por Suso De Lameliña | Ago 3, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
OS ZAPATOS DE MARTIÑA
Shoes transform your body language and attitude. They lift you
physically and emotionally.
Christian Louboutin
Give a girl the right shoes, and she can conquer the world.
Marilyn Monroe
Os motivos polos que un se namora son tan variados como misteriosos. Non hai unha explicación lóxica para ese estado emocional. Cando vin por primeira vez a Martiña, o que me deixou sen alento non foi o seu físico nin a súa beleza, senón os seus zapatos, que acabarían converténdose no meu obxecto de desexo. Eran uns zapatos vermellos, brillantes, que reflectían a luz coma se tivesen vida propia. Iso foi a sensación que me deu, cando sentado na Cafetería Metropol, tomando un café, a vin entrar e arrimarse á barra, xusto fronte a min.
Durante un bo anaco, non puiden apartar a mirada daqueles elegantes zapatos que irradiaban unha enerxía especial, cativándome ao instante. A miña ollada foi ascendendo lentamente: unhas fermosas e longas pernas morenas deixábanse ver, culminando nun pantalón curto negro e unha blusa branca axustada, que deixaba entrever uns belos peitos. O seu rostro, con beizos delicados e ollos grandes e escuros, estaba enmarcado por unha cabeleira curta, estilo “garçon”, que poñía a guinda a aquel belido corpo.
De súpeto, dinme conta que ela estaba observándome fixamente. Baixei a mirada novamente aos zapatos e, por un intre, desexei fuxir de alí. Rematei de tomar o café, que quedara interrompido coa súa chegada e nada máis acabar escoitei unha suave voz que tras saudarme, murmurou:
—Parece que che gustan os meus zapatos. Se queres regálochos. Pero claro, tesme ti que agasallar cos teus, que por certo son ben fermosos.
“Fermosos, se son uns zapatos normais que merquei hai tres semanas na feira dos mércores e nin tan sequera esta mañá lles din lustre”, pensei. Mentres reflexionaba isto, observei con abraio como se sacaba os zapatos e mos ofrecía. Non me quedou máis remedio que facer o mesmo e intercambialos. Sorprendentemente, calzabamos o mesmo número. Quedei mirando para os meus zapatos, agora nos pés dela, e volvín sentir a mesma sensación que tivera cando chegou cos seus. A atracción non viña dos zapatos en si, senón do xeito, estilo, ou como se queira chamar, de usalos.
Sentouse ao meu carón e pediu unha cervexa. Comezamos a falar e souben que algo especial estaba abrollando naquel encontro. Pero no momento máis álxido da conversa, apareceu el e, dirixíndose cun “Ola, Martiña”, deulle un prolongado bico nos beizos. Pensei que o galanteo tocara ao seu fin. Que equivocado estaba. Tras darlle o beixo e, cando estaba agachándose para se sentar, decatouse do intercambio de calzado. Recuou no seu propósito e sen máis deu media volta e saíu do bar, medio murmurando: “Eu aquí non pinto nada”.
Logo viría todo un verán e parte do outono dun intenso e fogoso amor. Por suposto, ela cos meus zapatos; eu cos vermellos. Cambiabamos de roupa, pero xamais de zapatos, malia as burlas ás que eramos sometidos, principalmente eu cando me vían con aquel calzado de medio tacón vermello brillante. Pero, como todo ten o seu fin, unha tarde ao chegar á casa, onde levabamos máis de tres meses vivindo, ela estaba agardándome coa maleta feita. Dinme conta de que o noso rematara, algo que xa intuía pola súa actitude durante as dúas últimas semanas. Apenas houbo palabras. Limitouse a ofrecerme os zapatos. Eu fixen o mesmo e, tras o intercambio, saíu pola porta. Mentres se marchaba, volvín quedar engaiolado cos seus zapatos, pero agora dinme conta de que non só eran eles a causa da atracción, senón tamén aquel corpo delicado e fermoso que, no seu movemento, irradiaba un halo de paixón e misterio.
por Miguel Díaz | Jul 18, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Henko, Literaria, Outras Artes, Xeral
HENKO
Miguel Díaz
Título: O PETO
Eles, alleos, os outros, na súa estendida indiferenza, non queren abrazarme nin ferirme. Pero desde a inconsciencia achegan a min os seus coitelos afiados, abrindo brecha nova ou furgando na vella. E sei que, cando o tallo é grande, cicatriz só é outro xeito de nomear a ferida.
Mais non o fan á mantenta. Ignoran. Simplemente non consideran o escenario no que, de cando en vez, son vulnerable.
Simplemente non saben que aínda latexa o teu poema no peto do pantalón do meu cadáver.
por Suso De Lameliña | Jul 18, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
AFORISMOS
MUSAS
Esas deusas promiscuas que cando estás en celo non se deixan ver.
NUBES
O ceo sería como un lenzo baleiro se non fose polas nubes, cambiantes e caprichosas.
PRIMEIRA VEZ
As nosas vidas están cheas de primeiras veces. A súa ausencia é a antesala da morte.
MALAS COMPAÑÍAS
Cómpre elixir ben as malas compañías. O éxito ou o fracaso nesta vida depende desta decisión.
FILÓSOFOS
Se de alguén hai que desconfiar é dos filósofos. Cando menos o agardas sacan a munición oculta na gabeta. E dio alguén que conta a filósofos entre os seus mellores amigos.
PANTASMAS
O que máis me anoxa das pantasmas é o seu aire de superioridade, sempre mirándote por riba do ombreiro e sen dirixirche nunca a palabra.
POETAS
Os poetas son como as abellas: van de flor en flor á procura de inspiración.
por Patricia Torrado Queiruga | Jul 5, 2024 | Autores/as, Colaboracións, Creación, DEMIURXIA, Literaria, Xeral
DEMIURXIA
Patricia Torrado Queiruga
Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?
Podería ser un anuncio por palabras nunha páxina de diario de tiraxe nacional.
Ás veces unha non ten máis que tomar distancia, ou non, para ver se as cousas arrefrían, por ver se se mitiga a vea crítica, pero… hai cousas das que se non se fala é como se non acontecesen e hai que falar, ou polo menos, escribir.
A dous días do 8M, un centro catalán, que recibe subvencións galegas, rulaba a seguinte mensaxe de mans dunha muller: “Bo día, coñeces a algunha escritora nova que queira vir facer Sant Jordi a Barcelona, pagando ela o desprazamento e nós pagamos unha noite de hostal? Poderá vender libros nas Ramblas, diante do Centro Galego o día de Sant Jordi. Confirma”.
Vale, partamos de que o “convite” vén dunha persoa en particular, que está curiosamente na directiva do centro, e digo eu, non é alguén que representa a toda a entidade?
A nova pescounos co pé cambiado, as mans na cabeza e unha morea de improperios no bico. Era posible tal mensaxe? Era posible tal atropelo, tal fachenda á hora de expor un método de explotación e que esa mensaxe levase palabras como “escritorA” e “novA”? Que se supón, que as escritoras novas non comen, non teñen facturas que pagar, que, ademáis de cobrar con sorte un 10% das vendas das súas obras, teñen que ir vendelas de sol a sol, teñen que pagar as súas dietas noutra comunidade cando queren promocionar a súa obra e, por riba, teñen que dar grazas de que lle poñan un cuarto nunha pensión?
Fagamos contas: un voo ida e volta a Barcelona a poucas semanas de Sant Jordi, máis transporte, máis dietas, máis grazas que che van poñer unha mesa para que vendas os teus libros, máis carrexa os teus libros a poucos que queiras vender, máis grazas que che poñen unha cadeira tamén, e con sorte un parasol= vendiches cinco libros, dos que carrexaches trinta, mellor dito, dos que facturaches trinta porque a pouco que pesen e a pouco que levases, non van en equipaxe de man, ale! Máis gastos! E os billetes 180€, a manduca 50€, e o que lle gañaches aos libros,… con sorte 10€. Se vives en Barcelona, pois igual non che importaría ir, pero se tes que ir dende Galiza, pois case que mellor que quedes na casa, non? Onde queda o prestixio como autoras, onde queda o prestixio do sistema literario galego? Nós faríamoslle iso a unha escritora catalá? Diríamoslle vén pola cara, vas poñer ti o material, o traballo e o transporte, nós pagámosche unha noite no hostal máis achegado ao concello que propablemente nos custe uns 50€ sen almorzo? Non, verdade, pois igual de ridículo e obsceno soa que sexa do revés. Preguntemos por aí, canto cobran xs autorxs que veñen ao Poetas Dinversos da Coruña? Ou veñen polo caldo? Coido que non.
Poñamos tamén negro sobre branco, segundo a resolución do 2 de novembro de 2023 a Secretaría Xeral da Emigración resolvía que se lle concedera entre outras entidades ao Centro Galego de Barcelona 9855€ en calidade de axuda para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural. É pois a literatura galega un patrimonio cultural ou non o é? De selo, a ver se se vai notando un pouco en que se gastan os nosos cartos.
Se a isto lle sumamos que as axudas de mans da Xunta de Galicia á edición en galego e ao sector literario en xeral son exiguas ou case inexistentes, diremos que somos resistencia malia a todo, pero unha cousa é ser resistencia e outra moi diferente é transixir coa explotación.
por Suso De Lameliña | Jul 5, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
DE ENTERROS E CABODANOS
Confeso que as misas non son santo da miña devoción. Xa me chagaron os anos da nenez e puberdade para doparme de lecturas apostólicas, oracións e sacramentos. Actualmente só asisto en circunstancias excepcionais, por compromiso social, xeralmente funerais.
As liturxias de hoxe non son coma as de antes; unha hora de duración xa non é a norma. Hai misas que apenas duran dez minutos, como se o crego ansiase rematala tan pronto se santigua. Este breve tempo aprovéitoo para abstraerme e pensar en asuntos persoais. Non é a miña intención ser irrespetuoso, pero é habitual que os meus pensamentos se dirixan a temas máis terreais, como pode ser o sexo (o pecado da carne, segundo eles), se cadra como reacción subconsciente a restricións, outrora impostas.
Non obstante, hai tres excepcións, nos que retorno á realidade para concentrarme na cerimonia. O primeiro cando o párroco pronuncia unhas palabras que hoxe en día dificilmente se podían cualificar de sermón. Sempre resulta interesante descubrir as intencións do mensaxeiro divino.
O segundo o intercambio de paz, no que por cortesía retorno do meu mundo luxurioso e comezo a saudar “a todo deus”, nunca mellor dito.
Finalmente, durante a comuñón. Aparto da mente aquela moza que estaba tan boa e que coñecín na “Tasca”, na rúa da Cruz e trasládome a unha tribu africana, por iso do canibalismo e de comer o corpo de Cristo. Por certo, daquela moza que estaba tan boa cheguei a namorarme, pero por desgraza nunca me fixo ningún caso.
E co desexo de que marchemos en paz por parte do señor cura saio ao atrio saudar amigas e amigos, case sempre rematando por tomar algo no bar de costume. E ata o próximo enterro ou cabodano no que, vai saber ti,que figura etérea do pasado fará acto de presenza, a ben seguro desprovista de saba.
por Suso De Lameliña | Jun 21, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O LOBISHOME DE CERVANTES
Conta a lenda que vai tempo,
polas terras de Cervantes,
un lobishome arnal
grandes estragos facía.
Moitos años e carneiros
levaba xa degolado,
mais ninguén era capaz
de a vista botarlle encima.
Por aquel entón moraba,
nunha aldea das montañas,
desta bisbarra ancaresa,
un home de gran carácter.
Ía xa para ben tempo
que o fillo deste veciño
da súa aldea faltaba,
ninguén sabía o por que.
Estaba o pai preocupado,
razón non daba do caso,
ata que un día lembrouse
dunha maldición pasada.
Conta a xente da contorna
que a historia que sucedeu,
máis ou menos veu a ser,
a que aquí vos participo.
O home de quen falamos,
como xa dixen denantes,
era xoto de carácter,
enrabechaba por todo.
Era un mozallón o fillo,
bo rapaz, traballador,
a quen lle gustaba a festa
para as nenas cortexar.
Cada cousa a seu tempo,
era a opinión do mancebo,
mais o pai non concordaba
con este dito e rifaban.
Un día o enfrontamento
alcanzou cotas maiores.
Á festa de Pedrafita
o mozo arelaba ir.
O pai teimaba que había
unha queima que facer,
o fillo que era pecado,
en festivo traballar.
Ninguén quería ceder,
pai e fillo se enlearon
nunha forte discusión.
Exaltado o vello dixo:
-Vaite, vaite para festa,
e permita Deus que andes
atrás das lobas, o mesmo,
coma tras das mozas vas”
Nunca tal dixera o home!
Pasadas xa unhas noites,
desacougado o rapaz,
cara o monte colleu rumbo.
En chegando a un lamazal
envorcallouse na herba,
polo orballo humedecida.
Creto non daba do feito.
Cando tratou de se erguer,
xa non o puido facer,
e a catro pés a correr,
presto botou para o cume.
O pai co paso do tempo
lembrouse da maldición
e a unha que por meiga tiñan,
decidiu ir consultar.
Moi mal lle prestou á vella
o que lle fixera ao mozo,
non hai peor maleficio
que o dun pai para o seu fillo.
-Non se pode maldicir
xamais o teu propio sangue.
Sangue lle has de facer
pero sen dano causar.
Isto foi o que a bruxa,
severa, lle dixo ao vello,
este moi meditabundo
para a casa se marchou.
Polo camiño acordou,
que ao monte debía ir
na mesma noite seguinte
sen máis tempo que perder.
Armado cun bo coitelo,
levou consigo un rexelo,
na procura daquel lobo
no que o fillo se volvera.
A carón dunha toxeira
atou o coitado año,
agochándose entre as uces,
a faca, xa preparada.
A media noite o rexelo
comezou a estarrecer,
era o lobo que chegaba
a trabar en carne mol.
En vendo isto, o ancián,
virándose cara o lobo,
no lombo espetoulle o ferro;
grande cortada lle fixo.
Ao colo, botoulle os brazos,
exclamando – Fillo, fillo!
e pedíndolle perdón.
Moito salaiaba o vello!
Entón o pelexo do lobo
pola ferida se abriu,
desprendéndose do corpo
coma se for un folecho.
Tras unha sacudidiña
e un enlamarse entre as uces,
por fin de novo o rapaz
recuperou o seu ser.
Desta maneira remata
a historia do lobishome,
non sei o que hai de certo,
a min así mo contaron.