Antía Muíño regresa cun novo single que marca o inicio dunha nova etapa creativa. Case como deixando espazo e autorización a un ente superior que a interpela de fronte, a artista compostelá elévase en A Beleza, primeiro adianto do seu segundo álbum, tras o celebrado Carta Aberta, co que debutou a finais de 2022 e se consolidou como unha das revelacións do folk-pop e da canción alternativa de autor ibérica.
Despois de case tres anos, varios singles e un recente split xunto ao pianista Abe Rábade, Muíño presenta unha canción que axuda a iluminar o imaxinario sonoro do seu novo disco. A canción continúa a ser o centro, pero nesta nova etapa aliméntase de elementos que veñen do folclore galego, do jazz e da canción melódica, nunha mestura que reafirma a súa mirada artística libre e sen complexos.
A Beleza é case unha exhalación, onde influencias como Sílvia Pérez Cruz ouRita Payés dialogan con outras como Ana Belén ou Jorge Drexler, construíndo un arco polifónico que reflicte a visión iberoamericanista e fóra de cánones que caracteriza a obra de Antía Muíño.
A canción móvese con levidade, cunha instrumentación acústica que marca a pauta dese son a madeira pero á vez modernista que define as súas producións. Neste caso, conta coa colaboración do prestixioso produtor galego Hevi, recoñecido polo seu traballo con artistas como Novedades Carminha, Ortiga, ou Caamaño & Ameixeiras, entre moitos outros.
A Beleza xa está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais e abre a porta a un disco que promete consolidar a Antía Muíño como unha das voces máis singulares e emocionantes da escena musical galega e ibérica.
Co Premio á Excelencia na Experiencia do Público, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible
Nesta categoría, a audiencia conforma o xurado que decidirá o proxecto que merece este recoñecemento na primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia
O público poder votar a súa candidatura desde hoxe e ata o día 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico; só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura
Deste xeito, a Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia
Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, abren hoxe a votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible. Nesta categoría, a audiencia é a que conforma o xurado que decidirá o proxecto que merece este recoñecemento. O público poderá votar a súa candidatura ata o día 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico. Só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura.
Ademais deste Premio á Excelencia na Experiencia do Público, que será elixido por votación popular, os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, anunciaron hai dúas semanas as iniciativas e persoas nomeadas no resto de categorías. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. En paralelo, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia.
As iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías xerais son:
Mellor deseño de iluminación:
o Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.
o José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.
Mellor implementación de son:
o Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.
o Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.
o Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.
Mellor empresa provedora de servizos:
o Escena Sonora.
o Luxevan.
o Vacaline.
Mellor profesional de produción:
o Paco Iglesias.
o Victoria Blanco.
o Xabi Carnota.
Mellor manager:
o Aitana Cuétara.
o Kin Martínez.
o Manuel Tarrío.
Mellor produción discográfica:
o Iago Pico, por Pouland Studios.
o Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.
o Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.
Mellor posta en escena:
o Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA, de Mondra.
o Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Tanxugueiras, Diana Ballesteros “Dii Feeling” e Manuel Escurís por DILUVIO, de Tanxugueiras.
Mellor promotor/a-programador/a:
o David Pedrouzo, de Todo Medre.
o Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.
o Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.
Mellor proxecto de comunicación:
o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña, por Aquí tamén se fala.
o The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.
o Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.
Mellor identidade visual:
o Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.
o Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.
o Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
Mellor videoclip:
o Lorenzo Negueruela, Yago Rodríguez, Mara Iglesias, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.
o Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
o Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.
Mellor evento cultural / musical:
o Noites do Porto.
o Surfing the Lérez.
o WOS Festival x SON Estrella Galicia.
Mellor espazo musical:
o Sala Capitol.
o Náutico de San Vicente.
o Café Torgal.
Mellor proxecto de sustentabilidade:
o Festival Agrocuir da Ulloa.
o Festival de la Luz.
o Festival Sinsal SON Estrella Galicia.
SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.
En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.
Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, hai un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións poden realizarse ata o día 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico.
A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
A ARTISTA GALEGA ANUNCIA O SEU PRIMEIRO CONCERTO DE 2026 DENTRO DO FESTIVAL EMIGRASON, QUE TERÁ LUGAR O 27 E 28 DE FEBREIRO EN BRUXELAS
Sabela pon data ao comezo da xiraBrillante Tour coa confirmación da súa participación no festival EmigraSon de Bélxica. A primeira data de 2026, despois do éxito do seu paso por BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Xurés Son, é o festival de músicas galegas de Bruxelas, que vén de anunciar o seu nome xunto co de The Rapants como primeiros confirmados da edición que terá lugar o 27 e 28 de febreiro de 2026. Sabela redondea así, co seu primeiro concerto no estranxeiro, un mes de outubro no que vén de publicar o seu novo EP, Bríllanche os olliños, así como a colaboración coa súa compañeira de edición en Operación Triunfo 2018, María Escarmiento, titulada Non cho podo dar.
O lanzamento do seu novo traballo está a ser unha nova revolución na carreira de Sabela. Con preto de medio millón de escoitas acumuladas nos seis temas que compoñen Bríllanche os olliños, así como xa máis de cincuenta mil visualizacións en tan só cinco días dende o lanzamento do videoclip de Non cho podo dar, a cantante encara os seguintes pasos do seu proxecto coa vista posta no comezo da súa nova xira no 2026. Bélxica será o punto de partida, ao que se irán sumando novas cidades e datas nos próximos meses.
Co inicio de xira haberá un directo remodelado no que terán peso os novos temas de Bríllanche os olliños, a súa particular aposta por poñer en valor o mundo e a vida rural, dende o máis cotiá ao popular. As lendas, os oficios, figuras como Maruja Mallo, os animais ou mesmo o desexo son temas nos que a artista afonda neste último traballo discográfico, e que trasladará a un directo no que o pop electrónico buscará novos rexistros cos que sorprender ao público. Temas que transitan este xénero dende vertentes máis eufóricas ata outras máis ambient, pasando por tons máis eclécticos ou intimistas e que algún será interpretados por primeira vez. Nos seus destacados concertos en festivais como BIGSOUND Pontevedra ou SonRías Baixas, o público xa puido disfrutar de temas como Hi, my love, Eu espero aquí ou Camponarai, aos que agora se lles unen Cerca de ti, A quen ignora e o recente Non cho podo dar, para dar forma a unha nova proposta sobre os escenarios da de Ourol.
Este novo EP de Sabela conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra,SonRías Baixas,Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, Sabela presenta o seu novo EP, Bríllanche os olliños, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti, A quen ignora e Non cho podo dar, en colaboración con María Escarmiento, son os temas que o compoñen.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Bríllanche os olliños, último traballo discográfico de Sabela, vén de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.
Este mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina
Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade
Xa o xoves 30, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo, a cargo da Aula de Teatro de Carballo, tamén con entrada de balde
O Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics
O sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura
Esta semana, o FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, bota o pano da súa 34ª edición. Así, mañá mércores, 29 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, a coreógrafa e bailarina Paula Quintas presentará o “work in progress” Desde o corsé a danza vertical: do rigor clásico á liberdade aérea contemporánea, con acceso libre ata completar a capacidade.
Paula Quintas é un bailarina, creadora, coreógrafa e directora artística galega de referencia e cunha linguaxe persoal que explora a danza contemporánea, a verticalidade e a relación do corpo co espazo, sempre na procura de novos modos de comunicar e de compartir co público. No #FIOT33 estreamos o seu espectáculo Multiperspectivas#3. Agora, a creadora regresa ao OTNI cunha unha conferencia en movemento que propón un percorrido vivo e poético pola historia da danza e do circo, entre a disciplina do corpo e a súa liberdade aérea.
Xa o xoves, 30 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, tamén con entrada de balde, terá lugar a lectura dramatizada de Mal Ollo. Comedia de ambente mariñeiro. Con motivo do 120 aniversario do nacemento do dramaturgo carballés Cándido Alfonso González Tiradas (Carballo, 1905 – Bos Aires, 1966), a Aula de Teatro de Carballo presenta esta divertida peza que mestura o humor popular co mundo máxico galego.
O carballés foi un dramaturgo e activista cultural que desenvolveu en Arxentina un importante labor a prol da emigración galega. A obra, premiada no Certame Castelao e publicada en Bos Aires en 1954, está considerada un folk-drama no que conviven música, tradición e simbolismo. Os diálogos vivos, o ambiente mariñeiro e a presenza do mítico fan desta peza unha mostra singular do noso teatro. Con esta lectura dramatizada, a Aula de Teatro recupera para o público unha obra esencial da memoria cultural galega.
Pola súa banda, o Programa de Sala do FIOT chegará ao seu fin coa representación de Vulcano, de Andrea Jiménez, dramaturga e directora que foi gañadora do Premio do Público en 2024 co seu celebrado Casting Lear, e que agora regresa ao FIOT coa súa última creación, en coprodución co Centro Dramático Nacional e Projectes Artístics. Vulcano é a historia dunha familia que tenta salvarse dun trauma pasado: o incendio do seu edificio, un suceso con consecuencias tráxicas, que deixa pegadas profundas nos que sobreviviron. A chegada dunha reporteira e o intento de reconstruír o que sucedeu alteran o concepto da verdade e poñen en dúbida a versión orixinal dos feitos.
Cun moito humor e cun formato de thriller e investigación criminal ponse de manifesto como manipulamos a memoria á hora de construír os nosos relatos e de como os precisamos para comprender ou curar, para dar sentido ao que somos. Unhas excelentes interpretacións e unha imaxinativa posta en escena con gran protagonismo da cámara en directo fan da obra un xogo escénico que investiga os cruces entre realidade e ficción e que mestura drama social, tensión e misterio con comedia.
Vulcano é o resultado do encontro entre as miradas de dúas puxantes figuras da escena contemporánea española, a dramaturga Victoria Szpunberg –Premio Nacional de Literatura Dramática 2025– e a directora Andrea Jiménez, que, na procura dun teatro vivo, realizaron un proxecto de creación colectiva que contou coa coprodución do Centro Dramático Nacional.
Finalmente, o sábado 1 de novembro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despedirase das táboas cunha festa a ritmo de cabaré para os voluntarios e os socios de Telón e Aparte, da man de Le BarLuthier. Un piano bar literal e itinerante, a partir das 20.00 horas, no Pazo da Cultura, con convite.
SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO
Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegou a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.
Así, o FIOT de Carballo encheu ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.
Nesta 34ª edición, o FIOT volveu converterse no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación.
No FIOT houbo Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltaron producións con selo galego que forman parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas estiveron orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, houbo espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes e, en definitiva, o descubrimento.
“Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Tratóuse dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo.
Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
Este pasado domingo, durante a celebración do V Magosto Cal Da Loba, comunicouse a resolución da quinta edición do Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, convocado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Caldaloba.es e Culturalia GZ. O xurado de dito certame, integrado por Lola Domínguez, Xesa Roca e Noa Pena, despois de valorar case medio cento de obras presentadas, tomou a seguinte decisión:
Primeiro premio á obra Constanza no espello, cuxa autoría corresponde a Nanda Misa, de Nigrán.
Segundo premio para o caligrama 11 pulsos contra o esquecemento, da coruñesa Alba Rodríguez.
A entrega de galardóns celebrarase na Biblioteca Rural San Martiño de Pino no mes de febreiro de 2026, coincidindo cos actos arredor do Día de Rosalía.