Todo listo para que a maxia de Inventio tome Ourense

Esta proposta escénica galega de gran formato inaugurará a tempada de Nadal cun total de tres funcións no Auditorio Municipal os días 2 e 3 de decembro

Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal

Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com

Xa está todo a punto para o desembarco do espectáculo Inventio no Auditorio Municipal de Ourense os días 2 e 3 de decembro. A maxia, o circo e a danza están garantidos con esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar e inspirada no universo xacobeo. Os billetes para as tres funcións previstas en Ourense oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Ourense, a xira de Inventio proseguirá por Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221201-Inventio-OURENSE1118