Desde o pasado luns, 2 de xuño, e até o venres 20 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora traballará na súa proposta Brutalismo

Brutalismo é o novo traballo de Isabel do Diego en forma de concerto-escénico; un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que a creadora pregúntase cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI

Unha vez finalizada a súa residencia, Isabel do Diego ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, o venres, 20 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre

Paralelamente, a artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Isabel do Diego iniciou a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso o pasado luns, 2 de xuño, en Santiago de Compostela. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Compostela, acollen desde hoxe e até o venres 20 de xuño a terceira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Brutalismo, de Isabel do Diego, alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada.

Brutalismo é é o novo traballo de Isabel do Diego en forma de concerto-escénico; un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis aló dos construídos para as artes vivas, co que a creadora pregúntase cuestións como onde comeza e onde remata o folclore do século XXI.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Isabel do Diego ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada do venres, 20 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, a creadora participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO

Brutalismo é o novo traballo de Isabel Do Diego en forma de concerto-escénico. Un ‘site-specific’ ideado para ser mostrado en diferentes espazos arquitectónicos máis alá dos construídos para as artes vivas. O seu formato álbum terá forma de EP con tres ou cinco novos temas.

En Brutalismo, Isabel Do Diego faise as seguintes preguntas: onde comeza e onde remata o folclore do século XXI? É a electrónica, como xénero permeable, o seu contedor máis inherente? É posible crear un universo atávico-musical no pleno século XXI?

Para poder imaxinar, crear e materializar Brutalismo, Isabel Do Diego interésase polas prácticas máis atávicas e minimalistas do folclore en relación á súa sonoridade, a súa musicalidade, a súa festividade e a maneira de poñer o corpo na escena para a súa execución. O corpo como instrumento total. O corpo-médium que necesita ser mostrado, o máis austero posible, para encarnar a música da maneira máis directa e rotunda. Atravesar ao público e habitar a electrónica como folclore en si mesmo.

Para isto, Isabel do Diego realizará unha dramaturxia musical elixindo os temas máis crus, rítmicos e contundentes de todos os seus álbums, entrelazando con estes os novos temas de Brutalismo EP. Tamén actualizará sonoridades e melodías para que, así, este novo concerto-escénico sexa vivido como unha experiencia única e acorde aos seus propios códigos escénicos.

Como vén sendo habitual desde o seu segundo álbum, Isabel do Diego está creando un novo instrumento, gavión, co que traducir á música o anteriormente citado e levalo á escena utilizando o corpo de maneira non tradicional ou académica. Gavión estará elaborado con aceiro inoxidable máis madeira virxe e, todo iso, conectado a un software. Neste instrumento-máquina é o corpo, como ser vivo, o ponte necesario para que a música brote.

É en Brutalismo onde Isabel do Diego pechará un ciclo de sete anos e propoñerá unha viaxe escénica-musical robusta e sólida. Un universo entre o atávico e atemporal do folclore e a electrónica. Unha performance sobrehumana onde desplegará unha electrónica poliédrica, vigorosa e centelleante que servirá de base para unhas melodías vocais tradicionais e austeras que se transmutarán a través dun corpo-médium en pleno fulgor vital. Ademais, a idea inicial é ampliar o equipo e contar con outros músicos-performers para desenvolver e amplificar esta posta en escena.

SOBRE A ARTISTA

Isabel do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– desenvolve, no seu traballo musical e escénico, un folclore austero, brutalista e sacralizado. O queixío electrónico de Isabel do Diego abre un corpo á fuxida que traza unha nova perspectiva sobre o folclore andaluz. A súa música é unha prótese folclórica que transcende os espazos que a carne non pode habitar. Un ser híbrido. Un corpo que, na escena, camiña entre o humano, o animal e o espiritual.

Entre a familiaridade rural e o extrañamento futurista, Isabel do Diego habita un universo escénico de gritos e susurros, de melodías tradicionais xunto a sonoridades quebradas, de ecos rurais e industriais, de mensaxes herexes e oracións, de fantasías sexuais e emocións castas. E moitos beats, samplers e sintetizadores. O seu cante e baile son monstruosos e de electrónica sacralizada. Un ‘trampantojo’ escénico que, como alegoría, non é racional nin clasificable, senón que mostra o misterio que gardamos baixo a pel en forma de cerimonia musical.

En marzo de 2020 publicou DEPUEBLO, o seu primeiro álbum. Este foi incluído na exposición “Romper el Aire” de Pedro G. Romero para a galería Alarcón Criado de Sevilla e elixido entre os dez mellores álbums de música de raíz por Mondo Sonoro. Visitou varios festivais como o Monkey Week (Sevilla), Flamenco viene del Sur (Sevilla) ou Sâlmon (Barcelona). E foi, tamén, artista residente en SONORIDAD.ES 2020-2021, comisariada por Daniel Valtueña para o centro KJCC de New York.

En marzo de 2022 publicou BESTIA SAGRADA, segundo álbum e o cal se pecha en colaboración con Maria Arnal no seu tema final Cataliza. O directo deste segundo traballo estreouse no Centro Conde Duque (Madrid) e tamén visitou o Festival La Orgullosa (Barcelona), Córdoba Ciudad de las Ideas, La Madraza en Granada, Flamenco EÑE off en Madrid, o Festival MIL Lisboa ou o MaF de Málaga. En abril de 2023 publicou ROZADURA, un EP de seis temas elaborado durante unha residencia de creación e concertos no Festival Flora de Córdoba 2022. Foi presentado en vivo en tres patios emblemáticos do Casco Histórico de Córdoba (Patio do Palacio de Orive, Patio de Las Campanas e Patio de San Basilio).

En marzo de 2024 publicou o seu primeiro vinilo A CARNE VIVA, un concerto en formato vinilo gravado e cortado en vivo por Alhaja Records. O concerto-vinilo celebrouse na Sala Noble do Convent de Sant Agustí, Barcelona. En novembro de 2024 publicou GOZO JONDO, o seu segundo EP, con seis temas elaborados durante a residencia de creación Los Tientos, Granada 2023. A súa traslación a concerto-escénico foi estreado nos Teatros del Canal de Madrid.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas. 

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal/

2025.06.02.-NP-Residencia-Paraiso-Isabel-do-Diego