Este próximo 13 de xullo, sábado, festéxase a XIª edición do Convivio da Cultura Galega e farase, coma sempre, tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.

Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros.

Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde dará comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí irase cara ao cemiterio onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta.

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser.

Despois, poderemos desfrutar do xantar en convivio (a organización pon as mesas e cadeiras e cada un/unha trae a súa propia comida. Para reservar sitio é necesario avisar antes das 23 h. do 10 de xullo, mércores)

A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos Carunchos.