A Praza de Pontevedra será testemuña, de 20.00 a 00.30h, da segunda sesión de directos do festival, co dj S.Alma ao cargo dos pratos que animarán as pinchadas da xornada

Meiga-I ofrecerá un percorrido pola memoria LGTB+ galega, para coñecer a historia diversa da nosa terra, a través de monólogos, percusión tradicional e canto en directo

O Rabelo e Nenaza farán bailar ao público coa súa mestura de música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favela, mentres que Morreo presentará o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano corido e luminoso

Este luns, 8 de xullo, o Atlantic Pride da Coruña estrea o escenario da Praza de Pontevedra para celebrar a súa segunda xornada de directos, da man de O Rabelo e Nenaza, Meiga-I e Morreo, mentres que as pinchadas aos pratos correrán a cargo do dj S.Alma.

Meiga-I ofrecerá un percorrido pola memoria LGTB+ galega, para coñecer a historia diversa da nosa terra, a través de monólogos, percusión tradicional e canto en directo. Pola súa banda, O Rabelo e Nenaza convidarán ao público a non deixar de bailar coa súa proposta conxunta, que mestura a música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favelaFinalmente,Morreo destilará hedonismo e xuventude sobre o escenario, para presentar o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano corido e luminoso, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís.

PROGRAMA ATLANTIC PRIDE 2024

Luns, 8 de xullo

Praza de Pontevedra

(20.00 a 00.30h)

20.00h S.Alma

21.00h O Rabelo e Nenaza

22.00h Meiga-I 

22.30h Morreo 

23.30h S.Alma

O RABELO E NENAZA

O Rabelo é un animal humano que gusta de xogar, estar “tranqui” e rir. É antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Nos seus concertos fai música ao xeito en que se facían as festas de antes, as rúas, mesturando a música tradicional galega con xéneros como o reguetón ou o tecno, para convidar á xente a bailar. Xoga coa identidade a través da arte escénica para cuestionar o que é normal e o que facemos co malestar. Explora a mitoloxía, a marxinalidade e o normativo a través da mestura e das expresións artísticas. Da obradoiros de regueifa, fai charlas e debates en centros de ensino e desenvolveu proxectos artísticos arredor da escrita e a música, con publicacións como El libro de Iarnal, Tenruras e raivasBetadine ou os discos Suor e Silva, entre outros.

Nenaza é unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega. É un ser fantástico que mestura o etéreo e protector das fadas cun mundo escuro, violento e punk, froito das violencias exercidas sobre as persoas que viven o xénero de forma feminina. Na súa performance utiliza o corpo, o movemento e o son. Máis aló do seu proxecto performativo, en 2022 comeza a súa carreira como DJ mesturando ritmos de neoperreo e funk favela con electrónica e deconstructed, trallando en festas e clubs, ademais de en galerías de arte e museos.

MEIGA-I

Meiga-i é unha personaxe performática resultado da mistura do folk galego coa linguaxe drag para crear unha auténtica fantasía galega. No seu monólogo musical, a drag pandereteira conta e canta a historia de liberación dunha coitada criatura que padece de posesións folclóricas. A través de monólogo, percusión tradicional e canto en directo, ademais de interactuar e divertir, intenta divulgar co seu exemplo e, se consegue facer reflexionar, marcha contentísima.

A súa fantasía amosa unha creación que non esquece a simboloxía e a tradición propias, con mensaxe e vocación contemporánea contra o “cosmopaletismo” e as marmuradoras. Meiga-I reinterpreta ao seu xeito e introduce na súa narración música pop, tradicional e fusión galega. Mesturando alegría e seriedade, a artista percorre temas como o autodescubrimento, o legado das cantareiras, os prexuízos, a empatía, a amizade, a historia diversa… Actualmente, a súa fantasía está en proceso de facerse música nun EP de ritmos tradicionais, electrónicos e optimistas.

MORREO 

Morreo iniciaban a súa andaina musical e sentimental en 2019 tras coñecerse nunha cita de Tinder. En pandemia compuxeron os 11 temas de Fiesta Nacional, un debut co que se fixeron un oco en medios como El País, RTVE ou Jenesaispop e visitaron festivais como o Low ou o Contempopránea. Alzáronse co prestixioso Premio Rock Villa de Madrid e foron seleccionados para actuar na canle de YouTube dos Grammy. 

Con dous discos ás súas costas, pódese dicir que Morreo reinventouse co seu novo álbum, Alegría (2023), un espertar da xuventude e o hedonismo, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís. Pero, tamén, sons lo-fi románticos, rumbas disco, samples e letras cheas de costumismo e alegría. Un catálogo de pop iberoamericano corido e luminoso. 

SOBRE O ATLANTIC PRIDE 2024

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Na súa quinta edición, está confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

No cartel deste Atlantic Pride 2024 destacan tamén nomes como os de Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas. O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional ao festival, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores”. Na web www.atlanticpride.es é posible consultar o calendario e a información práctica desta quinta edición do festival.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

20240707-NP-luns-8-Atlantic-Pride