O director do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, salienta o apoio do público e o seu respecto absoluto á interpretación das e dos artistas que actuaron este verán no certame musical

O festival acolleu do 3 ao 6 de agosto nove concertos de balde, nos cales houbo tres estreas absolutas e nos que destacou a alta presenza de mulleres arpistas protagonistas, como foi o caso de Laoise Kelly, Beatriz Cortesão, Musgö, Elisabeth Cerra, Claudia Besné, Begoña Riobó ou Beatriz Martínez

Hibrys, a obra gañadora do I Premio Portus Apostoli, promovido polo festival e polo Concello de Noia, terá percorrido internacional: estrearase en xuño de 2024 en Arxentina

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia pecha a súa décima edición cunha valoración moi positiva. O director do evento, Rodrigo Romaní, destaca o éxito da celebración nun ano moi especial, cando se cumpren dez anos desde o inicio do festival, así como “os grandes momentos que sempre lembraremos deste verán”. 

“Houbo moitos momentos máxicos nesta edición. Entre eles, esas noites da Praza do Tapal, cun público cun entusiasmo que rebordaba o espazo, e que cun silencio absoluto escoitou a estrea de Hibrys, coa Real Filharmonía de Galicia, ou que gozou da primeira escoita das novas suites interpretadas por SondeSeu”, apunta Romaní. O director tamén destaca a vertente social e educativa do evento, que se fixo efectiva especificamente coa celebración da segunda edición do encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia na inauguración do festival. “Foi unha magnífica xornada de convivencia en Noia, con actividades de lecer e tamén ensaios conxuntos. Este encontro exemplifica a razón de ser deste festival, que non é outro que a celebración da música arredor da arpa”, asevera Romaní, quen engade: “Foron momentos moi felices, que nos animan a seguir traballando nas vindeiras ocasións e que sen dúbida, quedarán para sempre no noso maxín”. 

O Noia Harp Fest celebrouse do 3 ao 6 de agosto en Noia. Nove concertos de balde, con tres estreas absolutas –Hibrys, de Alejandro Civilotti, gañadora da primeira edición do Premio Portus Apostoli promovido polo propio festival e o Concello de Noia; e as suites Micelio Escumas Atlánticas, escritas por Anxo Pintos e Rodrigo Romaní, respectivamente-, centraron un programa no que as mulleres arpistas foron protagonistas. Laoise Kelly, Beatriz Cortesão, Musgö, Elisabeth Cerra e Claudia Besné foron cabezas de cartel dun programa que tamén contou coa presenza de Begoña Riobó, Mary Macmaster e Beatriz Martínez, bandas como The Pozzies, dúos como o de Gilles Chabenat & Daniela Heiderich; ou mesmo orquestras como a Real Filharmonía de Galicia e SonDeSeu. 

“Celebramos os dez anos con moita ilusión e xa estamos pensando na seguinte edición, da que xa está convocado o II Premio Portus Apostoli de Composición, nesta ocasión para o fomento da creación e promoción de obra para arpa e banda”, expón Romaní, quen lembra que a obra gañadora será interpretada o ano que vén pola banda municipal de música de Santiago coa colaboración da banda de Noia. Ao fío, Rodrigo Romaní sinala que a peza gañadora da primeira edición, Hibrys, terá percorrido internacional. “A obra estrearase o 1 de xuño de 2024 na localidade arxentina de Paraná, da man da Orquestra Sinfónica Entre Ríos, baixo a dirección do español José Miguel Rodilla e con Florecia Arizpe como solista. Este feito confirma o obxectivo fundamental do certame, que non é outro que ampliar o repertorio de obra para arpa e orquestra”, confirma o director.  

A décima edición do Noia Harp Fest, festival organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, contou co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboraron nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas (AEDA). O web no que se pode ver o programa e toda a información desta edición, ademais das bases da segunda edición do Premio Internacional Portus Apostoli de Composición é www.noiaharpfest.gal

20230810-NP-Noia-Harp-Fest-BALANCE