e todos. Ala a vivir, sempre con optimismo, que son dous días.
P.D: Ah, por certo , para que ninguén se asuste por se aluga un piso neste edificio.( hai uns cantos de alugueiro, aquí a xente vai e vén) o de Marley, non o teño a todo volume, aínda que gañas me entran.
O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia, convocan o VIII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, de acordo ás seguintes
A 12º edición do festival bota o pano cun éxito rotundo de público: máis de 1.800 persoas asistiron aos concertos
A dirección do festival salienta tanto a calidade artística das participantes coma a singularidade dos emprezamentos nos que se desenvolveu o evento, que estreou como sede a Igrexa de San Francisco
A súa programación, variada e innovadora, permitiu ao público descubrir tanto diferentes tipos de arpas coma a súa interpretación en diversos estilos musicais
A 12ª edición do Noia Harp Fest despídese ata o ano que vén consolidando o evento como todo un referente cultural no mundo da arpa. Tras cinco xornadas de concertos, con trece actuacións en sete escenarios, o festival, o único dedicado ao instrumento no noroeste peninsular, bota o pano cun éxito rotundo tanto de asistencia de público coma de calidade artística.
O evento cultural, organizado por Nalgures Producións, e que conta coa dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, reuniu estas semanas na vila de Noia a intérpretes recoñecidas a nivel internacional, como Ana Crismán, Kevin Le Pennec, Rebecca Hill ou Yofre Brito, no marco dunha programación variada e innovadora, na que a excelencia musical foi o sinal de identidade.
Ao longo de cinco xornadas, máis de 1.800 asistentes puideron gozar dunha ampla programación de trece concertos (doce deles gratuítos) que achegaron o instrumento ao público a través da súa interpretación tanto con diferentes tipos (arpa de palancas, arpa de pedais, arpa triple barroca, arpa llanera) coma de ámbitos ou estilos musicais (clásico, folk, música antiga, flamenco, etc).
Primeiras espadas do instrumento, e tamén as xeracións máis novas do país, deron conta da súa calidade nunha serie de emprazamentos emblemáticos da vila, como Praza do Tapal, Liceo de Noia, Praza do Curro -que acolleu a foliada de benvida cunha homenaxe a Emilio Cao-, Igrexa Museo Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela e a Igrexa e Claustro de San Francisco. Precisamente esta última igrexa, que se estreou como sede neste 2025, revelouse como un escenario moi especial grazas a súa magnífica acústica, moi axeitada para o concerto de música antiga que ofreceu El concierto secreto, ensemble conformado por Juliette Commeaux e Laia Blasco; unha actuación celebrada coa colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA), coa que Noia Harp Fest segue a tecer rede para presentar, en Galicia, o mellor do talento peninsular.
Nesta liña divulgativa, o festival celebrou o IV Encontro de Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha cita anual de referencia tanto para as e os estudantes do instrumento como para os seus centros. Unha xornada de convivencia, aprendizaxe, música e experiencia que garante un grande futuro para a arpa en Galicia. Este ano, ademais, as máis de 20 participantes tiveron a oportunidade de poder ensaiar unha peza conxunta cun dos artistas desta edición, Kevin Le Pennec.
O 12º Noia Harp Fest despediuse onte cun concerto especial, como foi a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, na que se estreou Cuatro historias gallegas, do guitarrista e compositor arxentino Federico Beilinson. O Teatro Coliseo Noela acolleu unha celebración na que a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca (e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola coma solistas), estreou a obra gañadora deste certame, impulsado polo festival e polo Concello de Noia. Tamén se puido escoitar, por vez primeira, Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, peza composta polo uruguaio afincado na Coruña Gabriel Bussi.
Tanto a organización (Nalgures Producións) como a dirección (Asociación Noia Harp Fest) queren agradecer a artistas e público a súa participación na programación, e moi especialmente, ás institucións que fixeron posible esta 12ª edición: o Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, Deputación da Coruña e Acción Cultural Española AC/E.
O Teatro Coliseo Noela acollerá a estrea mundial da peza Cuatro historias gallegas,de Federico Beilinson, e da mención de honra Folías celtas, de Gabriel Bussi, que serán interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Sebastian Zinca e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola coma solistas
As últimas entradas dispoñibles para a Gala, na que tamén se poderán escoitar obras de Debussy e Ravel, están á venda en www.ataquilla.com
O Noia Harp Fest prepárase para despedir a súa 12ª edición. Tras gozar de catro xornadas de concertos con Ana Crismán, Bleuenn Le Friec, Kevin Le Pennec, Quico Comesaña ou Rebecca Hill, mañá, xoves 7 de agosto, porá o ramo coa celebración da Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. Durante a mesma producirase a estrea mundial da obra gañadora, titulada Cuatro historias gallegas, do guitarrista e compositor arxentino Federico Beilinson; mais tamén a mención de honra, Folías Celtas, do uruguaio afincado na Coruña Gabriel Bussi.
Precisamente esta mañá o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela acolleu o ensaio xeral das obras, ao que tamén asistiron, ademais de Beilinson e Bussi, o codirector do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní; e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte. A RFG, baixo a dirección de Sebastian Zinca, será a responsable de interpretar as pezas, nas que se acompañará de dúas recoñecidas arpistas: Claudia Besné, quen regresa ao festival após o seu exitoso paso hai dous anos, e Francesca Romana Di Nicola. Ademais, a orquestra tamén ofrecerá un repertorio no que se incluirán pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel. As últimas entradas para asistir á cita, que terá lugar no Teatro Coliseo Noela a partir das 20.30 horas, están á venda na plataforma www.ataquilla.com. O concerto contará coa presenza tanto dos autores coma de representantes do Concello de Noia, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.
O Premio Internacional de Composición Portus Apostoli é certame innovador promovido polo Noia Harp Fest e polo Concello de Noia que procura aumentar o repertorio para arpa e orquestra. A súa cuarta convocatoria, aberta a compositoras e compositores de todo o mundo, xa está en marcha desde o mes de maio e recibirá partituras orixinais ata decembro. Coa estrea da última gañadora, e grazas á colaboración da Real Filharmonía de Galicia, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia bota o pano até o 2026.
NOIA HARP FEST
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.
O Noia Harp Fest, que decorreu do 30 de xullo ao 2 de agosto e que mañá xoves celebra a Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, Claudia Besné, D’Súpeto, Francesca Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito, ademais da Real Filharmonía de Galicia, actúan nun evento que tamén promove o único Encontro do alumnado de arpa das escolas de Galicia.
Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
AXENDA NOIA HARP FEST | XOVES 7 DE AGOSTO 2025
20.30h | Teatro Coliseo Noela Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli * Real Filharmonía de Galicia Sebastian Zinca, director Claudia Besné, solista Francesca Romana di Nicola, solista
* Asisten o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, Soledad Agra; e a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
Eu tiña medo pero ningún dos cans que ouveaba na noite trouxo a morte.
Ningún dos corvos que pousaban na aira ou no tellado da palleira.
Morreron, quizais, algúns cans. E morreron, acaso, algúns corvos. Cans que pousaban na aira, corvos que ouveaban na noite.
E eu ás veces seguía sentindo, algo atenuado, ese mesmo receo incrustado.
Non hai moito máis que contar. Hoxe un acio de palabras podrece na noite e tocan as campás a morto. Morreu o cura e tocou o campaneiro. Morreu o campaneiro e xa non quedaba ninguén para tocar. Os corvos pousan no campanario e os cans ouvean cando amence. Alleos a todo.
Ollos indiferentes observan o paso de seres confusos.
E eu, ás veces, sigo tendo medo, anque non atino a saber que o provoca mentres estendo a mirada nun lugar que non me mira. Nin falta que fai.