“Que parece un principio”, o novo e honesto EP de Gala i Ovidio, ve a luz

DENTRO DEL PUBLÍCASE FANTASMAS QUE SE OCULTAN, O TEMA PRINCIPAL DO TRABALLO

Un final que parece un principio. Esta é a frase que se crea ao xuntar os títulos dos dous EP de Gala i Ovidio que saíron no últimos tres meses, as primeiras cancións da súa traxectoria, os primeiros pasos xuntos deste dúo formado por Aida Tarrío e Raül Refree.  Hoxe, baixo ese Que parece un principio, abren un novo camiño na súa traxectoria.

Este segundo EP, unha colección de seis cancións das que xa coñeciamos dous adiantos, Sí quiero e No puedo, é un novo xiro musical cara a terreos da canción pop, sempre experimentando coas texturas e emocionando coas melodías e as letras. Aínda que a primeira entrega, o primeiro dos dous EPs, trataba o concepto da perda, o baleiro e o final, a fogueira onde se queiman os barcos para comezar unha nova vida, Que parece un principio narra a procura dunha nova vida, a ferida en proceso de curación e a dificultade de atopar o amor cando non se está preparado. Uns textos que na voz de Aida resoan honestos e emocionantes e lévannos a imaxinar unha viaxe persoal que, ilustrado por un concepto musical tan arriscado como redondo e profundo, parécenos tan único que o facemos noso. Quen non tivo que volver comezar algunha vez? Quen non se sentiu incapaz de amar de novo?

Do mesmo xeito que en Un finalQue parece un principio acaba cunha canción tradicional, unha espadelada, que conducida por sorpresa ao terreo do noise, mesmo do metal, e da enerxía extrema lémbranos as raíces do grupo, onde se atoparon e cal é sempre é punto de partida e a orixe musical destes dous músicos que xuntos deron vida a unha das formacións máis excitantes do ano.

Foto: Beto Pinto

Fantasmas que se ocultan, focus track do EP

Fantasmas que se ocultan exerce como canción principal do segundo EP de Gala i Ovidio, vendo a luz dentro do traballo discográfico. O dúo entrega con este tema unha melodía redonda e emocional que é sen dúbida unha das cancións máis pop do seu repertorio e unha peza que mostra un rexistro que non viramos antes. Guitarras arpexadas que se mesturan con ritmos electrónicos e órganos esnaquizados para dar forma a unha homenaxe evidente á cidade onde se coñeceron, Santiago de Compostela, e a todas as pantasmas que, como en calquera cidade, se agochan nos recunchos das rúas laberínticas que forman o seu casco antigo. Unha cidade, un pasado e unha espera que non remata nunca, Gala i Ovidio e unha viaxe que xusto está a empezar pero que xa deu algunhas das mellores cancións do ano.

Foto: Pol González Novell

Aida Tarrío

Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.

Raül Refree

Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”

Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.

O Museo do Pobo Galego acolle unha conversa con FAIA sobre o proceso de creación do seu disco ‘Alvela’

  • A actividade conta tamén coa participación da etnomusicóloga Beatriz Busto e será o vindeiro 15 de maio, ás 20 horas, con entrada libre ata completar capacidade 
  • ‘Alvela. Do arquivo ao disco’ enmárcase dentro da programación paralela á exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ do Museo do Pobo Galego 
  • A conversa entre FAIA e Beatriz Busto revelará a vinculación de ‘Alvela’ co arquivo do museo e o proceso de traballo do disco


FAIA vai presentar o seu novo disco no marco da conversa Alvela. Do arquivo ao disco no Museo do Pobo Galego o vindeiro xoves 15 de maio, ás 20.00 horas. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión producida polo museo co gallo das Letras Galegas 2025, contará coa participación da antropóloga e etnomusicóloga Beatriz Busto e terá entrada libre ata completar capacidade. 

Nesta conversa o público poderá coñecer de primeira man a estreita vinculación de Alvela co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do museo e os detalles do proceso de traballo do disco. Alén diso, será tamén a presentación pública do vinilo porque aínda que Alvela foi lanzado nas plataformas dixitais o pasado 23 de abril, é agora cando é posible adquirilo en formato físico, con portada e ilustracións da artista plástica Blanca Gracia. 

Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.


FAIA convida á conversa no Museo do Pobo Galego



Sobre FAIA

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentou Alvela, o seu segundo traballo. 

CONVERSA CON FAIA

Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Bustos 
Xoves 15 maio | 20.00 h | Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) 
Entrada libre ata completar capacidade 

WEB FAIA | https://faia.gal

ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc

Comunicado da Deputación de Lugo sobre a Torre de Caldaloba

Iria Castro e Efrén Castro. (Foto: Deputación de Lugo)

A Xunta de Galicia persiste no bloqueo á protección de Caldaloba cunha demanda de retracto tres anos despois de que a Vicepresidencia da Deputación adquirira este ben para o patrimonio público


A Vicepresidencia da Deputación lamenta que a Xunta de Galicia xudicialice o procedemento de incorporación ao patrimonio público da Torre de Caldaloba iniciado pola área de Cultura en 2022 e retrase unha vez máis a protección e valorización desta fortificación.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro fixeron estas valoracións este venres nunha comparecencia na que explicaron que a Deputación de Lugo recibiu o pasado 16 de abril unha demanda de retracto por parte da Xunta de Galicia en relación coa compra da parcela na que se ubica a metade oeste da Torre de Caldaloba e a parte fundamental do seu sistema defensivo.

Iria Castro explicou que “esta notificación do Xulgado é a primeira noticia que tivemos da Xunta de Galicia desde hai case tres anos, cando a área de Cultura, xestionada daquela por Maite Ferreiro, adquiriu a parcela aos seus propietarios” e aclarou “que se a Xunta tivera interese na adquisición e na conservación de Caldaloba, puido resolver este procedemento pola vía admnistrativa neste tempo exercendo o dereito de tenteo ou dereito de retracto que lle atribúe a Lei de Patrimonio”.

En lugar diso, explicou, “levamos anos de bloqueo, con silencio na vía administrativa a todas as propostas de actuacións que se fixeron desde a área de Cultura no edificio, e de evasivas na vía política, sen responder a ningunha das solicitudes de reunión que se fixeron á Consellería de Cultura”.

“A área de Cultura actuou en todo momento co obxectivo último de incorporar a Torre ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, protección e valorización acordo co seu valor histórico e simbólico para Galiza”, destacou Iria Castro. A deputada Cultura constatou que “o recurso da Xunta á vía xudicial retrasará aínda máis a salvagarda e protección da Torre da Caldaloba” e responsabilizou ao goberno autonómico de “actuar desta forma, porque foi esta administración a que tomou a iniciativa”.

Neste punto incidiu  o vicepresidente da Deputación Efrén Castro que constatou “o desinterese e deixadez da Xunta de Galicia ata que a área de Cultura tomou a iniciativa”  e comparou a actuación da Xunta neste caso coa da Torre do Batallón de Sarria, que acaba de adquirir un propietario privado.

“Fronte a propietarios privados, a Xunta non exerceu o dereito de retracto e, neste caso, no que outra administración pública estaba disposta a asumir a propiedade, recurre á vía xudicial”, explicou Efrén Castro, que destacou que “non só se trataba de mercar a Torre se non de desenvolver un plan de consolidación e posta en valor, que a área de Cultura xa tiña”.

A Torre de Caldaloba foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994. Unha figura de protección que atribúe a Xunta de Galicia a responsabilidade última da súa salvagarda, protección e posta en valor. Desde aquela, foron constantes os chamamentos da sociedade civil a intervir para frear o deterioro da fortificación.

 En 2021, unha vintena de asociacións culturais da Terra Cha organizaron unha limpeza colectiva para alertar por enésima vez do seu estado e reivindicar a súa protección. Tamén se promoveron iniciativas politicas no Concello de Cospeito, no Pleno da Deputación, no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados, sen que a Xunta de Galicia intervise na protección da Torre, en mans de varios propietarios privados.

En xullo de 2022, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo tomou a iniciativa para incorporar este ben ao patrimonio público e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e valorización da Torre e da súa contorna, acorde co interese patrimonial, histórico e simbólico que ten para Galiza.

Tras varios meses de xestións para esclarecer a propiedade e acordar a venda, o 29 de xullo de 2022,  aprobouse na Xunta de Goberno da Deputación de Lugo a proposta da compra da parcela na que se situa a parte  mellor conservada da torre e do sistema de fosos e contrafosos defensivos que a rodean, así como o acceso principal.

Como corresponde ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, a Deputación comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a adquisicion da parcela o 3 de agosto, un trámite que contempla a lei, para que a Xunta de Galicia poida exercer, no prazo de 3 meses, o dereito de tenteo, que pode exercer para si ou para outras administracións.

Nese período, o Concello de Cospeito iniciou un procedemento de expropiación dos terreos que ocupa a outra parte da Torre. Desde a Vicepresidencia da Deputación solicitáronse daquela reunións tanto co Conselleiro de Cultura Román Rodríguez como co Concello de Cospeito para abordar vías de colaboración, sen obter ningunha resposta.

0 21 de outubro, a Deputación asinou ante notaria o contrato de compravenda da parcela, completando o proceso de adquisicion da parcela que iniciara coa aprobación do procedemento en Xunta de Goberno o 29 de xullo. O 4 de novembro, a un día de concluír o prazo de tres meses do que dispoñía para facelo, a Xunta de Galicia comunica á Deputación de Lugo, a través dun escrito, “a intención de exercer o dereito de tanteo en beneficio do Concello de Cospeito en relación a adquisicion do ben coñecido como a Torre de Caldaloa comunicada pola Deputación de Lugo”.

Desde aquela, a Xunta de Galicia non respondeu nin pola vía administrativa nin política a ningún dos procedementos ou solicitudes realizadas desde a área de Cultura, persistindo nun bloqueo que impediu a inscrición da parcela no rexistro da propiedade e calquera outro avance na protección da Torre.

Ao longo do ano 2023, a área de Cultura solicitou á Xunta de Galicia en dúas ocasións permisos de Patrimonio para actuacións de conservación, estudo e consolidación da Torre de Caldaloba, que non recibiron resposta. A primeira, o  23 de febreiro de 2023 para realizar traballos de estabilización e consolidación. A segunda, o 5 de decembro do 2023 para desenvolver sondaxes arqueolóxicas valorativas na parcela e instalar elementos de protección no pozo situado a carón da fortaleza.

A maiores, a área de Cultura concurriu á convocatoria de axudas  do programa do 2% cultural do goberno do Estado cunha proposta de investimento de 868.000 euros en actuacións de investigación, conservación e consolidación da Torre de Caldaloba, que foi desestimada en decembro de 2024 por ese bloqueo.

Palestra AS DE MENS. A ORALIDADE INVISÍBEL TORNANDO VISÍBEL, impartida por Beatriz Busto Miramontes, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, e dentro dos actos programados no mes das LETRAS GALEGAS’25, dedicadas este ano á POESÍA POPULAR ORAL, organiza a PALESTRA AS DE MENS. A ORALIDADE INVISÍBEL TORNANDO VISÍBEL, impartida por BEATRIZ BUSTO MIRAMONTES, Mestra Especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo (2003), Licenciada en Historia e Ciencias da Música (2006) e en Antropoloxía Social e Cultural (2008) pola Universidade Autónoma de Madrid, E Doutora en Antropoloxía Social e Cultural da USC e escritora. 

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o venres 9 de maio de 2025, ás 20:00 horas, e contará tamén coa actuación do grupo LAMBE LAMBE.

Presentación a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

A entrada será de balde ata completar aforo.

NOTA-INFORMATIVA-palestra-BEATRIZ-BUSTO-MIRAMONTES

Volve o Autobom, o encontro primaveral de autoedición da Coruña

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, organiza outro ano máis o Autobom, unha reunión por e para a xente que goza coa autoedición e a xestión da súa obra

O encontro estenderase dous días, desde a tarde do venres 9 á noite do sábado 10 de maio, e transcorrerá en varias localizacións: o venres na imprenta de produto Borrón e na Tobeira de Oza, e o sábado na Revolteira, pechando a xornada cunha festa no popular pub El Siglo

Este ano a responsable da imaxe do Autobom é Gemma Pérez, directora de arte de muller6ollos, quen recibiu un accésit no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego pola súa publicación “Mi nick era #humeda”


Autobom celebrarase neste 2025 os días 9 e 10 de maio. Terá lugar na Coruña a undécima edición deste encontro de autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en distintas localizacións. A deseñadora e debuxante Gemma Pérez é a autora do cartel deste Autobom.

Destacamos entre os fitos desta nova edición de Autobom: 

  • O venres 9, a partir das 17:30, comezaremos coa visita á imprenta Borrón, no popular barrio dos Mallos; e á tardiña, ás 20:00, teremos un faladoiro na Tobeira de Oza sobre fanzine cuir no que participarán Gemma Pérez, María Álvarez “Yupiyeyo”, Greta Debelius e Paz Rodríguez.

  • O sábado 10, as actividades desenvolveranse na Revolteira, na rúa Falperra 13. Unha das principais propostas será o posto de fanzines, que estará activo toda a xornada de 11:00 a 20:30, con máis de 40 proxectos e un cento de publicacións.

  • Ás 11:15 haberá un faladoiro sobre “fanzines na imprenta” ao cargo de Tono Galán e Laura Sánchez, de Manchea; continuaremos con dúas charlas sobre o Premio Autobán 2025 e a nova edición do Fun Fun Fun (evento de autoedición de Compostela); e ás 13:00 teremos o faladoiro “Autoxestión emocional”, unha conversa sobre saúde mental e creatividade con Julia Abalde, Sabela Alonso e Laprislazuli, moderada por Uxía Larrosa.

  • Tras a quenda da mañá, haberá un xantar popular cunha actividade para participantes no Autobom e socias do Autobán: o “Tupperrotu en manteis”, unha sesión de proba de material de Posca/Uni-ball cedidos pola nosa tenda amiga Jaspe Art. Ás 16:30 trasladarémonos á cancha da Falaperra para unha nova edición do “Brilé Brutal”, un torneo nada brutal de balón prisioneiro aberto á participación.

  • Ás 17:30, de novo na Revolteira, terán lugar os obradoiros do Autobom. Primeiro será o AutoLab, unha actividade de debuxo de BD experimental conducida por Óscar Iglesias. Ás 18:30 teremos o obradoiro teórico-práctico de “Serigrafía e autoedición”, no que Aarón Moucho debullará as súas experiencias montando un taller propio de serigrafía.

  • Remataremos o Autobom ás 23:30, cunha festa de peche no pub El Siglo. É unha actividade aberta a quen queira achegarse.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. En 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades nos que os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o encontro Autobán, coincidindo co festival internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoras de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a Asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, así mesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afíns do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal