O FESTIVAL BOTOU A CANCELA COAS ACTUACIÓNS DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO 

A ORGANIZACIÓN PONSE A TRABALLAR PARA GARANTIR DE NOVO GRANDES NOMES Á ALTURA DO PARQUE DO PASATEMPO E BETANZOS NA PRÓXIMA EDICIÓN 

O Festival do Pasatempo botou a cancela a súa edición deste ano tras dúas xornadas nas que Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño mantiveron vivo o espírito musical dun espazo idílico, o Parque do Pasatempo en Betanzos. Un festival que se alonxa do formato convencional para ofrecer ao público unha experiencia diferente, marcada pola calidade artística, a cercanía  coas persoas asistentes e o valor engadido dun recinto único e histórico. 

Este pasado sábado pechou o Festival do Pasatempo cunha xornada marcada pola emoción e o sentimento, da man do histórico Carlos Núñez e unha das revelacións da música en galego, Antía Muíño. a de Santiago de Compostela abriu  día ofrecendo un espectáculo no que as melodías e o rexistro vocal foi protagonista. Acto seguido, e para pechar outra gran edición do festival, foi o turno de Carlos Núñez, que amosou por que é un dos artistas galegos más históricos, repasando as súas cancións máis recoñecidas. O punto álxido do día viviuse no momento no que converxeron no escenario os dous protagonistas da xornada, interpretando en conxunto a recoñecida “Lela”, mesturando a voz de Antía Muíño coas melodías de frauta de Carlos Núñez. Desta maneira, e por todo o alto, puxo fin Festival do Pasatempo a unha nova edición.

Segundo palabras do director do festival, Jordi Lauren, é un orgullo celebrar unha nova edición do Festival nun lugar tan especial como este parque histórico, que significa tanto para Betanzos e para Galicia. Jordi apunta que este festival naceu co soño de unir música e patrimonio, pero tamén para xerar actividade cultural, social e económica en Betanzos e a súa contorna. Concretou tamén que estes días se puido ver como a hostelaría, comercio e servicios foron dinamizados pola chegada de visitantes de diferentes puntos de Galicia, impactando cun retorno económico relevante, xunto co retorno social de prestixio e orgullo que xera o dar a coñecer esta contorna histórica.

O director do festival quixo incidir en que ver como o público responde, asiste, goza dos concertos e valora o espazo e a proposta é o que lles da forzas para seguir traballando. Todo o equipo de PlayPlan e do festival busca consolidar Festival do Pasatempo como unha cita anual imprescindible non só pola calidade artística, senon polo valor cultural dun proxecto que visibiliza, reinterpreta e devolve a vida ao noso patrimonio. 

O festival fecha as portas por este ano, e comeza a traballar xa na seguinte edición, para ofrecer unha programación única e de calidade a un recinto histórico, así como un dos emblemas patrimoniais da Comarca de Betanzos.

A xornada do venres estivo marcada pola actuación dos artistas máis punteiros na actualidade da música en galego e euskera: Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras. A xornada comezou coa maxia e emoción de Caamaño&Ameixeiras, que coa súa reinterpretación da ritoloxía popular caldeou o ambiente. O prato forte chegou con Tanxugueiras, que cun potente directo amosaron por que son un dos grupos máis importantes da música galega. O fin de festa correu a cargo do navarro ZETAK, que coa súa enérxica electrónica pechou por todo o alto un día memorable. 

O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna. 

O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila