Voadora estreará ‘Hoax Hamlet’, o seu novo espectáculo, no festival Escenas do Cambio

A compañía de teatro de vangarda Voadora estreará o vindeiro 5 de maio, en Santiago de Compostela, a súa nova creación, Hoax Hamlet. A peza, dirixida por Hugo Torres  -intérprete, músico e director artístico da troupe-, e coa que compañía celebra 15 anos sobre os escenarios, terá a súa estrea estatal no marco da nova edición do festival Escenas do Cambio, cuxa programación foi presentada esta semana.

Hoax Hamlet é unha fábula, un monstro, unha historia de amor, un fillo. É teatro, pero tamén é outra cousa”, avanza Hugo Torres, quen tamén asina, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. “Esta peza é unha homenaxe ao noso equipo técnico, ás persoas que traballan habitualmente con nós e que, en xeral, nunca vemos sobre un escenario”, sinala. 

Así, sobre o texto de Fernando Epelde e a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixe unha peza coral na que participarán, tanto en escena como coa interpretación de música en directo, Montse Triola (distribución), Pablo Chaves Maza (axudante de escenografía), David Rodríguez (son), Iván Núñez Casal (iluminación) e Vicente Conde (administración), entre outros nomes, e que conforman o equipo técnico da compañía. O espectáculo tamén conta coa música orixinal de Hugo Torres acompañado por novas creadoras, como son Mariña Paz Otero e Tom Archi, e a iluminación de Iván Núñez Casal. 

A estrea de Hoax Hamlet será o xoves 5 de maio, ás 20.00 horas, na Cidade da Cultura, espazo no que a propia compañía realizou unha residencia creativa nos meses de novembro e abril. As entradas xa están dispoñibles no web https://escenasdocambio.org/es/venta-de-entradas/.

XIRA DE OTHELLO

Por outra banda, o espectáculo de Voadora Othello, dirixido por Marta Pazos, segue coa súa xira internacional e galega esta primavera. A creación poderase ver, nas vindeiras semanas, no alemán 39º Heidelberg Stückemart (8 de maio), no Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), no Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e, finalmente, no Teatro Principal de Ourense (9 de xuño). Othello é unha visión transgresora da obra de Shakespeare, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena. O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas e atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido

SOBRE A COMPAÑÍA

Unha mirada irreverente e unha coidada posta en escena caracterizan o traballo de Voadora. Baixo a dirección de Marta Pazos, a compañía galega aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas cuxa hibridación resólvese, en cada peza, nun acto de profundo e sinceiro amor pola arte. A visión ética do traballo teatral, o coidado exquisito de cada elemento e unha fonda reflexión sobre a realidade desde as periferias caracterizan a Voadora, capaz de transformar a contorna do público para presentar montaxes únicas nas que a compañía, unha potente máquina de xerar experiencias e preguntas sen resposta, deixa sempre o seu sinal.

Nota informativa do espectáculo.

Alex Pernas publica o seu segundo libro, A PAGA

Despois da publicación da súa primeira novela, Xarfas, o autor edita este conxunto de relatos.

«Que pasaría se tódalas persoas tivésemos a subsistencia garantida? Como mudarían as nosas vidas? Despois da publicación da novela Xarfas no ano 2018, Alex Pernas (A Coruña, 1986) escribe no xornal dixital adiante.gal esta serie de relatos construídos arredor dun mundo onde chegou a establecerse a renda básica universal e incondicional.

Este libro recolle aqueles textos, ademais doutros dous inéditos, onde se amosa o antes e o despois, ensinando as consecuencias que tería unha renda básica nas nosas vidas, sendo unha pequena estra ao mundo do mañá.

Sen ningún tipo de etiquetas nin restricións, navegando dende a crítica social ata o misterio, e con personaxes de tódalas índoles e condicións, esta viaxe literaria non deixará indiferente a ninguén.»

Tendo como fondo a renda básica universal e amosando, ás veces en primeiro plano e outras en segundo, o que se conseguiría, ou evitaría, con ela, cada un dos 23 relatos que compoñen este libro actúan de forma independente, se ben se poden apreciar trazos comúns coma personaxes e lugares.

Continuando coa liña de literatura social iniciada en Xarfas, os relatos tratan diversos temas actuais, dende o racismo e o feminismo, ata os problemas aos que se enfronta o colectivo LGBTI, os desauzamentos, ou o especismo.

A nivel literario, o autor pretendeu experimentar o máximo posible. Os relatos nárranse de diversas formas, tanto en primeiras e terceiras persoas, coma seguindo os formatos de entrevista ou diálogo entre personaxes. Aínda que sempre con ese fondo social, tamén se experimentou coa temática, podendo atopar relatos de misterio, realismo, ou incluso achegas ao mundo da fantasía.

Estando autoeditado, o libro pódese comprar en papel en formato de tapa branda e Kindle, ademais de estar dispoñible de forma gratuíta nos formatos PDF, EPUB, MOBI e KPF. Os idiomas nos que se pode atopar son galego (orixinal) e castelán (tradución).

– Compra en papel e Kindle (galego):
https://amzn.to/3jBe2aG

– Descarga de balde en formatos dixitais (galego):
https://bit.ly/APagaEbook

– Compra en papel e Kindle (castelán):
https://amzn.to/37QD3vZ

– Descarga de balde en formatos dixitais (castelán):
https://bit.ly/LaPagaEbook

Alex Pernas, nado na Coruña no ano 1986, desenvolve a súa carreira coma enxeñeiro de software tras cursar os estudos de Enxeñería Técnica en Informática de Sistemas e Grao en Enxeñaría Informática, con Mención en Enxeñaría do Software, na Universidade da Coruña.

No mundo literario, publicou no ano 2018 a novela de cción social Xarfas. Tamén é activo no ámbito musical, estando en varias formacións, sendo as principais delas TST (heavy metal), coa que publicou unha maqueta no ano 2008; Ad Intra (doom/death metal), coa que publicou o sinxeloWe Aren’t Ready to Take O (2011) e mailo LP Inside Us All (2013); Os Relámpagos de Nós (rock); e Oymyakon (groove/death metal), coa que se atopa na actualidade.

Tamén colaborou con diversas asociacións e xentes do ámbito do activismo, sendo unha das principais accións a súa labor coma parte da xunta directiva da Asociación Gatuchinhos, a cal actúa coma protectora dos gatos rueiros.

Velaquí a nota informativa da citada presentación