Presentación do nº4 de Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns

O sábado 4 de xullo ás 20 h., o IEU presentará na súa sede social de Monterroso o número 4 de Cairón. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns. Intervirán na presentación o director de Cairón, Daniel Salgado, o xornalista Fernando Salgado,  e o director do IEU, Francisco Pardo.

O venres 17 de xullo ás 17 h. terá lugar no castelo de Pambre (Palas de Rei) a segunda presentación de Cairón nº 4, acompañada dunha visita ao castelo guiada por Francisco Pardo. Intervirán nesta ocasión o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, o galerista Braulio Vilariño, e o director do IEU, Francisco Pardo.

E finalmente o sábado 18 de xullo ás 20 h., a revista Cairón será presentada na Igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla pola deputada provincial Pilar García Porto, polo escritor e historiador Xosé Lois García, polo párroco de Antas de Ulla Javier Diéguez, e por Xurxo Mouriño en representación do IEU. O lugar de presentación, unha igrexa románica, responde á divulgación do estudo sobre a arte románica na comarca da Ulloa que na actualidade están levando a cabo socios, socias  e colaboradores do IEU.

Fallo Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020

PARABÉNS! 👏🏼👏🏼👏🏼

O xurado vén de emitir o fallo do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2020, organizado polo Concello de Vilalba en colaboración con Culturalia GZ.

Categoría INFANTIL

🥇Paula Pérez Cendán, O día do revés (Vilalba)

🥈Aroa Fernández Jiménez, Un incríbel refuxio (Baiona)

🥉África Montenegro Feal, Os ollos de Marta (Vilalba)

Categoría XUVENIL

🥇Mariña Maceiras Segovia, Xardinaxe (Pontevedra)

🥈Nee Barros Fernández, O exército da perfección (Marín)

🥉Carlota Millor Prado, Libros (Vilalba)

Categoría ADULTXS

🥇Pedro Naveira Pedreira, Remate (A Coruña)

🥈Patricia Torrado Queiruga, Confin(arte) (Porto do Son)

🥉Cristina Arias López, Fuga Perfecta (As Pontes)

XURADO

🔸Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG

🔸Ánxela Gracián, tradutora e escritora

🔸Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario

O xurado quixo destacar a estimable calidade das obras presentadas, así coma do alto nivel de participación xeral no certame, con case un cento de orixinais.

En canto aos traballos premiados e finalistas, salientar, na categoría de adultos, a refinada técnica, a capacidade estilística sumadas á habelencia para crear mundos literarios concentrados en textos hiperbreves; e nas outras categorías (infantil e xuvenil) destacar a capacidade imaxinativa e a florecente sensibilidade amosada nas paisaxes literarias descritas.

Parabéns a todas as persoas premiadas, e moitas grazas por participar a todas e todos!!!

VII Premio de Investigación XERMADE NA HISTORIA

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade aprobou as bases e a convocatoria do VII Premio de investigación “Xermade na Historia”, na sesión ordinaria que tivo lugar o 27 de maio de 2020. Un premio que organizan conxuntamente o propio Concello de Xermade, a Asociación de Veciños de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio da Deputación de Lugo por sétimo ano consecutivo.

O prazo de presentación dos traballos remata o 19 de febreiro de 2021.

Bases: Bases VII Premio XNH

Formulario de presentación: Modelo de presentación VII

XLVI PREMIO DE POESÍA DO CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA

BASES DO XLVI PREMIO DE POESÍA DO CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA 2020

O Concello de Vilalba, co fin de estimular a creación poética, convoca o XLVI Premio de Poesía do Concello de Vilalba, enmarcado no Certame Literario anual.

PRIMEIRA.

Modalidade: Poesía.
Este concurso consta dun único premio indivisible.
Premio: 7000 euros, flor natural e diploma.
O financiamento do premio farase con cargo á aplicación orzamentaria 334.48942 (orzamento municipal 2020 do Concello de Vilalba).

SEGUNDA.

Poderán concorrer ao certame todos os autores e autoras que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.

TERCEIRA.

Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en datas anteriores ao fallo do xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións na obra premiada significaría a súa exclusión, procedendo o xurado a formular de novo a proposta de poemas premiados ou declarando deserto o premio.

CUARTA.

O tema do traballo será libre e a súa extensión mínima será de 500 versos.

QUINTA.

As obras enviaranse por vía electrónica mediante a dirección http://www.certamedevilalba.org/inscricion , na que se indicará o lema que distinga o traballo e achegarase o arquivo en formato PDF, co contido da obra.
A continuación enviarán por correo ordinario, un sobre pechado no que figurará o lema que distinga o traballo, e no que no seu interior irá o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, xunto cunha pequena biografía do autor/a.

No sobre deben indicar:
CONCELLO DE VILALBA
Certame Literario (indicar o lema que distingue o seu traballo)
Praza da Constitución núm. 1
27800 Vilalba – Lugo
Non deben poñer datos do remitente, pois os traballos serán nulos.
É de destacar que soamente se abrirá o sobre do traballo premiado.

SEXTA.

O prazo de admisión dos traballos comeza desde a data de publicación das bases na web municipal e remata o día 17/07/2020 ás 14h.

SÉTIMA.

O xurado será nomeado mediante resolución da alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido da cultura e da educación, e estará presidido pola Concelleira de Cultura ou persoa que a substitúa, e actuando de secretario/a técnica/o ou persoa que a substitúa. A composición do xurado farase pública na páxina web www.vilalba.org e na Sede Electrónica do concello.
Unha vez que se reúna o xurado darase a coñecer o premiado/a, na páxina web www.vilalba.org, na Sede Electrónica do concello e a través dos distintos medios de comunicación. A persoa premiada ou representante da mesma, será citada para asistir a un acto no que se fará entrega do premio, sempre e cando sea posible a celebración do mesmo.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do xurado para a obtención do premio ou non tivesen a categoría suficiente, poderá declararse deserto.

OITAVA

1. O importe do premio estará suxeito aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
O/A premiado/a deberá acreditar estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade social, mediante certificados aos que se refire o artigo 24.4 do Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións. Ademais, terán que achegar declaración responsable acreditando non estar incursos en ningunha das causas que determina o artigo 13.2 da Lei 38/2003 Xeral de Subvencións.
O concello comprobará de oficio que o gañador do premio está ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello de Vilalba.
2. O concello, que publicará a obra premiada, resérvase os seus dereitos de edición e entregará á persoa gañadora 15 exemplares da obra premiada.
3. O Concello de Vilalba resérvase en exclusiva, o dereito de edición da obra premiada, sen pago adicional algún o da propia cuantía do premio, constituíndo este a única e total remuneración, considerándose e convindo a súa autoría a tal efectos que:
a) Cede por tempo indefinido, sen límite territorial e para calquera dos posibles sistemas de comercialización, modalidades e soportes de edición, os dereitos de reprodución, distribución e venda da obra premiada.
Esta cesión será en exclusiva para o Concello de Vilalba.
b) O Concello de Vilalba queda facultado para a realización, por si mesmo ou mediante convenio co servizo editorial público ou privado, de cantas edicións considere oportunas, e co número de exemplares que decida libremente.
c) O Concello de Vilalba queda facultado para a tradución da obra premiada a outros idiomas, cos mesmos dereitos de explotación e uso que na lingua orixinal, sempre contando co visto e prace do autor/a da obra.

NOVENA.

As obras non premiadas serán destruídas xunto coas súas plicas, non admitíndose peticións de devolución.

DÉCIMA.

O fallo do xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como cantas decisións adopte o Concello de Vilalba para que estas poidan ser interpretadas e aplicadas.

UNDÉCIMA.

Segundo a Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informámoslles que os datos que se solicitan nas presentes bases pasarán a formar parte dun ficheiro debidamente inscrito na Axencia Española de Protección de Datos, responsabilidade do Concello de Vilalba, coa finalidade de xestionar a presente solicitude. Vostede pode exercer os dereitos de oposición, acceso, rectificación e cancelación dirixíndose ás nosas oficinas coa súa solicitude e a fotocopia do seu DNI.

Descargar BASES

MONICREQUES, de Miguel Díaz

MONICREQUES

Miguel Díaz

Violencia dialéctica
na foula levantada…
O meme senta cátedra
con ecos de porcallada…

Patriotas dos paraísos,
trapos da mediocridade…
Os balcóns vomitan
a ignorancia dominante…

Veciña insensibilidade,
ruindade enaltecida…
Nas cloacas dos tribunais
silénciase a xustiza…

Medios da manipulación,
IBEX 35, noxo de selva…
Cómplices altofalantes
difunden a podremia…

Nos bancos opulentos
non senta a conciencia…
Monicreques desprezados
defenden as cadeas…