Camiños de mar, terra e vento. Espectáculo de narración oral de Paula Carballeira dirixido para nenas e nenos entre 4 e 8 anos. Sábado, 21 de marzo, ás 17 horas na Casa-Museo Manuel María.

Polos camiños da terra van quen queren chegar lonxe, de vagar, atopando atrancos, e persoas descoñecidas, e aventuras fantásticas ou pequenas peripecias, perigos, sorpresas.
Polos camiños do ar van quen adiviñaron como voar, coa axuda de paxaros ou alfombras, de vasoiras ou de refachos de vento.
Polos camiños do mar van quen esperan atopar illas misteriosas, música feita por ondas e sereas, baleas brancas, luras xigantes, tesouros que poden non ser de ouro  nin de prata, senón de corais e criaturas das profundidades.
E os contos viaxan, de boca en boca, pola terra, polo mar e, sobre todo, polo ar.

Paula Carballeira, contadora, actriz, directora teatral e dramaturga (é Premio estatal de literatura dramática en 2023), acode, regularmente, aos principais festivais e eventos de narración oral nacionais e internacionais. Ten máis de trinta libros publicados (álbum ilustrado, narrativa, poesía, teatro, ensaio), moitos deles traducidos a varias linguas, e a maioría pensados para a infancia e a xuventude.

Para asistir (billete 2 euros) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621