O Galician Film Forum estrea o filme ‘Nación’ no Reino Unido

O Galician Film Forum celebra o Día das Letras Galegas coa estrea de ‘Nación’ no Reino Unido

●      A organización londiniense prosegue coa súa actividade malia a pandemia coa proxección en liña do último filme de Margarita Ledo

●      O mércores 19 está previsto un encontro en directo por vía telemática coa directora

●      A película estará dispoñible entre os días 15 e 23 de maio na plataforma Vimeo On Demand e só no Reino Unido

Galician Film Forum (GFF) de Londres vai celebrar este ano o Día das Letras Galegas coa estrea no Reino Unido de ‘Nación’, o último filme de Margarita Ledo. Así, entre os días 15 e 23 de maio, a película vai estar dispoñible na plataforma Vimeo On Demand en exclusiva para o Reino Unido. Alén diso, está previsto un encontro en liña coa directora o mércores 19 de maio, ás 7 da tarde (horario británico), que se retransmitirá en directo a través das redes sociais do GFF. Esta actividade é posible grazas ao patrocinio da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O filme vaise exhibir en versión orixinal con subtítulos en inglés e o alugueiro por 48 horas terá un custo de 3,95 libras; ademais, o número de entradas estará limitado. Esta proxección no Reino Unido ten lugar sete semanas logo da súa estrea nas salas comerciais en España, onde aínda se pode atopar. ‘Nación’ estreouse no 17 Festival de Sevilla, onde acadou o premio á Mellor Dirección de Filme Español, e recibiu o Mestre Mateo 2021 ao Mellor Documental.

Unha loita inconclusa

Neste filme de non ficción, Margarita Ledo aborda o moito que tardaron as mulleres en ter dereitos, “non soamente en votar, senón en acadar un traballo asalariado e a posibilidade de ser independentes. En resumo, o moito que nos levou ser Nación”. O eixo é o peche da fábrica de louza Pontesa no 2001 e como, vinte anos despois, á agardada sentencia sobre a reclamación de débeda pendente, un grupo de traballadoras lembra o símbolo da súa liberdade individual, a súa emancipación económica e a súa loita sindical.

Esas traballadoras manteñen viva a reivindicación dos dereitos da muller na España do século XX. A historia das súas vidas desenvólvese en presenza da esfinxe, encarnada por Eva Veiga, que reclama a memoria das operarias do téxtil, a louza e a conserva e anuncia voces e arquivos que engarzan tempos e corpos diferentes.

En ‘Nación’ altérnanse as imaxes de arquivo e as interpretacións de Mónica Camaño, Mónica de Nut, Laura Martínez Iglesias e Xoana Pintos coa participación das extraballadoras de Pontesa: Nieves Pérez Lusquiños, Manuela Nóvoa Pérez, Ester García Lorenzo, Carmen Portela Lusquiños e Carmen Álvarez Seoane.

Margarita Ledo Andión (1951, Castro de Rei, Lugo) é unha relevante figura da cultura coñecida polas súas facetas de cineasta e escritora. Alén diso, é catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén exerceu como decana. Publicou o seu primeiro libro, o poemario ‘Parolar cun eu,cun intre,cun inseuto’, en 1970, e co tempo verían a luz outros títulos de poesía, narrativa, ensaio e investigación.

Ao longo da súa traxectoria vital fundou e dirixiu diversas publicacións con especial foco na reivindicación da lingua galega e espírito militante. A súa filmografía consta das longametraxes ‘Santa Liberdade’ (2004), ‘Liste, pronunciado Líster’ (2007) e a ficción ‘A cicatriz branca’ (2012), baseada na súa novela ‘Porta Blindada’. Tamén dirixiu varias pezas curtas experimentais e documentais. No 2017 o festival internacional Documenta Madrid dedicoulle unha retrospectiva. Foi Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cinema e Audiovisual e Premio Otero Pedrayo 2017 e é numeraria da Real Academia Galega.

Entradas ‘Nación’: https://vimeo.com/ondemand/nacion/

Velaí un galería de imaxes do filme