
O festival coñecido como ‘Orgullo do Norte’ fai un chamamento ao tecido comercial e empresarial da Coruña para formar parte da rede de colaborades do encontro
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo na Coruña
No seu cartel está xa confirmada a presencia de Judeline, Edurne, Nia, Merche, Paula Koops, De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
O Atlantic Pride lanza unha campaña de micropatrocinios para apoiar a súa edición 2025. Así, o festival coñecido como ‘Orgullo do Norte’ fai un chamamento ao tecido comercial e empresarial da Coruña para formar parte activa da rede de colaboradores do encontro, que este verán celebrará a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo, da man de bandas e artistas como Judeline, Edurne, Nia, Merche, Paula Koops, De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ.
Coa fin de que a cita continúe a crecer e a celebrar a liberdade e a diversidade, o festival convida á cidadanía a sumarse á gran festa do Orgullo na cidade e, cunha pequena aportación, poida axudar ao Atlantic Pride a dar novos pasos mentres lle da voz á aportación dos proxectos colaboradores. Toda a información desta acción de micropatrocinios está dispoñible na páxina web www.atlanticpride.es, con diferentes opcións e recompensas para os distintos colaboradores.
As aportacións poden oscilar entre os 150 e os 1.000 euros, a cambio da presencia da entidade colaboradora no site e as redes sociais do encontro, así como a súa visibilidade durante a celebración do festival no escenario principal (no caso das aportacións máis cuantiosas). Ademais, para agradecer a colaboración e conformar unha rede de apoio ao festival, entregarase un adhesivo exclusivo do Atlantic Pride 2025 para que todos os micropatrocinadores poidan lucilo con orgullo nos seus locais e presumir do seu apoio a un evento que pon en valor a diversidade e reivindica a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO E ICONAS LGTBIQ+ NO ORGULLO DO NORTE 2025
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.
A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.
Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria: https://atlanticpride.es/certame-literario/.
Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. A elas súmanse, agora, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes para completar o seu line up este 2025.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’
Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.