O venres 14 de agosto ás 18,00 h, organizada polas asociacións Quercus Sonora e Instituto de Estudos Ulloáns, terá lugar na Casa da Cultura de Antas de Ulla a presentación do libro de poemas de Sandra Goded Conexión.
Sandra Goded, bióloga, poeta, escritora e investigadora, é a fundadora da asociación Quercus Sonora e recoñecida defensora da biodiversidade e o bosque autóctono da Ulloa.
O colectivo Disiden.Cia inicia a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ en Ponteareas da man de RPM, no marcoda Residencia de Artes e Pensamento Artistea
Desde este luns 3 e até o xoves 20 de agosto, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas por RPM, o colectivo navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez traballará na súa proposta Botar de menos o futuro
Botar de menos o futuro cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos
Unha vez finalizada a súa residencia, Disiden.Cia ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, na praza Maior de Ponteareas, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo
Paralelamente, o colectivo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O colectivo Disiden.Cia inicia este luns, 3 de agosto, en Ponteareas, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, a Residencia de Artes e Pensamento Artistea acolle, até o xoves 20 de agosto, a sétima destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do tándem artístico navarro-galego formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, que ten por título Botar de menos o futuro.
O proxecto cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos, cuestionando se a falta de emancipación da nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, o colectivo ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en Artistea, na praza Maior de Ponteareas, o mesmo xoves, 20 de agosto, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
Paralelamente, Disiden.cia participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
SOBRE O PROXECTO
É posible botar de menos o futuro? A falta de emancipación na nosa xeración pode provocar unha nostalxia sobre o futuro que non viviremos?
Este proxecto é unha investigación de Disiden.Cia, que parte dunha sensación compartida de desorientación, incerteza, esgotamento e de non pertenza, situando a outredade e o “alien” no centro da súa procura. Desde a necesidade de deter a produción constante, o proxecto quere profundar nunha práctica artística propia e unha linguaxe escénica como compañía.
Disiden.Cia navega en corpos híbridos, andróxinos e “alienados”, coas influencias do futurismo de finais do século XX, pero nun momento que difire moito da proxección de futuro que tiñan nesas décadas, observando agora o colapso contemporáneo.
Botar de menos o futuro cuestiona as identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos entendendo o “alien” non como exclusión, se non como potencia creativa, absurda e lugar de encontro.
SOBRE O COLECTIVO DISIDEN.CIA
Disiden.Cia é unha colectivo metade navarro, metade galego, formado por Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, dúas bailarinas de Pamplona e Vigo, respectivamente. Coincidiron en formación en danza contemporánea na Faktoria Choreographic Center.
Veñen de xirar o seu primeiro espectáculo Bipedestrución, apoiado polo Gobierno de Navarra e a Fundación Baluarte, dentro do DNA2023, sendo seleccionadas pola Rede de Teatros Alternativos 2025, Circuito Sendaberri 2025, a MIT de Ribadavia 2025 e a VI Feira Ibérica de Teatro Fundão 2025 cunha mención de honra: “ao talento emerxente, cun espectáculo arriscado e disruptivo nunha feira de teatro. Un espectáculo que pon en valor a diversidade, tratados dunha forma moi especial e delicada”.
Disiden.Cia traballa a cabalo entre a práctica escénica e a mediación de públicos, incorporando e aplicando diferentes proxectos para distintos grupos de idades.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
A man que procura e se sabe non querida, que estendida é ignorada, sinala lugares aos que nunca regresarei. Perdín as chaves de todas as portas que atopei. Encontro chaves que non abren nada. Anícome nunha habitación coas cortinas rachadas. En cantos espazos simplemente me dilúo. En cantos momentos sinxelamente me esfumo. A carón de recordos en min latexantes percorro un camiño que me borra. Non teño nome mentres outros atopan o final do carreiro. Non teño can e ladran os baleiros da memoria.
Teño un túmulo que me sobra. Facede de min comida de voitres e voade, se podedes. Facede de min cinza e esparexédeme. Roxe o espazo que ocupo erroneamente. Nada teño, nada contemplo. Remexidas letras descompoñen o presente. Laia, renxe o momento. Non quero pronunciar nada que non me pronuncie. Sostéñome en pé ante a tormenta, sen motivos. Á espera, agardando que poida abrollar, se cabe, un ramo de palabras.
Quero pronuncialo pero agárrase. Non na gorxa, máis adentro. Algo corrosivo se non consigo verbalizalo. Vén afiado o ignoto. Fire, engurra, reduce. Levo tempo sen falarche. A man que estendo é un trazo esvaído. Un baile mínimo perdido no espazo. Quero abrir un camiño. Quero abrir un rego. Pero non teño coles, non teño esterco, non teño fouce. Non teño nada se calo. Non na gorxa, máis adentro, teño ancorada unha chamada que sinto inútil e que aínda así intento desprender.
Á venda as entradas para a estrea na Coruña de ‘A velada de Londres’, a homenaxe a Manuel Lourenzo de ButacaZero
O Teatro Rosalía Castro acollerá o 4 de setembro o lanzamento desta revisión do mito de Drácula, que xa ten as súas entradas dispoñibles en Ataquilla.com
O espectáculo combina estética vitoriana, música en directo e unha exposición inédita sobre a figura de Lourenzo no vestíbulo do teatro
ButacaZero contará cun novo espectáculo na carteleira galega a partir do mes de setembro: A velada de Londres, de Manuel Lourenzo. A peza, dirixida por Xavier Castiñeira e coa que a compañía quere rendir homenaxe ao dramaturgo, estrearase o 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña. As entradas para a estrea da montaxe están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com.
Tras sorprender ao mundo da escena con IRIBARNE, ButacaZero adéntrase por vez primeira na obra de Manuel Lourenzo. Faino, concretamente, cun texto que forma parte de Veladas Indecentes —obra coa que Lourenzo se converteu no 1997 no primeiro autor galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática—, garda unha fonda pegada emocional para Castiñeira, pois traballou como axudante de dirección do propio Lourenzo nesta mesma peza no inicio da súa carreira.
En A velada de Londres, Lourenzo propón unha orixinal fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. Lonxe do terror convencional, o texto explora a tensión entre os instintos e a razón, entendendo a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo. Para esta montaxe, ButacaZero propón unha estética vitoriana e música en directo grazas á presenza no escenario da soprano e violonchelista Esperanza Mara, quen canta e interpreta a banda sonora orixinal (creada por Iago Hermo).
O elenco d’A velada de Londres conta con actores de ampla traxectoria como Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) e con novas promesas emerxentes da escena (Sophia Rodal e Teo Piñeiro), mantendo viva a idea de Lourenzo de apostar polo talento mozo. A proposta de ButacaZero complétase, ademais, cunha exposición inédita sobre a obra e o legado do gran mestre do teatro galego que se poderá ver no vestíbulo do Rosalía Castro o mesmo día da función.
A Velada de Londres. Equipo: Xurxo Cortázar, Xavier Castiñeira, Beatriz de Vega, Carlos Pinilla (arriba), Esperanza Mara e Sophia Rodal sentadas
SINOPSIS A VELADA DE LONDRES
A nova estrea de ButacaZero nace como fonda homenaxe a Manuel Lourenzo, finado o pasado ano. Mestre e mentor de Xavier Castiñeira (e de tantas outras persoas que conforman o teatro galego profesional na actualidade), a súa palabra, a súa mirada e o seu compromiso coa escena seguen vivos en cada unha das nosas creacións e continúan así iluminando o camiño de novas xeracións.
A Velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stoker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
A presenza en escena de Esperanza Mara, chelista e soprano, farán que o público poida disfrutar dunha velada teatral, pero tamén musical.
A representación completarase cunha pequena exposición dedicada á vida, obra e legado de Manuel Lourenzo. Un convite a descubrir e celebrar a memoria dun creador que deixou unha pegada imborrable no teatro galego.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
SOBRE A VELADA DE LONDRES, DE BUTACAZERO
Estrea absoluta: 4 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro (A Coruña).
Dirección: Xavier Castiñeira.
Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
Deseño de luz: Violeta Martínez.
Espazo escénico: Beatriz de Vega.
Figurinista: Carlos Pinilla.
Produción e distribución: ButacaZero.
Produción en xira: Rubén Capelán.
Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.