Presentación da programación do Festival Atlántica 2021

A novena edición do Festival Atlántica fai de Galicia a sede do encontro de narración oral máis importante da Península Ibérica

• Atlántica celebra este verán, do 1 ao 11 de xullo, nove edicións ininterrompidas, reinventándose para demostrar que a cultura é segura

• Hai programadas 82 funcións repartidas en 27 concellos e nas que participarán 35 artistas nacionais e internacionais

• Toda a programación vaise desenvolver ao aire libre e boa parte dela en espazos de gran valor patrimonial

O Festival Atlántica vén de anunciar este martes, 15 de xuño, o programa da súa novena edición, que se vai celebrar entre os días 1 e 11 de xullo. A presentación tivo lugar nunha rolda de prensa na que participaron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Manuel González, alcalde de Outes; Manuel Campos, alcalde de Cuntis; Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal; María José Sampedro, primeira tenente de alcalde e concelleira delegada de Cultura, Infraestruturas e Urbanismo de Santiago de Compostela; Antonio Golpe, concelleiro delegado da Área de Cultura de Ferrol; Mayte Argibay, concelleira de Cultura de Teo; Begoña Blanco, concelleira de Cultura de Lalín; Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión; Paz Lago, concelleira de Cultura e Educación de Sanxenxo; Jesús Torres, director da Biblioteca Pública Ánxel Casal; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. Ademais, tamén acudironá rolda de prensa numerosos representantes de asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Felloza comezou a súa intervención salientando as cifras do festival, no que unhatrintena de artistas actuarán nas 82 funcións previstas, que se deslocalizarán en 40 sedes repartidas en 27 municipios das catro provincias galegas. O encontro, que celebra nove anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, desenvolverase por primeira vez no verán e ao aire libre, con boa parte dos espectáculos en espazos de gran valor patrimonial espallados por toda Galicia. Este grado de deslocalización vai achegar o encontro ata un público potencial de máis de 400 mil persoas grazas ao esforzo e ao traballo en rede dos concellos, fundacións e asociacións participantes.

Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, pero non faltarán voces nacionais procedentes de Zamora, Salamanca, Cataluña e, por suposto, Galicia. Algúns dos nomes que configuran o cartel deste ano son Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno ou José Luis Gutiérrez “Guti”. A nómina de contadores complétase cunha trintena de artistas galegos nos que figuran, entre outros, Quico Cadaval, Celso Sanmartín, Paula Carballeira, Cándido Pazó, Charo Pita, Avelino González, Raquel Queizás, etc.

Eles serán os artífices duns espectáculos pensados para todos os públicos, desde bebés ata adultos pasando pola mocidade. Volverán os itinerarios narrados pola cidade vella de Santiago e o binomio música e contos que tan boa acollida tivo noutras edicións pero fiel ao espírito innovador de Atlántica, apostarase por las actividades literarias e tamén polo cine.

Novos escenarios

As restricións impostas pola pandemia supuxeron unha oportunidade para reformular o festival. Atlántica, que adoita desenvolverse no mes de marzo, celebrarase este ano durante os once primeiros días de xullo en espazos ao aire libre. Por primeira vez, os contos do festival escoitaranse en lugares sobranceiros do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural. Van ser escenarios de Atlántica, por exemplo, o Castelo da Frouseira, en Foz; as Torres de Altamira, en Brión, intimamente vinculadas á antiga nobreza galega; ou o curro de Sabucedo, onde se celebra cada xullo a espectacular rapa das bestas, entre outros.

As funcións tamén van ter lugar en zonas naturais como carballeiras ou fragasautóctonas con xacementos arqueolóxicos, castros, petróglifos e tamén en barcas tradicionais da Ribeira Sacra ou da Guarda, que se converterán en miniescenarios nos que escoitar historias mentres se atravesa o río ou a ría. E tampouco faltarán os contos durante o solpor coas illas Cíes no horizonte. A consigna é sinxela: poñer roupa e calzado cómodo para ir á busca dos contos en paraxes espectaculares.

Contos no camiño

Outra das novidades desta edición son os espectáculos itinerantes programados ao longo do camiño de Santiago. Por unha banda, o catalán Pep Bruno realizará o camiño francés a pé e no seu transcurso brindará tres funcións programadas e outras tantas espontáneas. Por outra banda, o galego Avelino González fará o mesmo polo camiño portugués. Cando ambos os dous artistas cheguen a Santiago de Compostela, a Colexiata do Sar acollerá unha función conxunta titulada ‘Historias de andantes” que será o epílogo da súa peregrinación cuentera.

O programa completo de Atlántica 2021 e mais a información sobre os artistas pódeseconsultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal). Por mor das restricións sanitarias que poida haber, para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos cómpre consultar a web do festival.

Sobre o Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.gal.

Dossier FESTIVAL ATLÁNTICA 2021

O documental “Envino veritas: Galicia del terroir al natural” premiado no Most Festival

Un documental sobre o viño do Ribeiro e Valdeorras, premiado no Most Festival

• Envino veritas: Galicia del terroir al natural está dirixido polo antropólogo do IPNA-CSIC Pablo Alonso González

• O documental xira arredor da emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras

• A coruñesa Eva Parga Dans, tamén investigadora do IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental

A longametraxe Envino veritas: Galicia del terroir al natural, dirixida por Pablo Alonso González alzouse co Premio ao Mellor Documental de Most, o Festival Internacional de Cinema do Viño que se clausurou este domingo, 13 de xuño, no Penedés. O galardón concedeuse ex aequo coa obra francesa Lâme du vin. O documental galardoado forma parte dunha triloxía sobre o viño en terras galegas que remata con este episodio centrado na emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras.

Envino veritas estrutúrase a través de entrevistas con produtores e expertos que serven para afondar nos debates máis candentes sobre o viño e o uso de produtos químicos de síntese engadidos tanto no viñedo como na adega. A triloxía dirixida por Pablo Alonso complétase cos títulos Albariño Rías Baixas: de la tradición al mundo e mais El despertar del vino en Galicia: la vuelta al terroir.

O seu artífice, Pablo Alonso González, é científico titular do Instituto de Produtos Naturais eAgrobioloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (IPNA-CSIC), con sede en Tenerife. Pablo Alonso ten un doutoramento e un mestrado en Estudos de Patrimonio pola Universidade de Cambridge (Reino Unido) e tamén é doutor en Historia pola Universidade de León. Publicou múltiples libros sobre antropoloxía do patrimonio cultural, arqueoloxía e teoría social e máis de 60 artigos internacionais sobre as devanditas temáticas. A investigación máis recente de Alonso González centrouse na cultura e patrimonio do viño no eixe atlántico, enfocándose en prácticas produtivas, de distribución e de consumo de proximidade, sostibles e naturais. A comezos de xuño foi seleccionado como un dos dez novos académicos de número da Academia Joven de España (AJE).

Binomio cinema-ciencia

Paralelamente á súa carreira investigadora, Pablo Alonso desenvolveu un perfil decomunicación científica pouco habitual que arrinca coa súa formación como cineasta na Scuola di Cinema de Roma. Esta faceta de divulgador científico está avalada polos sete documentais etnográficos ligados ás súas investigacións que foron presentados e distribuídos internacionalmente. Os seus tres primeiros documentais estreáronse na SEMINCI de Valladolid: Matavenero: el Pueblo Arco Iris (2012), Maragatería: una cor(e)ografía (2013) e El espejo de la memoria (2015). Da repercusión destes títulos dá conta o medio millón de visualizacións en YouTube de Matavenero e o pase en salas de cinema de Maragatería.

No 2014 realizou o documental de divulgación científica La Ponte: Ecomuseo. As súas tres últimas longametraxes agrúpanse na devandita triloxía do viño en Galicia. O ano pasado, como resultado de comunicación dun proxecto de investigación co Cabido de La Palma, viu a luz Vino de tea: patrimonio único de la isla de La Palma. Actualmente atópase en proceso de rodaxe de resultados de investigación en Tenerife con dous proxectos paralelos: Tenerife Wine e Todo sobre o guachinche.

Coautoría galega

A sadense Eva Parga Dans, tamén adscrita ao IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental. A investigadora galega é licenciada en Socioloxía pola Universidade daCoruña e doutora en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela. Está especializada na socioloxía da innovación e socioeconomía do patrimonio cultural. Como investigadora posdoutoral, realizou estadías en Dinamarca, Madrid, Ecuador e Lisboa. Tamén participou como consultora do Ministerio de Educación español para a avaliación do impacto social e económico de Altamira como Patrimonio da Humanidade (2013). Na actualidade é investigadora posdoutoral no IPNA-CSIC e os seus estudos céntranse no sector do viño, analizando os procesos de calidade da produción, a saúde e a etiquetaxe e a súa conexión co consumo en España e Portugal.

• Pablo Alonso en IMDb: https://www.imdb.com/name/nm9620011/

• YouTube de Pablo Alonso: https://www.youtube.com/c/PabloAlonsoGonzálezVideo

• Pablo Alonso en ResearchGate: https://www.researchgate.net/profile/Pablo-Gonzalez-47

Sobre o Instituto de Produtos Naturaie Agrobioloxía

Instituto de Produtos Naturais e Agrobioloxía (IPNA), con sede en Tenerife, forma parte da rede de centros de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. Pola súa natureza como centro multidisciplinar, a actividade do IPNA abrangue dende a investigación básica ata o desenvolvemento tecnolóxico e céntrase nas áreas das ciencias químicas, agrobiotecnoloxía, volcanoloxía e biodiversidade.

*Información facilitada polo Departamento de Comunicación do IPNA-CSIC

Proxección da película NACIÓN, de Margarita Ledo Andión, o sábado 12 de xuño no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado 12 de xuño de 2021, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, está prevista a proxección da película NACIÓN, de Margarita Ledo Andión.

Dita proxección, organizada polo IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, contará coa presenza da propia directora que fará a presentación da mesma.

Velaquí a nota informativa.

I Encontros Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo

I ENCONTROS ÁLVARO CUNQUEIRO: O CAMIÑO DE QUITA E PON (1981 – 2021)

Datas: 25 e 26 de xuño

Lugar de celebración: Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo

Dirección: Armando Requeixo

Secretaría: Laura Caamaño Pérez e Abel Vigo

Nº de horas lectivas: 16

Límite prazas: 41

Estes encontros han reunir a algúns dos mellores especialistas na vida e obra de Álvaro Cunqueiro co fin de analizar a actualidade e a vixencia da súa figura e escrita agora que se cumpren os corenta anos do seu pasamento, os trinta anos da celebración do Día das Letras Galegas a el dedicado e os cincuenta anos da publicación de Xente de aquí e de acolá, entre outras efemérides.

Enlace ao PROGRAMA DO CURSO

VILALE, I Feira do Libro de Vilalba, o 11 e 12 de xuño

Vilalba terá a súa I Feira do Libro os vindeiros 11 e 12 de xuño, en formato reducido e adaptada á situación sanitaria. Así o veñen de anunciar desde as concellerías de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Cultura do Concello de Vilalba.

Participarán da mesma as librarías locais Andel, Pergamino, Paperix e Carlín, así como Trama de Lugo, especializados en literatura infantil, xuvenil e novela negra, que farán un desconto do 5%. Ademais, o Instituto de Estudos Chairegos, promulgadores de distintas obras publicadas por autores e autoras da comarca, tamén terán un posto dentro da feira. 

Nesta mesma aposta por poñer en valor o local, sucederanse unha serie de sinaturas de libros distribuídas nos dous días de feira, a meirande parte de autores e autoras vilalbesas, como a historiadora e xestora cultural Miriam Fernández, da Asociación de Mulleres de Insua, a filóloga e escritora Cecilia F. Santomé, a tradutora Antía Veres, ou o ilustrador Eduardo Baamonde. Tamén estarán presentes Xosé Miguel Barrera, XLV Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba, e Antía Yáñez, III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa Infantil e Xuvenil pola igualdade, organizado polo IESCHA, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais.

A música e a normalización lingüística da primeira infancia tamén acompañará esta cita literaria. O venres 11 de xuño terá lugar a “Festa das primeiras letras”, unha proposta que se enmarca dentro da Feira do Libro para promover a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 anos. Así, haberá un obradoiro de arrolos da man de Mamá Cabra, narración oral con Bichocas, de Xarope tulú, e un espectáculo musical nomeado Catuxo, de Magín blanco. No que atinxe ao sábado 12 de xuño, haberá obradoiros para pequenos/as cada media hora no posto habilitado na propia praza, de 11 a 14h e de 17 a 20h. A asociación cultural Entre Lusco e Fusco ambientará a feira con música tradicional a partir das 12 horas, e unha pequena representación da Banda de Música de Vilalba realizará un concerto ás 13 horas.

O alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz, do Instituto de secundaria Santiago Basanta Silva de Vilalba fará unha lectura de textos na tarde do 12 de xuño, e finalizarase a feira cun sorteo de dous lotes de libros infantís e xuvenís e outros dous xenéricos entre todas as persoas que adquiran libros ao longo destes dous días,  poñendo o colofón final co concerto musical de Migallas, “merenda con pan de millo”.

As concelleiras Antía Rama e Vanesa Siso quixeron agradecer a boa disposición de librarías, autores e autoras e grupos e colectivos locais para poñer en marcha esta feira despois dun ano moi complicado.

“Pensamos que é unha boa forma de contribuír á normalización e recuperación de sectores moi afectados pola crise económica e sanitaria, neste caso co sector do comercio do libro, sacando parte da súa mercancía á rúa e facendo un desconto para fomentar a compra”, explicou Rama.

“Apostamos polo recoñecemento, apoio e posta en valor das nosas librarías, do traballo literario de persoas con raíces vilalbesas, ou ben premiadas nalgún dos certames impulsados polo Concello xunto con outras entidades, e tamén dos grupos e colectivos locais que dun xeito ou outro manteñen vida a cultura do pobo”, afirmou Siso.

A concelleira de Infancia e Mocidade tamén aseverou que “neste primeiro ano organizamos unha feira reducida por mor da situación sanitaria, que agardemos sexa o primeiro chanzo dunha cita con arelas de crecemento ano tras ano, vencellada nesta primeira edición a todos os tipos de literatura, pero especialmente á infantil e xuvenil”.

Pola súa banda, a edil de Cultura manifestou “a importancia de desenvolver unha oferta cultural e de lecer de calidade, pensando nas próximas xeracións e situando a cultura como un dereito fundamental, con iniciativas que normalicen e apoian a nosa lingua e identidade propia desde idades temperás”.

Ámbalas dúas animan a toda a veciñanza a achegarse á feira para desfrutar de todas as actividades e descubrir mundos novos a través dos libros, respectando sempre todas as medidas de seguridade.

*Información recollida da web do Concello de Vilalba