O IESCHA organiza as presentacións dos libros AGORA NON É ANTES. IDEAS PARA UNHA REVOLUCIÓN TRANQUILA, de Antón Baamonde, e A FABA E NÓS, de Alberto V. Serantes, na Casa da Cultura de Vilalba

VENRES 17-04-2026

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro AGORA NON É ANTES. IDEAS PARA UNHA REVOLUCIÓN TRANQUILA, do filósofo e escritor vilalbés Antón Baamonde, editado por Galaxia.

Estará acompañado por Henrique Sanfiz, de Radio Fene, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar o venres 17 de abril de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

SÁBADO 18-04-2026

E o sábado 18 de abril o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, tamén organiza o acto de presentación do libro A FABA E NÓS, de Alberto V. Serantes, con ilustracións de Araceli Paz e publicado por Figurando Recordos Edicións.

A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

O acto terá lugar o sábado 18 de abril de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTAS INFORMATIVAS

SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA, un espectáculo de contos con Sole Felloza, este sábado na Casa-Museo Manuel María

SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA, un espectáculo de contos con SOLE FELLOZA, este sábado, ás 17 horas para nenos e nenas de seis anos en adiante

Houbo un tempo en que coñecer os seres máxicos era imprescindíbel para entender o mundo. Saber onde vivía o nubeiro, que monte habitaba un xigante ou en que fonte podía aparecer unha moura axudaba a orientarse no territorio, mais tamén na vida. Estes seres formaban parte dun saber compartido, ligado á terra, aos camiños e á memoria do país.

Este espectáculo de narración oral para nenos e nenas, a partir de seis anos en diante, propón volver poñerlles voz, corpo e historia a esas criaturas. A partir do Mapa dos Seres Máxicos do Reino de Galicia, creado por Manuel Gago e ilustrado por Leandro Lamas, a palabra falada convértese nun mapa vivo: un espazo escénico onde pousar o dedo e abrir unha historia, onde cada lugar garda unha voz.

Trasnos, meigas, xacias, nubeiros, seres desaparecidos e outros vencellados a illas, montes, fontes ou camiños regresan á oralidade para ser contados de novo, reinventados e compartidos, por Sole Felloza.

Será este sábado, 18 de abril, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María. Importante, é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A.C. Donaire celebra este sábado a XIII edición do seu festival DÁLLE DONAIRE

O emblemático escenario do Teatro Colón acollerá a cita este sábado, 11 de abril, ás 19:00 horas

A Asociación Cultural Donaire regresa un ano máis ao emblemático escenario do Teatro Colón para celebrar a décimo terceira edición do seu xa consolidado festival Dálle Donaire. A cita terá lugar este sábado, 11 de abril, ás 19:00 horas, prometendo unha xornada onde a tradición, o movemento e a identidade galega serán os grandes protagonistas.

UNHA VIAXE POLA ESENCIA DA NOSA TERRA

Nesta XIII edición, o Festival Dálle Donaire non é só unha actuación, senón unha homenaxe ao traballo incansable de preservación da nosa cultura. O público poderá gozar dunha selección coidada das mellores pezas do repertorio da Asociación, así como da participación activa dos diferentes grupos que integran a escola da asociación.

A gala está deseñada como un percorrido polas danzas e músicas que definen o noso folclore, executadas con ese “donaire” característico que mestura o respecto absoluto pola raíz coa enerxía dunha posta en escena contemporánea e profesional. “O Festival Dálle Donaire é o momento no que a escola e o grupo profesional conflúen para compartir coa cidade meses de esforzo e paixón pola nosa cultura. Tras trece edicións, o compromiso de Donaire coa Coruña e co noso patrimonio segue máis vivo que nunca”, sinalan desde a Asociación.

IDENTIDADE VISUAL CON FIRMA DE AUTORA: MOLU ARES

A imaxe desta edición vén da man da recoñecida ilustradora e deseñadora Molu Ares, que é ademais alumna de Donaire. Cun estilo que destaca pola súa capacidade para capturar a forza do movemento e a expresividade humana, Ares creou un cartel que encapsula a alma do festival. A súa colaboración aporta unha dimensión artística adicional ao evento, vinculando a tradición escénica coa vangarda da ilustración galega actual.

XIII EDICIÓN DÁLLE DONAIRE

Teatro Colón, A Coruña
Sábado, 11 de abril — 19:00 horas

Entradas en Ataquilla.com

Sobre Asociación Cultural Donaire

A Asociación Cultural Donaire créase na cidade da Coruña no ano 2000, co obxectivo de recuperar, promover e difundir unha importante parcela da nosa cultura tradicional como é o folclore galego. Conta cunha escola na que se imparten clases de canto e baile, así como de instrumentos que tradicionalmente foron utilizados no seu acompañamento como a gaita, pandeireta, tamboril, bombos, pandeiras e outros instrumentos de percusión menores. Tamén conta cun grupo composto por mozas e mozos que tras anos na escola amosan nas actuacións o donaire, riqueza e variedade da nosa música e a nosa danza popular, conservando e difundindo o legado cultural que lles foi transmitido polos seus maiores. Tódalas pezas presentadas foron seleccionadas logo dunha intensa labor de recolleita etnográfica de campo pola xeografía galega, mantendo fielmente as características de como eran interpretadas.

RECONVERSIÓN, de Ibuprofeno Teatro, triunfa nos XXX Premios María Casares con seis galardóns

  • A montaxe dirixida por Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo faise cos premios de Mellor Espectáculo, Dirección e Texto Orixinal, entre outros
  • A serie clopenTROMSØ e Berenguela na gaiola logran cadanseu dobrete nunha gala que celebrou a vida e obra de Manuel Lourenzo
  • Fran Lareu coróase como mellor actor do ano ao gañar o galardón de protagonista (Un tal Romeo) e secundario (Reconversión)
  • Luma Gómez recibiu o Premio de Honra Marisa Soto polo seu compromiso vital coas artes escénicas galegas

O teatro galego celebrou esta noite a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.

A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

O teatro galego celebrou esta noite a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.

A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

Un palmarés repartido

Xunto ao éxito de Reconversión, a 30ª edición dos premios recoñeceu o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.

O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen asinou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión. Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

A voz do sector: reivindicación desde o inicio

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: “Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán”.

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: “Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida”. Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: “non nos agasallan con nada”.

Fórneas rematou o seu discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e os discursos de odio: “Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados”, e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: “unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra”.

Unha gala entre a verbena e o poema: festexar a Manuel Lourenzo

Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego finado o pasado verán e Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997. O espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular.

A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e unha vibrante cumbia coa que o elenco —Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal— entrou dende o patio de butacas. O xogo escénico alternou momentos de humor, como o brinde inicial con latas de cervexa, con pasaxes de alta carga poética, como a lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o emocionante poema homenaxe recitado baixo o foco dun canón no centro do escenario. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de “Oxalá estiveras aquí” acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.

Reivindicación e compromiso: o teatro como “chave”

Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha “chave decisiva” para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da “caricatura ao suxeito” e pechou a súa proclama cun unánime “Viva o Teatro Galego!”.

A AAAG entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez. O acto contou coa presenza de autoridades como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Governo, Julio Abalde; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros representantes institucionais.

A festa rematou coa canción “Eu son Feliz” e un brinde colectivo de premiados e equipo técnico sobre as táboas do Rosalía, selando unha noite que reafirma os María Casares como o gran referente das artes escénicas en Galicia.

Listaxe de Candidaturas Premiadas

IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6)
Mellor espectáculo
Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo
Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso
Mellor actor secundario: Fran Lareu
Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo
Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade

CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2)
Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito
Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada

MORRAOCONTO: TROMSØ (2)
Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro “Coti”
Mellor iluminación: José Faro “Coti”

GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2)
Mellor espectáculo infantil
Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira

ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1)
Mellor actor protagonista: Fran Lareu

TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1)
Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1)
Mellor vestiario: Carolina Díguele

ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1)
Mellor maquillaxe: Ártika Cía

Sobre os XXX Premios de Teatro María Casares
Os XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, contan coa colaboración de institucións e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE e Gadisa.

Sobre a AAAG
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é a organización profesional que representa ao sector actoral galego e que organiza anualmente os Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia.

Castiñeiro Milenario organiza a proxección da película O MÉDICO DOS POBRES, de Federico Rioboo, na Casa da Cultura de Begonte

Este sábado 11 de abril a asociación cultural Castiñeiro Milenario organiza a proxección da película O médico dos pobres, de Federico Rioboo, a partir das sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte.

Este filme documental tenta recuperar a memoria arredor do asasinato na guerra civil española de Manuel Díaz González, médico e alcalde do Incio, a mans de falanxistas. Con testemuñas variadas, un traballo de reconstrución e coralidade capaz de axudar a esclarecer a infamia dun tempo.

O fío condutor do documental parte do libro Sementes e memoria. Morte e evocación dun médico republicano, escrito por José Luis Díaz, sobriño do protagonista.

José Luis iniciou a investigación da vida do seu tío a raíz dunha nota manuscrita a lapis que de xeito casual atopou entre documentos da familia aló polo ano 1978. Esta nota dicía: “O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manuel os fascistas”. Esta nota fora escrita polo pai do médico asasinado, e avó de José Luis, quen intuíu que a morte do seu tío estaba aínda rodeada dunha espesa néboa.

Ao remate terá lugar un pequeno coloquio para comentar a película proxectada.

Alana publica este venres o seu novo disco, UN SABER

Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presenta 

o seu segundo traballo discográfico, no que explora os ritmos da nosa tradición oral,

coa súa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, 

ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar

Un saber (título que fai referencia ao saber popular das señoras) poderá 

escoitarse en todas as plataformas dixitais desde este venres, 10 de abril:

https://alana.lnk.to/UnSaber

O LP conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, 

Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena 

corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras As dúas e punto

A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá o concerto de presentación 

do novo disco de Alana o sábado, 18 de abril, ás 21.30h, coas últimas entradas

dispoñibles en: https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/alana-capitol

Un saber, o agardado novo traballo discográfico de Alana, verá a luz este venres, 10 de abril, en todas as plataformas dixitais. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presenta, así, o seu segundo LP, no que explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar.

Un saber (título que fai referencia ao saber popular das señoras) conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras As dúas e punto.

A Sala Capitol de Compostela acollerá o concerto de presentación deste novo disco de Alana o sábado, 18 de abril, ás 21.30h, coas últimas entradas aínda dispoñibles aquí.

Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical. Con este novo traballo discográfico, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa primeira e festexada ópera prima.

Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”. 

O proxecto contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

UN SABER, O NOVO LP DE ALANA, UN DISCO PARA BAILAR, CANTAR, GOZAR E EMOCIONAR

“Un saber é unha evolución sobre como empezamos a vivir a música nos primeiros tempos de Alana e como o facemos agora… A nivel rítmico, é un disco moi diverso, xa que exploramos a meirande parte dos ritmos da nosa tradición oral. En moitos casos, as cancións están ligadas con momentos ou persoas que foron importantes nas nosas vidas”, apunta a banda. E continúa: “Había unha idea que nos rondaba na cabeza desde hai tempo, e era a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían, algo que xa sabíamos, pero que nos segue sorprendendo a día de hoxe”. 

Antía, Eloy e Pablo apuntan, tamén: “O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical». Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”.

Para Alana, esa música constitúe algo de tan alto valor, de tan amplo coñecemento e de tan grande saber que “queríamos aportar o noso pequeno grao de arena para seguir con ese legado que nos deixaron e nos deixan”.

ALANA: RAÍZ, RITMO E REVOLUCIÓN

Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile.

O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.

No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco, mentres que Un saber é o seu segundo traballo.

DISTRIBUCIÓN ALANA

https://urdime.gal/musica/Alana

LINK ESCOITA UN SABER, DE ALANA

https://alana.lnk.to/UnSaber

20260408-NP-Alana_Un-saber