Presentación das obras gañadoras do IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA no Museo das Aves de Cospeito

O vindeiro sábado, 17 de decembro, ás 17 h. no Museo das Aves de Cospeito celebrarase a presentación das obras gañadoras no IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, Contra-Tempos, de Andrea Fernández Maneiro, e Río Carne, de Rafael Lobelle González, editadas baixo o selo de Tris-Tram.

Este certame literario, que vai pola súa quinta edición, está convocado conxuntamente entre o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ.

O circo, a maxia e a danza do espectáculo familiar INVENTIO chegarán a Vigo este Nadal

O circo, a maxia e a danza do espectáculo familiar ‘Inventio’ chegarán a Vigo este Nadal

  • O Auditorio Mar de Vigo acolleu unha presentación de Inventio na que participou parte do elenco artístico así como autoridades e entidades colaboradoras
  • Comedia, ilusionismo e artes circenses mestúranse nesta proposta para todos os públicos sobre o imaxinario Xacobeo
  • Os billetes para as funcións están á venda na webteuticket.com

Aproveitando o inminente comezo das festas de Nadal, o elenco artístico de Inventio presentou esta mañá aos medios de comunicación un petisco do seu espectáculo no Auditorio Mar de Vigo. No acto tamén participaron Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo; Patricia Romaní, directora de Instituciones de CaixaBank en Galicia Sur; e mais Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events. Ademais, a presentación contou coa presenza dun grupo de 50 alumnos de infantil e primaria do CEIP da Carrasqueira de Coruxo.

Na súa intervención Varela salientou que Inventio é un espectáculo familiar “cunha historia atractiva de gran profundidade e calado cultural, espectacular e apetecible, na que prima a calidade”. E sinalou que chegan a Vigo co desexo de “poñer un peche máxico ao Nadal e con moitas ganas de espallar na cidade olívica boas doses de circo, fantasía e danza”. Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro. Os billetes están á venda na web www.teuticket.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Concibido para todos os públicos, Inventio reborda humor, misterio e fantasía mais tamén é quen de mesturar con solvencia a comedia e o drama. Trátase dun convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Desde a súa estrea en Ferrol, o espectáculo está a desenvolver unha intensa xira que xa recalou en Santiago, Salamanca, Lugo, Pontevedra e Ourense e que vai chegar nas vindeiras semanas a Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221213-NP-Presentacion-Inventio-VIGO