REGA-UK celebra unha romaría en liña desde Londres para festexar o Día da Matria

A Rede Galega no Reino Unido celebra unha romaría en liña desde Londres para festexar o Día da Matria

  • No evento participarán, entre outros, Ugía Pedreira, Bieito Romero, Xabier Díaz, Carlos Núñez, Belém Tajes, a familia Seivane, Touriñán, Zeltia e Dequenvessendo
  • A retransmisión será este sábado, 25 de xullo, a partir das 19 horas, na páxina de Facebook de REGA-UK

A asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), con sede en Londres, vai celebrar este sábado, 25 de xullo, unha ‘Romaría online’ para celebrar o Día da Matria. Por mor da pandemia do coronavirus, a organización substitúe este ano a súa tradicional romaría en Hyde Park por un evento en liña no que participarán artistas de distintos puntos xeográficos. A partir das 7 da tarde, hora galega, a páxina de Facebook de REGA-UK (www.facebook.com/REGAUK/live) será un punto de encontro para a cultura galega que se artella na terra e fóra dela, tecendo redes entre artistas de Galicia, Londres e Arxentina.

Durante a romaría vanse alternar actuacións musicais con intervencións de actores e poetas e mais con saúdos de numerosos artistas. Polo de agora xa está confirmada a participación de músicos como Bieito Romero, Carlos Núñez, Belém Tajes, Xabier Díaz, a familia Seivane, Zeltia, os irmáns Carlos e Fran Barcia, Dequenvessendo, David Carril e Son da Illa. O programa completarase coas colaboracións dos actores Touriñán e Diego Freire e do poeta Enrique Gavilanes.

Ademais, durante o evento vanse presentar en exclusiva dous novos temas musicais. Por unha banda, o último single de Ugía Pedreira, que, acompañada de Pier El Gabacho, vai musicar un poema de Enrique Gavilanes. Por outra banda, será tamén a presentación oficial do novo tema do gaiteiro Alberto López, membro do grupo Sete Netos de Bos Aires.

LIGAZÓN ROMARÍA ONLINE: https://www.facebook.com/REGAUK/live/

MÁIS INFORMACIÓN: Web | Facebook | Twitter | YouTube

Enlace á información do evento.

IESCHA. Proxección en Vilalba da película MARÍA SOLINHA, de Ignacio Vilar

O IESCHA e a Vicepresidencia-Área de Cultura, Patrimonio Histórico
Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo
, en colaboración co Concello de Vilalba, e coa loxística da produtora do film, VÍA LÁCTEA, organizan para o vindeiro martes, 28 de xullo, ás 22:30, na Praza da Constitución de Vilalba, a proxección da película MARÍA SOLINHA, de Ignacio Vilar.

Adxúntase nota informativa.

Convocatoria do III Premio de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, convocan o III CERTAME DE POESÍA TORRE DE CALDALOBA.

As tres entidades convocadoras alédanse de poñer en marcha esta terceira edición dun certame poético que comeza a expandir as súas pólas dentro da árbore literaria galega.

Agardan que, a pesar da pandemia causada pola Covid-19, a participación siga mantendo os niveis cuantitativos e, sobre todo, cualitativos das dúas edicións precedentes. Do mesmo xeito que, tendo en conta o proceso de recesión económica que vai provocar a crise sanitaria do coronavirus, desexan apostar pola reivindicación da cultura, neste caso da literatura, na súa vertente de creación poética; e que non sexa, como sempre acontece, un dos sectores damnificados por culpa do proceso de excepcionalidade que se está a vivir en todo o mundo.

Acceso ás BASES

Enlace de PARTICIPACIÓN