
O novo sinxelo da banda alternativa galega, en colaboración con Rebeliom do Inframundo, poderá escoitarse en todas as plataformas dixitais desde mañá venres, 7 de novembro, ás 00.00h: https://orcd.co/insaciables
Este xoves, 6 de novembro, Arrhythmia avanza Insaciables en exclusiva en YouTube contra ás 13.30 horas:
Insaciables mestura o metal alternativo con tinturas electrónicas de Arrhythmia co rap duro e combativo de Rebeliom do Inframundo, para falar do orgullo polo traballo feito, festexar quen son, o que foron e como seguir creando xuntos, abrindo, tamén, unha porta á crítica ao sistema
Durante un tempo, o escenario gardou silencio, pero a banda lucense non. Arrhythmia pasou o último ano pechada no estudo, construíndo un novo capítulo con calma, forza e claridade de ideas. Lonxe de desaparecer, decidiron parar o ruído exterior para escoitarse a si mesmos.
O resultado: esta nova etapa que mantén a enerxía e o discurso que sempre os definiu, pero cun son máis afinado e unha identidade aínda máis sólida. A evolución verase reflictida nun novo EP, que sairá á luz en 2026.
Amnesia (Galunk Producións, 2025) foi o primeiro adianto deste novo traballo, publicado o pasado mes de abril, confirmando o que moitos intuían: Arrhythmia segue a ser unha das propostas máis singulares e queridas da escena alternativa galega.
Agora, Arrhythmia presenta o segundo sinxelo deste novo EP, baixo o título Insaciables, en colaboración co grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo. Insaciables reflicte a unión e a amizade de ambas bandas que, desde hai anos, comparten a mesma loita dentro da escena musical galega. O single estará dispoñible en todas as plataformas dixitais desde este venres, 7 de novembro, en: https://orcd.co/insaciables
Antes, este xoves, 6 de novembro, Arrhythmia avanza Insaciables en exclusiva en YouTube contra ás 13.30 horas: https://www.youtube.com/watch?v=dmYNg96sth4
Con este novo lanzamento, Arrhythmia amosa de novo que non volven, porque en realidade nunca marcharon; simplemente, estaban collendo aire para volver golpear con máis forza.
DESCUBRE INSACIABLES, O NOVO SINGLE DE ARRHYTHIA
Alberto Busto, membro de Arrhythmia e de Rebeliom do Inframundo, define Insaciables como “unha mestura do rap duro e combativo de Rebeliom do Inframundo co metal alternativo con tinturas electrónicas de Arrhythmia, creando un show potente e cheo de enerxía… É unha canción que celebra quen fomos, o que somos e a forma de seguir creando xuntos”. E remata: “O sinxelo fala do orgullo polo traballo feito, do respecto polos que despexaron o camiño e das portas abertas ás novas xeracións, pero, tamén, cunha visión crítica cara á industria e o negocio musical”.

ARRHYTHMIA, CANDO O RUIDO É UNHA LINGUAXE QUE LLE DA SENTIDO AO CAOS
Desde Lugo, Arrhythmia leva anos convertendo o ruído en linguaxe. A súa música nace da fricción entre mundos: o metal e a electrónica, o rap e o rock, a forza e o detalle.
En galego e sen filtros, constrúen cancións que son descarga e reflexión ao mesmo tempo, espello dunha xeración que pensa e latexa a outro ritmo. Recoñecidos con dous Premios Martín Códax da Música –en 2018 á mellor banda de metal galego e, en 2023, como mellor banda heavy e metal–, foron quen de erguer un son propio, ás veces brutal, ás veces hipnótico, e sempre honesto.
O seu LP I (2022), financiado grazas ao apoio directo da súa comunidade, marcou un punto de inflexión: unha declaración de independencia estética e emocional. Antes publicaran o LP II (2016) e o EP III (2012).
Hoxe, Arrhythmia non busca agradar: busca conmover. E iso, no fondo, é o que sempre fixeron: poñerlle alma á distorsión e sentido ao caos.
20251106-NP-Arrhythmia-Insaciables_GAL