
Este sábado, 8 de novembro, Pepe Cunha falará, na Casa-Museo Manuel María, da historia da música pop en galego.
Cunha, coñecido polo seu proxecto de divulgación musical Ábrete de Orellas, repasará desde os pioneiros da década de sesenta até a vizosa escena galega actual
A actividade está programada para as 19 horas e é de acceso libre até completar o aforo (reserva sitio en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621)
Pepe Cunha é o nome que está tras o proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas, activo desde hai 25 anos e Premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación Musical en 2016 e 2018. Ábrete de Orellas naceu como programa musical a finais do século pasado e entrega cada semana unha nova edición de sesenta minutos que emiten as grellas da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria…), algunhas municipais como Radio Redondela, Radio Allariz, A Xente de Teo… e plataformas como Podgalego, Agora.gal, Pontevedra Viva Radio… Cunha é autor do libro Guadi Galego. Pola beira da canción (Embora, 2019), responsábel dos contidos da premiada exposición #cantáMOLAengalego (2000-2020) para o Concello de Pontevedra e da exposición #GaleGoza para Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como partícipe en artigos en prensa, charlas, coloquios ou xurado de concursos musicais.