O proxecto de mediación con adolescentes 1972, desenvolvido por ButacaZero, rescata un episodio da historia obreira do que non se conservan documentos gráficos
1972, coproducido por Teatro del Barrio e o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad, presentará a súa mostra final os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika
Máis de medio século despois das mobilizacións que paralizaron a industria olívica, a compañía ButacaZero reúne a un grupo de adolescentes para investigar dende a escena un dos episodios máis relevantes da loita obreira da época franquista: a folga xeral de 15 días de setembro de 1972 en Vigo, meses despois de que Amador Rey e Daniel Niebla perdesen a vida a mans da Policía Armada durante as protestas dos traballadores de Bazán, en Ferrol.
Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, acompañados dun equipo de gradísimos profesionais das artes escénicas da zona, lideran o proxecto de creación e mediación cultural 1972. “A idea é organizarse colectivamente para ‘bailar a loita’, e que revivan cos seus corpos e voces a enerxía e o espíritu dun episodio do noso pasado do que non quedou unha soa imaxe para a posteridade”, apunta Carrodeguas.
Laura R. Iturralde, Clara Ferrao, Juanma LoDo, Borja Carvajal e Pia Nicoletti acompañan dende o mes de setembro a Carrodeguas e Castiñeira nun proceso formativo multidisciplinar que combina danza contemporánea, sonorización, deseño audiovisual, iluminación, dramaturxia documental e dirección de procesos de creación colectiva no que colaboran tamén entidades como a Unión Comarcal CCOO de Vigo ou a Fundación 10 de marzo.
Os encontros formativos teñen lugar semana a semana no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que abriu as súas portas xenerosamente ao proxecto. Era o lugar ideal para desenvolvelo xa que “que daquelas era unha cárcere”, tal e como lembra Carrodeguas. “Parécenos fundamental que, alén de adquirir coñecementos sobre iluminación, dirección ou sonoplastia nos obradoiros, as e os adolescentes aprendan do seu pasado, estreitamente vinculado coa loita sindicalista da súa cidade, e recuperen ese fito histórico desde as súas voces, miradas e inquedanzas”, sinala a directora e dramaturga. O proxecto culminará coa presentación dunha mostra do traballo desenvolvido. Será os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika, quen colabora tamén co proxecto, e que está situada na zona portuaria de Vigo, escenario dos paros de 1972. A entrada será de balde, previa retirada de convites a través da web da sala.
Dentro da programación do proxecto desenvolveranse dúas actividades complementarias e previas de mediación coa cidadanía. O xoves 8 de outubro, ás 19:00 horas, celebrarase o Conversatorio Interxeracional, unha conversación aberta ao público no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), na que o grupo de adolescentes dialogará con algunhas persoas implicadas e vinculadas coas protestas de 1972 para avanzar coa súa investigación escénica.
Tres días máis tarde, na mañá do domingo 11 de outubro, terá lugar un roteiro pola memoria obreira de Vigo, no que se porá o foco no percorrido histórico que vai desde PSA-Citroën, un dos epicentros da loita sindicalista, ata A Madroa, onde tiñan lugar as reunións nocturnas dos diferentes comités implicados para debater a continuidade da folga. O roteiro, que se fará en bus, é de acceso gratuíto previa inscrición a través do correo electrónico info@butacazero.org
Barrios en lucha
1972 é un dos nove proxectos de creación escénica que forman parte de Barrios en lucha, un proxecto desenvolvido e coordinado por Teatro del Barrio para o Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad. No caso vigués, tal e como puntualiza Esther F. Carrodeguas, “non se tratou dun único barrio, senón da loita dunha cidade enteira”.
1972
Proxecto de mediación-creación con adolescentes.
Investigación escénica arredor da folga xeral de Vigo en setembro de 1972.
Ficha artística e técnica
Produción: Teatro del Barrio, Comisionado para la Celebración de los 50 años de España en libertad e ButacaZero.
Autoría: Esther F. Carrodeguas
Dirección: Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira
Elenco: Gerogito, Paovan, Iago TR., Maverick, Azalia Mera, Bella, Noa Pena, María Lago, Nai T.G, Paula Arias
Coreografía: Clara Ferrao
Deseño de son: Juanma LoDo
Deseño de iluminación: Laura R. Iturralde
Videoescena: Borja Carvajal
Coordinación pedagóxica: Pia Nicoletti
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade desde unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como A velada de Londres, IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
O ESPECTÁCULO ONÍRICOS E OUTROS DELIRIOS TERÁ LUGAR O 13 E 14 DE NOVEMBRO NO CAFÉ AURIENSE (OURENSE) E O 3 E 4 DE DECEMBRO NA SALA RIQUELA (SANTIAGO DE COMPOSTELA)
AS ENTRADAS SAIRÁN Á VENDA MAÑÁ VENRES 2 DE OUTUBRO ÁS 12:00H EN ENTERTICKET.ES, BAIXO UN AFORO MOI REDUCIDO
Baixo o nome de Oníricos e outros delirios, Guadi Galego volta ás salas pequenas para propoñer unha experiencia na que recuperar a conexión e proximidade co público será o eixo central do espectáculo. A cantante presenta catro concertos íntimos en formato trío nos que interpretará as cancións de Pélago. Contos oníricos, o seu último disco, xunto con algúns dos seus grandes éxitos e temas que nunca interpretou en directo. Tras o éxito do seu concerto de fin de xira na sala Capitol o pasado ano, a artista galega propón unha experiencia exclusiva que só se poderá desfrutar o 13 e 14 de novembro na sala Auriense de Ourense e o 3 e 4 de decembro na sala Riquela de Santiago de Compostela. As entradas á venda sairán mañá venres 2 de outubro ás 12:00h en enterticket.es.
Oníricos e outros delirios nace da necesidade de Guadi de poñer en valor o directo, poñendo ao público no centro da conexión entre a súa música e ela. Estes catro concertos están concibidos como unha experiencia íntima na que poder sentir de preto e achegarse ao xerme da música da cantante, nunha necesidade da propia artista de deixar de lado a celeridade do consumo para poder gozar de novo coa súa xente da conexión coa súa música sen artificios. Para iso, percorrerá dúas localizacións importantes na súa vida e que forman parte dela de maneira fonda: Santiago de Compostela, á que considera parte da súa casa, e a sala Auriense, escenario ao que garda especial cariño por ser punto de partida e de finalización dalgunhas das súas etapas na súa carreira.
Para crear esta experiencia, Guadi Galego está a desenvolver un directo en formato trío xunto con Vic Moliner, un dos produtores das súas últimas músicas, e Iago Carro. Xunto a eles, reivindicarán a música en directo, tratando de mergullar ao público na orixe deses temas. Para iso, o piano de Guadi, o baixo e sintetizadores de Vic e a batería de Iago terán un peso importante, buscando transmitir a verdade do que foi o proceso compositivo, achegando máis aos músicos e ao público, e deixando de lado as dinámicas de consumo rápido que se está a vivir no contexto musical actual.
MÁIS SOBRE GUADI GALEGO
Guadi Galego é unha das figuras máis relevantes e influentes da música galega contemporánea. Compositora, intérprete e produtora, a artista leva décadas expandindo a súa sensibilidade e a súa inquedanza musical cara a conexión entre a experimentación e a tradición, poñendo o foco na emoción e a honestidade.
Dende os seus comezos como parte de Berrogüetto, unha das bandas máis importantes do folk galego, a súa carreira está marcada pola importancia dos seus proxectos, aportando un legado musical e de recoñecementos que a sitúan como unha das grandes referentes da música galega. Dende unha consideración aos Latin Grammy ou un premio ao Mellor Grupo Folk Europeo, ata formar parte de proxectos xunto a outras grandes figuras da música feita en Galicia como Abe Rábade e Ugia Pedreira en Nordestin@s ou Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero en aCadaCanto.
A súa carreira en solitario reafirmou o camiño transitado durante os anteriores proxectos, sendo unha das voces máis relevantes dos últimos anos. Guadi Galego construíu arredor da súa carreira un espazo de desenvolvemento de novas sonoridades dentro da canción galega, así como de encontro interxeracional do talento, con colaboracións xunto a voces da talla de Iván Ferreiro, Vega, Andrés Suárez, Tanxugueiras ou Xabier Díaz, entre moitos outros.
Esta traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións con prestixiosos galardóns como o Premio da Crítica de Galicia, diversos Premios Martín Códax da Música, o Premio á Promoción da Realidade Pluriligüe do Estado ou o Premio Rebulir da Cultura Galega, entre outros. Estes recoñecementos non fan máis que reafirmar a súa posición como unha das artistas máis importantes da música galega, así como o seu status como unha das voces máis inspiradoras e necesarias da cultura contemporánea de Galicia.
O IESCHA organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, a proxección do documentalPRISCILIANO E A GALLAECIA, de Aser Álvarez, producida por Arraianos Producións, e apoiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A proxección, terá lugar o venres 9 de outubro de 2026, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba.
Coincidindo coa celebración do aniversario do nacemento de Manuel María este luns, 5 de outubro, ás 19 hrs, inaugúrase no Centro Ágora da Coruña a exposición fotográfica de Manuel Lemos A luz resucitada. Un achegamento ao poeta Manuel María. Será ás 19 horas e intervirán, alén de Manuel Lemos, Pilar Pallarés e Alberte Ansede. A actividade está organizada pola Asociación Veciñal Agra do Orzán.
No marco desa celebración anual levarase a cabo o recoñecemento de dúas mulleres cunha traxectoria vital e profesional salientable: Elena Ferro e Isabel Carracedo Lozano. A primeira que fará de Pregoeira desta edición do magosto cultural da parroquia de Pino (Cospeito). Mentres que a segunda recibirá o Título honorífico Constanza de Castro.
Pregoeira: Elena Ferro
Zoqueira e artesá galega, Elena Ferro pertence a unha familia dedicada á elaboración de zocos desde 1915. Desde o seu obradoiro Eferro, en Merza, soubo manter viva esta tradición e, ao mesmo tempo, renovala e achegala ás novas xeracións. O seu traballo foi recoñecido co Premio Nacional de Artesanía 2019, pola súa traxectoria e pola innovación aplicada a este oficio tradicional.
Título Honorífico: Isabel Carracedo Lozano
Isabel Carracedo é, para moitos veciños e veciñas, moito máis ca unha farmacéutica. Toda unha vida detrás do mostrador da botica, atendendo, escoitando e acompañando a xeracións de familias. Unha persoa coñecida e querida no lugar, exemplo dese comercio de proximidade que forma parte da vida e da memoria dos nosos pobos.
Dúas mulleres, dúas traxectorias e dous xeitos de manter viva a nosa identidade: a través dos oficios, da tradición, da dedicación e das persoas que fan comunidade.
E a esas dúas actividades sumaranse outras que completarán unha xornada cultural de celebración do VI Magosto Cal da Loba:
10:30 h – Andaina ao castelo e representación teatral
13:00 h – Actos no Local Social
14:00 h – Xantar medieval
Pola tarde – Demostracións, xogos, música e actividades para todos
Á noite – Magosto
Inscricións ata o 18 de outubro.
*Información recollida da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino.