ESQUECEMENTO

Fica na ventá

ollando para o lonxe,

xa se escoitan os carros,

co seu asubío cantan,

cargados de trigo e avea,

veñen de présa para a eira.

Ameaza a choiva

no abrente,

as leiras están segadas,

vacas e bois xa carretan

o pan que traen para as mallas.

Ela espida de presente,

na ventá, olla para o  lonxe,

non se lembra que é tarde,

que iso aconteceu onte…

que xa non cantan os carros,

nin se escoita o asubío.

Nunha cadeira sentada

ela mira pro infindo,

xa non hai leiras segadas,

nin carros traen o trigo,

non ten pasado

nin presente,

o seu pensamento esquivo,

perdido, está no camiño.

nesta ventá, nesta xente,

ollando con ollos baleiros

mirando pro infindo.

para os campos e as leiras,

ainda que no seu maxín se escoiten

os berros dos segadores,

que no gume da fouciña

segan o pan con suores.

Unha bágoa escorre morna

por esta cariña enrugada,

quén sabe se en algún intre,

lembra cousas en concordancia,

porque outros moitos intres,

esquecemento… non falta.