O espectáculo familiar INVENTIO elixe o Teatro Colón da Coruña para pechar a súa xira
O espectáculo familiar ‘Inventio’ elixe o Teatro Colón da Coruña para pechar a súa xira
• O CEIP Curros Enríquez de Monte Alto acolleu unha presentación de Inventio na que participou parte do elenco artístico así como autoridades e entidades colaboradoras
• Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos sobre o imaxinario Xacobeo
• Os billetes para as funcións de clausura xa están á venda na plataforma web ataquilla.com
Malia estar inmersos nunha intenso fin de xira, o elenco artístico de Inventio reservou tempo para presentar esta mañá aos medios de comunicación un petisco do espectáculo no CEIP Curros Enríquez de Monte Alto. No acto tamén participaron Gonzalo Trenor López, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña; Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events; e mais Susan Santos, responsable territorial en Galicia da Fundación “la Caixa”.
Na súa intervención Varela salientou que Inventio é un espectáculo familiar “cunha historia atractiva de gran profundidade e calado cultural, cun halo de fantasía e maxia, espectacular e apetecible, na que prima a calidade”. E sinalou que faille moita ilusión poñer o peche á xira na Coruña, onde van chegar “con moitas ganas de espallar na cidade boas doses de circo, fantasía e danza”. Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Teatro Colón entre o venres 13 e o sábado 14 de xaneiro do 2023. Os billetes están á venda na web entradas.ataquilla.com e oscilan entre os 13 e os 25 euros máis gastos de xestión. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove, as familias numerosas, os desempregados e os maiores de 65 anos.
Concibido para todos os públicos, Inventio reborda humor, misterio e fantasía mais tamén é quen de mesturar con solvencia a comedia e o drama. Trátase dun convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
Antes de recalar na Coruña a mediados de xaneiro, a xira de Inventio ten previsto pasar aínda por Bilbao (29-30 decembro) e mais Vigo (3-4 xaneiro 2023). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.