Conferencia sobre o patrimonio do Monte Farelo na igrexa de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 29 de xullo, organizada pola Comisión Monte Farelo do Instituto de Estudos Ulloáns, impartirase na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla a conferencia Monte Farelo: patrimonio natural e cultural.

Coordinan o acto os historiadores Xulio Cuba e Sinda Vilameá, veciños de A Somoza (Monte Farelo, Antas de Ulla), e imparten a conferencia o antropólogo Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego, e o xeólogo Felipe Fernández Martínez. 

Con esta conferencia inícianse as actividades da Comisión Monte Farelo, coa finalidade da posta en valor e a protección do rico patrimonio, tanto natural como cultural, do Farelo.

Fillas de Cassandra publica ‘Tataravoa’, un sinxelo que rende tributo ás antepasadas

O tema, o primeiro que o dúo lanza após a publicación do seu álbum Acrópole, está producido por MaríaSOA e os djs Galician Army 

A relación entre o presente e o pasado atópase tanto a nivel textual coma no corpus formal da canción, na que se mestura música tradicional, electrónica e pop contemporáneo

Fillas de Cassandra, un dos proxectos musicais máis prometedores do panorama galego emerxente, vén de publicar nas principais plataformas dixitais o seu novo sinxeloTataravoa. No tema, producido por MaríaSOA e os djs Galician Army (Sergio Vallejo e Alberto Prado), as creadoras renden tributo ás devanceiras e ás formas que elas atoparon á hora de poder rebelarse contra o establecido. A peza, cun retrouso pegadizo no que entoan a “tatara tatara tatara tatara avoa” a ritmo de muiñeira, xa se pode escoitar nos directos que Fillas de Cassandra está a ofrecer este verán no marco da xira de presentación do seu primeiro álbum, Acrópole

Tataravoa, composta e escrita por Fillas de Cassandra, nace da intención poñer en valor o papel e a importancia das avoas e das antepasadas nas nosas vidas, “desas pequenas loitas e conquistas que acadaron, que quedaron e que chegaron a día de hoxe”, segundo afirman as artistas. Precisamente, as voces das avoas de María Pérez e Sara Faro pechan un tema no que a relación entre pasado e presente é explícita. Atópase tanto a nivel textual, cando cantan “se nos visen no palco / coa forza dun vendavale / non sei ben se chorarían / ou ben subirían con nós a cantare”, así coma no corpus formal da canción, que aúna elementos chave da música tradicional co piano, a música electrónica ou o pop contemporáneo. 

Tataravoa é o primeiro tema que Fillas de Cassandra lanza, precisamente, logo da publicación de Acrópole o pasado mes de febreiro. A estrea en directo do mesmo, con voz e pandeireta, foi no marco do ciclo coruñés Vangal, no ateigado patio da Fundación Luis Seoane. Nese  momento, o dúo Galician Army -que publicou recentemente o seu primeiro álbum, Nós- interésase nunha colaboración para a produción do mesmo e, dous meses despois, ambas formacións interpretan ao vivo o sinxelo durante unha actuación no Arde Lucus. A pasada semana a súa actuación conxunta tamén foi moi celebrada no Atlantic Pride coruñés.

SOBRE FILLAS DE CASSANDRA

María Pérez (MaríaSOA) e Sara Faro son Fillas de Cassandra, creadoras e protagonistas dunha proposta rotunda, marcada por unha potente sonoridade capaz de chegar e conectar con todos os públicos, como así demostraron xa nos seus directos ao longo de 2022. O dúo toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.

O pasado mes de febreiro publicaron nas principais plataformas dixitais Acrópole, un álbum conceptual no que Fillas de Cassanda viaxa polos textos clásicos para poñer en relación ás personaxes da mitoloxía grega co mundo actual, ao que devolven unha ollada feminista e contemporánea a través da música. O traballo, producido por Berto e publicado da man de Tremendo Audiovisual, fía a súa narración a través de oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou mesmo Lisístrata.

20230712-NP-Tataravoa-novo-sinxelo-de-Fillas-de-Cassandra

Budiño publica o seu novo álbum BRANCA VELA

O oitavo disco do compositor galego busca “descolocar de novo” ao seu público, dando importancia á mistura entre a percusión tradicional e a electrónica.

O novo traballo conta coas voces de Gaudi Galego, Leilía e De Vacas, así como con letras de Manuel Rivas e Antía Otero.


O músico e compositor Budiño publica Branca Vela, o seu oitavo álbum. Tras Fulgor (2018), onde destacou a súa faceta como cantante, busca “descolocar de novo” ao seu público cunha mistura entre a percusión tradicional e unha electrónica “orgánica”, todo isto combinado con algunhas das grandes voces do circuíto galego como son Guadi Galego, Leilía ou De Vacas. Tamén resalta neste traballo as propias letras das cancións, onde o moañés conta coa colaboración de dúas grandes figuras da literatura galega como son Manuel Rivas e Antía Otero.

Despois de dotar de protagonismo á súa voz no seu anterior traballo, o músico decide agora apostar por dar valor á parte percutida. Os múltiples elementos tradicionais de percusión conectan cos seus xa característicos sons electrónicos ó longo do disco, aínda que non deixa de lado unhas voces que sorprenderon en Fulgor. “Busco acadar, despois de moitos anos, que a xente nova esté bailando nos concertos. Quería facer un repertorio que incitara a bailar, pero que fora diferente, de composición propia e con letras interesantes” indica Budiño.

A pesar de que outros aspectos adquiran máis importancia neste traballo, a voz segue sendo fundamental para Budiño. O seu canto está presente en todos os temas exceptuando Move, última canción do álbum. Seguindo a dinámica adquirida en Fulgor, o músico e compositor outorga á voz o status dun instrumento máis, feito co que logra desmarcarse das ideas preconcebidas polo público sobre a súa figura.

A totalidade do disco está producido por el mesmo dende o seu home studio, nun traballo que destaca pola investigación previa a moitos grandes produtores. Os elementos que integran o álbum están integramente producidos por Budiño, dende a gravación de percusión, o tratamento das voces ou incluso a masterización dos temas. O creador de discos como Paralaia (1997) ou Zume de Terra (2004) resalta tamén que busca trascender cun son recoñecible, polo que leva décadas recopilando e tratando sons para crear o seu propio arquivo.


Budiño
Con 27 anos de carreira musical nas súas costas, Xosé Manuel Budiño é un dos grandes expoñentes da música galega. A súa traxectoria queda marcada polo seu paso pola Universidade Popular de Vigo, onde albisca a realidade de poder vivir de maneira profesional da música. É nese momento cando comeza a compoñer as súas propias cancións, sempre acompañado do seu instrumento principal, sobre o que xira a maior parte da súa carreira: a gaita.

A súa constante innovación, misturando os sons da música tradicional galega máis popular coa electrónica máis vangardista, levou ao músico e compositor a tocar en máis de 25 países, destacando a súa actuación diante de 50.000 persoas na Plaza del Zócalo en México, o teloneo a Van Morrison en Escocia ou a súa actuación no Teatro da Ópera de Damasco, agora derruido a causa da guerra en Siria.

Nota-de-Prensa-_Branca-Vela_