Chegou o día e aquí estamos cos demais compañeiros da prensa para dar fe de tan relevante acontecemento. Anos agardando e por fin vaise converter nunha realidade o parque infantil tan desexado pola veciñanza. Realmente aínda non está rematado de todo: a sinalización, un par de bambáns e mesmo algunha zona terán que agardar algún tempo máis. Pero a inauguración, en boca do alcalde, xa non podía demorarse: “Vai para máis de dez anos que os meus predecesores iniciaron esta importante obra e hoxe tócame a min proceder á súa apertura dun xeito oficial. Se ben, os cativos e as cativas terán que esperar para facer uso do mesmo, agardo que por pouco tempo, a que as obras finalicen. Dentro dun mes serán as eleccións e este vai ser un tema prioritario na próxima lexislatura se veciñas e veciños teñen a ben reelixirme.”
Nesta data tan importante para o concello, acompañarán ao alcalde amais dos concelleiros, a Presidenta da Deputación; a música correrá a cargo da banda de gaitas da citada institución. Logo terá lugar unha gran churrascada de balde para todo aquel que o desexe. Falta case unha hora e isto xa se está convertendo nun auténtico fervedoiro de xente. Iso si, a maioría dos presentes, da terceira idade.
—Señora, señora! Aquí unhas preguntiñas para a TV12. Que me ten que dicir do acto que dentro dunha hora vai ter lugar?
—E que quere que lle diga? Unha tomadura de pelo! A boas horas chega o parque e por riba sen rematar. De todas formas dá igual, poden esperar outros dez anos. Para os nenos que quedan, o neto de Filomena e a sobriña da criada do cura. E quererá o señor alcalde que nos bambeemos nós, agora que imos vellas? Unha vergoña, xa digo, unha auténti…
—Cala, mala pécora. Desagradecida!, que es unha desagradecida! E a que vés logo aquí? A papar, que é o único que che interesa —interrómpea unha asistente, toda encolerizada—. Non lle faga caso, señor, que esta élle da oposición e non saben máis ca criticar, pero cando hai algo que levar á boca, xa ve, a primeira, coma todas as da súa casta. Estámoslle moi agradecidas ao señor alcalde por esta importante obra. Que non hai nenas? Xa virán, non te preocupes, pendanga, que es unha pendanga.
—Oes, a min ti non me insultas, filla do demo. Vouche dar unha que non vas esquecer na vi…
—Que pasa aquí? —aparece poñéndose polo medio o señor crego—. —Haxa paz, irmás.
—Mira que che dou, eh! Esta, señor cura, que é unha desagra…
Señoras e señores, devolvemos a conexión aos estudos centrais, a ver se se vai distendendo un pouco o ambiente. Volveremos máis tarde cando o acto dea comezo.
O IESCHA organiza o acto de presentación do libro de Brais Lamela, NINGUÉN QUEDA. Será o vindeiro xoves 15 de decembro, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba.
Nada máis ver o libro sobre a mesa da libraría, a vista repara nese título que desprende poesía. Case sen querelo –ou querendo, quen sabe- penso en miña nai, nos seus ollos castaños case verdes, que van adquirindo esa cor cos primeiros raios de sol.
Precisamente, do que máis gustei desta lectura é do desvío que toma a narrativa para levarnos ao territorio do poético. Imaxino que algunhas cousas só poden ser transitadas –que non contadas- desde ese lugar.
O inicio é especialmente duro. Nel asistimos a unha relación materno-filial convulsa, desgastada, cargada de odio e desconfianza. As palabras que emprega o protagonista, Aleksy, para referirse á súa nai, desde unha evidente violencia, chegan a sacudir a quen le. Coido que eses primeiros capítulos, dalgún xeito, constitúen unha proba de fogo para decidir se seguir ou non coa trama, co risco que iso supón para calquera obra.
A medida que avanzo e coñezo máis aos personaxes, que van amosando os seus matices, comezo a sentirme máis cómoda na lectura. Non porque mingüea intensidade da devastación do relato, senón porque dan en brotar algunhas sementes no ermo que existe entre nai e fillo. E a beleza vai aflorando, aos poucos, coma o xirasol da portada, mergullándonos nun verán infinito a través das pradeiras francesas.
En pouco máis de duascentas páxinas podemos viaxar por diferentes emocións e, mesmo, recoñecernos nalgúns recunchos do drama, malia que cada familia, como escribiu Tolstói, é infeliz á súa maneira. Talvez sexa este unha especie de libro- bala: impacta, fire, mais deixa espazos en branco para atoparmos algunha senda cara ao propio encontro.
A Comunidade Galega de Cataluña leva ao Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos”
A gala de teatro musical é unha homenaxe á emigración galega chegada a Cataluña nas décadas dos 60 e 70
A Comunidade Galega de Cataluña presentará o próximo 10 de decembro ás 18.00 horas, no Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos”.
“Unha Xeración. Dous Mundos” é unha gala de teatro musical que explica varias historias da Emigración Galega en Cataluña desde a década dos 60 e 70 ata os nosos días, unha época na que se crearon a maioría de Centros Galegos e Casas de Galicia, así como institucións sociais e empresariais, contribuíndo a construír e mellorar a nosa sociedade e a terra de acollida, Cataluña.
Por iniciativa da Casa Galega de L’Hospitalet e Xuntanza de Catalunya, “Unha Xeración. Dous Mundos” é unha realidade grazas á suma de máis de vinte entidades galegas colaboradoras (Comunidade Galega de Catalunya) e ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Deputación de Barcelona, así como AEGA-CAT (Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña).
“Unha Xeración. Dous Mundos” conta cun elenco de máis de 250 participantes, actores e músicos, que darán vida a un guión escrito por Xosé Carlos García e Manuel Prados. Os recoñecidos artistas galegos Artur Puga e Xisco Feijoó son, pola súa banda, directores artísticos da obra, cuxa dirección teatral e musical recae en Cote González e Xurxo Gándara, respectivamente. Por outra parte, Fidel Vázquez é o responsable da iluminación do espectáculo, mentres que Alberto Quintá é o responsable de son.
Música, baile, teatro e emoción daranse cita neste espectáculo, que levará Galicia á capital catalana, para homenaxear a todas aquelas persoas que tiveron que vivir “entre dous mundos”.
Este sábado, día 10, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María programarase ASTROLABIOS, un espectáculo cósmico de narración oral para crianzas (a partir de 6 anos) e público familiar.
“Astrolabio” é unha palabra que vén do grego que significa “buscador de estrelas”. Durante unha hora, coa axuda da narradora oral e actriz CARMEN CONDE, converterémonos en buscadores de estrelas nunha viaxe ao espazo exterior con cohete e todo! Nesta sesión de contos, Carmen Conde vainos facer un percurso para coñecer o ceo desde as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra. Grazas a elas saberemos onde queda o norte, aprenderemos sobre algún planeta, descubriremos como din que se creou este en que vivimos nós. Entenderemos as fases da lúa, para que serviron no seu día os eclipses, que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas e que se reúnen en constelacións, igual que as familias se reúnen nas festas. Baixaremos a lúa do ceo, teremos o Sistema Solar completo nas mans e mesmo veremos nebulosas de perto.