HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CREBADURA

Miguel Díaz, CREBADURA

A nudez. Toda a, noutrora, posible.

Tremente na entrega. Na dación.

Proba e erro. Aprendizaxe baldía.

A nudez. Case absoluta.

Desfacerse das armas.

Espirse. Da coiraza.

Corazón sen coiraza.

A realidade. Que nega.

A verdade. Silenciada.

Sentir na epiderme a xeada.

Sentir na medula a barbarie.

Trazar no caos

unha utopía

e aniquilarse.

Concerto de ZOELAS este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 12 de marzo, ás 20 horas, a formación orixinaria de Antas de Ulla, Zoelas, estará interpretando, na Casa-Museo Manuel María, pezas do seu traballo Evelaités, así como as súas últimas e recentes composicións.

Zoelas é un proxecto musical en que se mesturan as raíces do canto tradicional con melodías de variados estilos musicais e letras propias que conviven con coplas recollidas. Canto coral feminino con Bea García, Érica García, María Bouzas, Pilar Naveira e Patricia Coucheiro acompañadas de Michel Rivadulla (guitarra), Miguel Varela (percusión) e Bruno Villamor (requinta, zanfona e gaita).

Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) no enderezo electrónico

contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. 

Culturalia GZ presenta “Proxecto IRMÁS” para a conmemoración do 8 de Marzo

Para conmemorar a data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Culturalia GZ promove a presentación do Proxecto IRMÁS, onde 8 destacadas voces femininas contemporáneas galegas reivindican a outras 8 mulleres (irmás), que sobresaíron no primeiro terzo do século XX, aínda que, por causa do convencionalismo patriarcal imperante, viron obstaculizada a súa difusión como figuras salientables no eido de distintas disciplinas profesionais (artes, ciencia…) na Galiza.

En palabras de Beatriz Dourado, coordinadora deste proxecto, no que tamén participa: IRMÁS nace como unha xenealoxía feminina en clave 8/8 -tendo presente o 8 de marzo- que pretende reivindicar a figura de mulleres pioneiras na Galiza de 1916-1936, vencelladas ás Irmandades da Fala, a través da escrita e a ilustración de autoras galegas contemporáneas.

As voces participantes neste Proxecto IRMÁS e as personalidades ás que homenaxean aparecen na seguinte relación:

EILÚN DEL PAZO MOA – AMALIA ÁLVAREZ
BEATRIZ DOURADO – OLIMPIA VALENCIA
CECILIA FERNÁNDEZ SANTOMÉ – MARÍA LUZ MORALES
MÍRIAM FERRADÁNS – MARÍA MIRAMONTES
ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ . ELVIRA BAO
PATRICIA TORRADO QUEIRUGA – JACINTA LANDA
LUPE BAO – AMPARO LOPEZ JEAN
TAMARA ANDRÉS – TERUCA BOUZA

Esta presentación virtual, que se realiza a través da web Culturalia GZ e mais nas súas RRSS, supón o adianto dunha publicación en formato plaquette, que frutificará en datas vindeiras, co gallo de estender máis aló da simboloxía que supón cada 8 de Marzo de conmemoración do Día da Muller, e asemade reivindicar o recoñecemento que merecen e que lles foi usurpado a esas personalidades femininas relevantes e coetáneas da etapa das Irmandades da Fala.

En canto á edición en papel deste libro, vaise contar coa arte de Adolfina Mesa para a realización ex professo da imaxe da portada, co ánimo de que sexa representativa do contido global desta breve mais intensa obra.

Velaquí o vídeo que serve de presentación de Proxecto IRMÁS

Presentación do libro de Antón Meilán, “Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte”, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro xoves 10 de marzo de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de ANTÓN MEILÁN, Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, nun acto organizado polo IESCHA, coa colaboración da Vicepresidencia-Área de Cultura da Deputación de Lugo (entidade editora) e o Concello de Vilalba.
Intervirán no mesmo: Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, Chema Felpeto, membro da Xunta Directiva do Iescha, e o propio autor do libro, Antón Meilán.

Velaquí a nota informativa da actividade cultural.