Este sábado, día 1 de febreiro, ás 19 hrs, a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, organiza unha palestra sobre O PENSAMENTO DE CASTELAO, coincidindo co 75 aniversario do seu falecemento
O escritor e profesor de lingua e literatura galega, Manuel Rei Romeu será o encarregado de tratar o pensamento e a obra de Castelao e a súa significación e importancia naquela altura na sociedade galega, a súa influencia na política galega e a vixencia das súas ideas.
Manuel Rei é un salientábel estudoso no campo da crítica literaria nomeadamente na figura de Castelao, aprofundando na súa obra literaria e na súa actuación política, con ensaios como Arte e verdade. A obra literaria de Daniel Castelao; Castelao e Sempre en Galiza; Afonso Daniel Castelao; Castelao: desta Terra, deste tempo; Volver a Castelao… Alén do intenso labor de divulgación de Castelao, Manuel Rei ten contribuído á clarificación de figuras relevantes como Curros Enríquez, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro…e participado, entre outras, en obras colectivas como Literatura galega: da Idade Media ao século XIX ou a Historia da literatura galega da AS-PG.
A actividade é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
O último sinxelo de XA’LUM, Beiriña, invita ás persoas oíntes a unha viaxe fondamente persoal que mestura a alma do patrimonio galego coa enerxía vangardista do hyperpop. Inspirada na querida canción popular Amoriños Collín, esta peza fusiona maxistralmente o antigo co moderno, creando unha narrativa sonora que se sente tanto intemporal como innovadora.
UNHA VIAXE ÍNTIMA A TRAVES DO SON
Composta e producida integramente por XA’LUM, Beiriña é unha demostración de deseño sonoro innovador e unha homenaxe cultural. A base do tema constrúese sobre os ritmos da vieira, un instrumento tradicional galego feito con cunchas mariñas. Golpeando e frotando as cunchas, XA’LUM crea unha textura percusiva orgánica que serve como ponte cara ao mundo electrónico. Sintetizadores inspirados no hyperpop e capas sonoras intrincadas mestúranse perfectamente na pista, creando unha fascinante interacción entre tradición e modernidade.
A paisaxe sonora de Beiriña cativa coa súa dinámica mestura de texturas. Voces etéreas flotan sobre sintetizadores exuberantes e percusións orgánicas, resultando nunha atmosfera simultaneamente emocional e experimental. A atención ao detalle tanto nos arranxos instrumentais como vocais eleva a peza, amosando a habilidade de XA’LUM para crear unha experiencia auditiva verdadeiramente única.
NARRATIVA VISUAL EN ‘BEIRIÑA’
Os visuais que acompañan a Beiriña son tan impactantes como a canción mesma, funcionando como unha carta de amor á esplendorosa natureza de Galicia. Gravado en localizacións icónicas como a Mariña Lucense, Viveiro e A Cova da Doncela, o vídeo captura a beleza rústica da costa atlántica. A combinación de terra, mar e ceo reflicte os temas de unidade e transformación da canción. No centro da narrativa visual atópase un vestido feito a medida e inspirado no espírito indómito do Atlántico. A prenda, adornada con texturas e tons que lembran as ondas do océano e as paisaxes costeiras, convértese nunha peza de arte en movemento que encarna a esencia da canción. Mentres XA’LUM actúa entre covas mariñas e costas batidas polo vento, o vestido reforza a conexión entre a artista e o seu entorno.
A danza desempeña un papel fundamental na narrativa, con movementos que evocan o fluxo e reflujo do océano. A coreografía, combinada co escenario evocador, transforma o vídeo nun cadro vivo de fondura cultural e emocional.
UNHA EXPLORACIÓN PERSOAL E CULTURAL
Na súa esencia, Beiriña é unha exploración da identidade a través do son e a historia. Ao inspirarse en Amoriños Collín, XA’LUM revisita temas de amor, anhelo e memoria, incorporándoos nun contexto contemporáneo. Esta mestura do antigo e o novo resalta a misión da artista de preservar o patrimonio cultural mentres o fai resoar cunha audiencia moderna. Cada nota de Beiriña está impregnada de sinceridade, ofrecendo un vistazo á alma artística de XA’LUM. A instrumentación en capas reflicte as complexidades da experiencia persoal, mentres que as súa voces transmiten unha resonancia emocional universal. Ao combinar o íntimo co épico, XA’LUM crea unha peza fondamente arraigada na súa identidade pero universalmente relatable. Con Beiriña, XA’LUM invita ás persoas oíntes a experimentar a riqueza da cultura galega mentres reflexionan sobre as súas propias conexións co lugar e a tradición. É unha canción que transcende o idioma e a xeografía, creando un profundo vínculo coa súa audiencia.
SOBRE XA’LUM
XA’LUM é unha artista visionaria cuxo traballo pecha a fenda entre tradición e innovación. Nacida e criada en Galicia, XA’LUM sempre atopou inspiración na rica herdanza cultural da rexán, tecendo as súa melodías, instrumentos e ritmos nun contexto moderno e experimental. O seu camiño creativo comezou cun profundo amor pola música e unha misión de levar os sons galegos a unha audiencia global.
XA’LUM acadou recoñecemento pola súa capacidade única de mesturar elementos tradicionais con paisaxes sonoras hipermodernas. Este enfoque distintivo valeulle eloxios en importantes festivais de música e espectáculos, incluíndo Atardecer no Gaiás na Cidade da Cultura de Galicia. O seu traballo foi destacado en publicacións e plataformas prominentes, consolidando a súa reputación como pioneira na escena musical contemporánea.
Logros destacados:
Actuacións no programa Lúar emitido pola TVG.
Inclusión no periódico La Voz de Galicia e na playlist Wanderlust Vision.
Colaboracións con El Speaker.
Eloxios polo seu innovador uso de instrumentos galegos como a vieira en composicións modernas.
Co compromiso de expandir os límites creativos, XA’LUM establecéuse como unha voz audaz e auténtica no panorama musical actual, inspirando ao público coa súa habilidade para conectar o pasado e o futuro a través do son.
No concerto, que será este sábado, 1 de febreiro, ás 21.30 horas, ABDL estará acompañada de artistas como De Vacas ou Tomé Mouriño, entre outros
‘Lovismo’ é o quinto disco d’A banda da Loba e supón o regreso do grupo logo dun ano afastado dos escenarios
Aínda quedan entradas para o concerto e pódense adquirir na web salacapitol.com
Faltan apenas uns días para descubrir como soan en directo os once temas que compoñen Lovismo, o novo disco d’A banda da Loba, ABDL. A cita será este sábado, 1 de febreiro, ás 21.30 horas, na Sala Capitol de Santiago de Compostela e as entradas pódense adquirir na web salacapitol.com.
O concerto de presentación de Lovismo promete ser nunha auténtica festa na que non faltarán algúns dos artistas que colaboran no traballo: De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco. Trátase, ademais, dun evento aberto aos menores de 16 anos, xa que poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable sendo indispensable presentar o DNI.
Lovismo supón o regreso de ABDL aos escenarios logo dun ano lonxe deles para materializar este traballo, o quinto do grupo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL.
ABDL
A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volven aos escenarios con Lovismo.
Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
ACREDITACIÓNS PRENSA | CONCERTO PRESENTACIÓN ‘LOVISMO’ de ABDL
Solicitude de acreditacións: até ás 14 horas do xoves 30 de xaneiro
O colectivo publicará este venres, 31 de xaneiro, o cuarto avance do álbum, un tema hiper-pop titulado ‘ondas sonoras de xúpiter (24/7)’ que aborda a fase inicial do namoramento e no que renden homenaxe a Lola Flores
O álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional xa ten data de estrea. O vindeiro 14 de febreiro de amor,que así se titula o novo traballo discográfico, verá a luz nas principais plataformas dixitais. A estrea do disco nesa data non é unha cuestión baladí: tal e como resaca emocional avanzou estes meses, este LP, ateigado do xa característico son pop electrónico do colectivo, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.
Antes da estrea o vindeiro 14 de febreiro, resaca emocional publicará o 31 de xaneiro, ondas sonoras de xúpiter (24/7), o cuarto e último adianto do disco, unha peza na que abordan a primeira fase do namoramento. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas do venres nas principais plataformas dixitais e no que colabora JUANA, é unha canción ‘hiper-pop’ que se mestura con pinceladas ‘lo-fi’, xéneros contemporáneos cos que RSK non dubida en botar unha ollada cara atrás para render homenaxe a Lola Flores e citar o seu mítico verso “siempre a la verita tuya”. O lanzamento acompañarase dun videoclip que estará dispoñible (tamén desde o 31) na canle oficial de Youtube de resaca emocional.
O cuarto sinxelo do LP de amor afonda no universo emocional de RSK. Tras bolboretas, unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse; mario crush, tema que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; e sae o sol, que aborda o nacemento dunha relación afectiva; agora chega ondas sonoras de xúpiter (24/7), unha canción que aborda a “obsesión” da primera fase do namoramento, “que nace case coma unha adicción na que estás prendado as 24 horas e os 7 días da semana”.
Que é resaca emocional?
resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde.
As entradas para asistir á cita, que contará con artistas convidadas, estarán dispoñibles a partir das 12.00 horas do xoves 30 en www.salacapitol.com
De Ninghures vai de Feira, e de foliada, á Sala Capitol. O vindeiro 13 de marzo, a banda convidará ao público a sacar puntos raros e todos os que lle presten para presentar no mítico recinto compostelán o seu novo traballo discográfico, Feira, que verá a luz nas vindeiras semanas. As entradas para asistir á cita, na que a formación subirá ao escenario a diversas artistas convidadas, sairán á venda o xoves 30, ás 12.00 horas, na páxina web www.salacapitol.com. O prezo a través desta plataforma será de 15 euros (más gastos de xestión), mentres que na billeteira será 18 euros.
Logo de presentar nas últimas semanas Corazón Alionado, A BurriñaeO Último Baile -os primeiros adiantos do seu novo LP, producido polo recoñecido Juan De Dios-, De Ninghures prepara o traxe e os allos para celebrar unha festa que, a ollos da banda, será irrepetible, pois estará ateigada de sorpresas. O día 13 de marzo o público asistente poderá bailar e descubrir ao vivo os temas que conforman unha Feira que, ademais de nomear o traballo, impregna o universo simbólico do álbum.
Porén, antes da presentación en Santiago de Compostela, De Ninghures contará con outras dúas citas sobre os escenarios. Primeiro visitará Narón o sábado 1 de febreiro para participar na gala Youtubeiras+ e, vinte días despois, o grupo aterrará en Bruxelas, xa que a formación será parte do cartel do festival Emigrason canda Fillas de Cassandra, Tanxugueiras e Terbutalina.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, nos primeiros meses de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado, A BurriñaeO Último Baile.