O colectivo publicará este venres, 31 de xaneiro, o cuarto avance do álbum, un tema hiper-pop titulado ‘ondas sonoras de xúpiter (24/7)’ que aborda a fase inicial do namoramento e no que renden homenaxe a Lola Flores
O álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional xa ten data de estrea. O vindeiro 14 de febreiro de amor,que así se titula o novo traballo discográfico, verá a luz nas principais plataformas dixitais. A estrea do disco nesa data non é unha cuestión baladí: tal e como resaca emocional avanzou estes meses, este LP, ateigado do xa característico son pop electrónico do colectivo, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.
Antes da estrea o vindeiro 14 de febreiro, resaca emocional publicará o 31 de xaneiro, ondas sonoras de xúpiter (24/7), o cuarto e último adianto do disco, unha peza na que abordan a primeira fase do namoramento. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas do venres nas principais plataformas dixitais e no que colabora JUANA, é unha canción ‘hiper-pop’ que se mestura con pinceladas ‘lo-fi’, xéneros contemporáneos cos que RSK non dubida en botar unha ollada cara atrás para render homenaxe a Lola Flores e citar o seu mítico verso “siempre a la verita tuya”. O lanzamento acompañarase dun videoclip que estará dispoñible (tamén desde o 31) na canle oficial de Youtube de resaca emocional.
O cuarto sinxelo do LP de amor afonda no universo emocional de RSK. Tras bolboretas, unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse; mario crush, tema que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; e sae o sol, que aborda o nacemento dunha relación afectiva; agora chega ondas sonoras de xúpiter (24/7), unha canción que aborda a “obsesión” da primera fase do namoramento, “que nace case coma unha adicción na que estás prendado as 24 horas e os 7 días da semana”.
Que é resaca emocional?
resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde.
As entradas para asistir á cita, que contará con artistas convidadas, estarán dispoñibles a partir das 12.00 horas do xoves 30 en www.salacapitol.com
De Ninghures vai de Feira, e de foliada, á Sala Capitol. O vindeiro 13 de marzo, a banda convidará ao público a sacar puntos raros e todos os que lle presten para presentar no mítico recinto compostelán o seu novo traballo discográfico, Feira, que verá a luz nas vindeiras semanas. As entradas para asistir á cita, na que a formación subirá ao escenario a diversas artistas convidadas, sairán á venda o xoves 30, ás 12.00 horas, na páxina web www.salacapitol.com. O prezo a través desta plataforma será de 15 euros (más gastos de xestión), mentres que na billeteira será 18 euros.
Logo de presentar nas últimas semanas Corazón Alionado, A BurriñaeO Último Baile -os primeiros adiantos do seu novo LP, producido polo recoñecido Juan De Dios-, De Ninghures prepara o traxe e os allos para celebrar unha festa que, a ollos da banda, será irrepetible, pois estará ateigada de sorpresas. O día 13 de marzo o público asistente poderá bailar e descubrir ao vivo os temas que conforman unha Feira que, ademais de nomear o traballo, impregna o universo simbólico do álbum.
Porén, antes da presentación en Santiago de Compostela, De Ninghures contará con outras dúas citas sobre os escenarios. Primeiro visitará Narón o sábado 1 de febreiro para participar na gala Youtubeiras+ e, vinte días despois, o grupo aterrará en Bruxelas, xa que a formación será parte do cartel do festival Emigrason canda Fillas de Cassandra, Tanxugueiras e Terbutalina.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, nos primeiros meses de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado, A BurriñaeO Último Baile.
O Noia Harp Fest é o único evento dedicado integramente ao instrumento de todo o noroeste peninsular; no que se dan cita artistas de diversos estilos e orixes e promove o encontro entre o alumnado de arpa das distintas escolas de Galicia
A terceira edición do Premio de Composición Portus Apostoli, organizado polo Noia Harp Fest coa colaboración do Concello de Noia,recibiu unha ducia de propostas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrará a súa duodécima edición este verán. Os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto, a programación do único evento no noroeste peninsular dedicado a este instrumento regresará os espazos máis emblemáticos da localidade coruñesa.
O Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, -e que conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña-, é unha cita impresincible do calendario musical do verán para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. O fío condutor do festival é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda, chegadas de países como Francia, Irlanda, Lituania, Paraguai, Polonia, Senegal ou Ucraína, e por suposto desde o territorio galego: precisamente o Noia Harp Fest é o evento que acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
Outra iniciativa tamén promovida polo Noia Harp Fest, e que neste caso conta co apoio específico do Concello de Noia, é a convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra. A súa terceira edición, aberta até o pasado 23 de decembro a creadoras e creadores de calquera nacionalidade, recibiu un total de 11 propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia.
O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra da man do NHF. Un xurado especializado, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Por último, o tribunal valorará de forma positiva aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. O fallo do xurado terá lugar o 13 de febreiro.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro “SPEECHWRITER”, de PAULO NASEIRO, que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o xoves 30 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas, e contará coas intervencións de Paulo Naseiro, Marisa Barreiro e Chema Felpeto.
Ata hai pouco, apenas se tiñan coñecementos sobre a vida e os costumes das pantasmas. Pensábase que eran ánimas de defuntos que vagaban pola terra penando polas súas culpas. Certamente, son ánimas, e vagan polo mundo adiante, pero non redimíndose. As pantasmas son simplemente as ánimas de todos os defuntos que habitan un mundo paralelo ao noso, formado por miles de millóns de individuos.
Co avance da ciencia, cada vez sabemos máis sobre estes misteriosos seres. Recentemente, científicos da Universidade de Santiago de Compostela (xa se sabe, en Galicia é onde haimáis expertos na materia) estudando o fenómeno da Santa Compaña, descubriron casualmente a existencia dunha especie peculiar de pantasmas: as transpantasmas.
Os mesmos científicos xa descubriran anteriormente que o sistema de goberno polo que se rexen estes espectros é unha monarquía electa. Cada cen anos unha nova raíña, cun poder case absoluto, é elexida por sufraxio universal entre todas as ánimas.
As transpantasmas son pantasmas con todas as características dun humano: comen, beben, cagan, dormen… , pero só teñen unha existencia de trescentos sesenta días. Cada ese tempo, a raíña concede a un número determinado de ánimas a posibilidade de volver a vivir como humanos durante case un ano, cunha excepción: cando se dea o caso, pouco probable, de atoparse cun coñecido, volveranse invisibles para el.
Polo demais, fan vida normal; mesmo poden enfermar e ata morrer. Grazas precisamente a que enferman, sóubose que certos pacientes presentaban no peito esquerdo, á altura do corazón, unha mancha vermella, semellante a un alacrán. Durante moitos anos, mantívose en segredo e foi estudada por prestixiosos doutores que nunca chegaron a unha conclusión clara. Mesmo sospeitaron que puidera tratarse de extraterrestres.
Tivo que ser o equipo da Universidade de Santiago, dirixido pola doutora Avelina Ferreiro Candal, quen descubrira que esa mancha era o distintivo dun tipo de pantasmas, as transpantasmas. A partir de aí, viñeron máis coñecementos, como o da invisibilidade en caso de cruzarse cun coñecido.
É, polo tanto, moi probable, segundo declarou a noite do xoves pasado a doutora Avelina Ferreiro no programa de TV, “Misterios da outra beira”, que xa volvan estar entre nós, ou volvan aparecer en calquera momento, personaxes como Dante ou Picasso, así como outros máis preocupantes, casos de Franco ou o mesmo Führer. Agardemos que, grazas ao labor deste equipo de investigadores, pronto teñamos máis datos e evidencias destes peculiares seres, que ata hai pouco nos eran totalmente descoñecidos.