Andanzas do Suso de Lameliña. FONTE DO TRABAO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

FONTE DO TRABAO

Agardabamos a chegada do mestre, que desde Bolaño, cansado e esgotado pola subida do Bulleiro e a calor que xa comezaba apertar naqueles días de finais de primavera, para, segundo o víamos asomar pola Ferrería, correr cara a el e pedirlle ir beber á fonte do Trabao.

O Trabao estaba a uns trescentos metros. Era unha desculpa perfecta, ir botar uns grolos de auga fresca, para así perder media tarde de aulas. O mestre, amosando certa desconformidade, pero no fondo cedendo de bo grado, dábanos permiso: “Ide logo, pero vide pronto, que hoxe temos que dar a lección das cordilleiras de España”.

Marchabamos, sen présa, perdendo o tempo collendo bolboretas, tomando na man unha xoaniña para logo deixala voar, ou se cadraba un caracol, para cantarlle aquilo de: “caracol, col, col, saca tus cuernos al sol, que tu padre y tu madre ya los  sacó”… Así ata chegar ao seu carón. Seis pasos de baixada e alí estaban os tres canos manando auga continuamente, nunca a lembro seca. Sempre bebíamos polo cano que quedaba á nosa esquerda segundo baixabamos; o do medio era o máis groso, pero atestado de mofo que lle colgaba coma se fose un fío de la ( dábanos moito noxo polo que non bebiamos por el);  o terceiro apenas botaba auga.

Tras beber aquela fresca e gorentosa auga —aínda hoxe ao lembrar aquel pracenteiro líquido, que ao mesmo tempo nos servía para refrescarnos e quitarnos de enriba a suor, fáiseme a boca auga, nunca mellor dito— regresabamos coa mesma pachorra coa que ía case media hora viñeramos.  Aló ía a lección de xeografía e o normal era pasar a algunha actividades das de formación do espírito ou conmemorativas; sempre había algo que conmemorar relativo a algún santo, algunha virxe, algún acontecemento ou exaltación patriótica…

Pero a fonte do Trabao non só era para zafarse das tarefas arduas das tardes calorosas. Todos os días e, máis dunha vez, era mester visitala para traer a sella chea de auga para beber ou algún caldeiro para lavar a louza e, por suposto, para encher o barreño e lavarnos.

Sen contar os momentos, que pasando por diante dela, baixaba botar un grolo. Coma aquel día que vindo da casa de Carreira, no barrio de Tarrío, cunha botella de leite na man,  non sei coma fixen que caín de fociños escaleiras abaixo; aló fomos botella e máis eu, producíndome unha ferida, da que aínda conservo a lembranza en forma de corte no brazo esquerdo.

No libro “O silencio do orballo”, adícolle un poema a esta emblemática fonte da vila de Castroverde.

INFANCIA

A miña infancia é unha fonte

ao pé da casa do Coche,

unha fonte de tres canos

que lle chaman do Trabao.

A miña infancia é unha escola

que agora xa non existe,

unha escola, un vello mestre

que aló pola primavera

en tardes moi calorosas

beber auga do Trabao

nos deixaba de bo grado.

A miña infancia son tres canos,

un mestre que xa se foi,

un poema de Machado

recitado de memoria:

“Una tarde parda y fría

de invierno. Los colegiales

estudian. Monotonía

de lluvia tras los cristales”

Andanzas do Suso de Lameliña. O PILOTO DE IBERIA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O PILOTO DE IBERIA

Antón de Abeledo é piloto de Iberia, ou polo menos é o que el di. A verdade que neste caso o hábito non fai o monxe, porque quen o vexa, non diría que se trata dun piloto. O seu xeito de vestir e a súas maneiras son máis ben as dun paisano calquera da vila.

— Antón ven tomar un viño, ho!

— Non podo, non podo, teño moita présa, dentro dun bocado marcho camín de Santiago que me sae o avión para París.

A Antón gústalle facer gala da súa profesión e de darse moita importancia. Comenta,  que cando vai pilotando só atende as chamadas da súa nai, de aí que precise dun bo celular. Tamén nos di, que coma é o xefe da tripulación, pode fumar sen problema, algo que non lles consinte aos outros membros. Coas cabichas non hai problema, cando remata, abre a xanela e aló van, polo espacio adiante.

O de Abeledo, á parte de ser piloto é un home que entende de todo, desde criar porcos de ceba ata facer mobles de cociña. Dá gusto falar con el, problema que teñas, problema que che resolve.

Do que non entende moito é de móbiles. O outro día estaba eu nunha tenda da vila para arranxar uns duplicados de chaves que non saíran ben e apareceu todo anoxado cun móbil na man e rifando coa empregada:

—Vaia móbil me deches, compreino onte e xa non me funciona e bensabes que o necesito para as viaxes. Esta noite, por certo, marcho para Buenos Aires.

O móbil malamente podía funcionar, estaba apagado, comentoume a dona ao día seguinte.

Mentres dicía isto, observaba coma a rapaza pulía as chaves e claro, tivo que dar a súa opinión:

— Non o estás a facer ben, tes que darlle máis pola punta e entre os dentes. Dimo a min que fixen miles e miles delas. Antes de ser piloto traballei de cerralleiro.

Eu con isto, xa me quedei tranquilo, ben sabía que a cousa ía saír ben e así foi cando cheguei á casa a chave ía de marabilla; penso que mellor ca se fose nova.

E que onde hai entendidos…

  Suso de Lameliña

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Lo que hay

Autor: Sara Torres

Editorial: Penguin Random House

Ano de publicación: 2022

Comezo a ler esta novela tras as recomendacións dalgunhas amizades. Non coñeces a Sara Torres? Non –digo con certa vergoña infantil-. Leopausadamente mentres deixo atrás a miña casa para pasar uns días de descanso polo sur. Resulta curioso a sincronía que se produce entre a propia viaxe e a da narrativa, que tamén está marcada por idas e voltas a diferentes lugares. 

É fácil mergullarse en Lo que hay. Existe ese algo que nos permite conectar, desde un principio, cunha historia que recende, por veces, a poesía –así a todo, a autora posúe unha ampla traxectoria como poeta-.

Gústanme os libros que rompen ou disolven realidades cotiás con certa delicadeza, coma unha brisa imprevista que empurra unha copa e faina desaparecer en po cristalino. Este lógrao sen caer no xuízo gratuíto. Simple ou ousadamente cuestiona os moldes desde os que se asentan as nosas relacións, as condicións que establecemos nelas, abrindo, asemade, unha fenda que merece ser transitada. 

Eu diría que é un libro do corpo, que chega profundamente porque o sentimos na propia pel. Sentimos a dor da perda coma unha lousa nas costas, mais tamén o desexo inminente en forma de remuíño sobre o ventre espido.Pasamos, así, de estadios de baleiro a plenitude coa naturalidade que esixe un corpo afastado de convencionalismos. 

Lo que hay é, sen dúbida, un convite á vida, que non agarda, que está a suceder mentres pretendemos aferrarnos a un absurdo control de amores e emocións. Lede a Sara Torres, que nos di “la herida me avala, lo que doy es total”.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CINZA

Miguel Díaz, CINZA

Espertar da caricia e que o soño se dilúa malferindo, na clarexa afiada. A realidade devoradora escribindo ausencia en cada parede. As chamas en tropel, insaciables na súa violencia anuladora. Velar fóra, co fume cravado nos ollos. Buscar as chaves no peto e atopar cinza. Atopar a indiferenza da cinza.

E saber, desde o fondo das entrañas, que é preciso dar, de novo, o paso máis afanoso. A reconstrución da esperanza. A reforestación do amado. Da man da terra, que aínda teima en gorecer porvir. E deixar, unha vez máis, que sexa o corazón o que soñe. Que soñe coa semente no ventre do monte e que, esperto, a procure. Unha vez máis e, a pesar de todo, que a procure.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Invólucro

No repouso, atopar un lugar para o agocho e escoller chamarlle silencio. Sentir a frialdade espiñenta da apatía. O desinterese pétreo que estanca a auga. A mirada baleira da cúpula. O peso da man que xa non se estende na procura. O soño deshabitado.

Ser conquistados por unha avalancha de bisontes vacuos e non desexar xa o recendo húmido de ningún acorde.

Andanzas do Suso de Lameliña. A DAMA E A OLIVEIRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A DAMA E A OLIVEIRA

Adolfo de Engracia, un mariñeiro moi dado a lendas e historias de bruxas, trasnos, mouras… e do que xa falei outras veces, era unha auténtica enciclopedia neste mundo da mitoloxía celta. Debido  ao seu oficio no mar, moitos dos seus contos, aínda que pasados pola peneira das nosas crenzas, tiñan unha grande influencia irlandesa, coma é a historia que a continuación vou contar.

Isto sucedeu hai máis de dez séculos nunha aldea do Courel. A muller dunha familia que traballaba para un grande señor de soga e coitelo, ficou preñada. Cando chegou a hora de parir, chamaron á parteira, que ao mesmo tempo era bruxa, para atendela no parto; unha fermosa nena foi o resultado, tal era a sua beleza que a bruxa quedou impresionada ao vela.

Colleuna nos seus brazos e despois de examinala detidamente dixo: “Esta muller terá unha moi longa, moi longa, vida. Non será inmortal, porque entón sería unha deusa, pero ha de durar centos e centos de anos”. E sacando da faltriqueira, unha pequena oliveira continuou a dicir: “Agora mesmo, que o teu marido plante esta oliveira, á entrada da casa. A túa filla vai vivir ata que esta árbore morra ou alguén a talle”. Xa se sabe que esta especie de árbore perenne son moi lonxevos. É normal que pasen de mil anos, incluso algúns poden chegar a durar tres mil.

A nena foi medrando e a súa beleza chamando a atención de todos os nobres da bisbarra. Así foi que casou co fillo do señor a quen servían os seus pais. Mais,  este morreu e ela seguía xove e fermosa. O seguinte esposo foi o fillo dun fidalgo dunha aldea próxima a súa. Asi, casoiro tras casoiro ata ter sete maridos, todos eles de clase podente. E non precisamente matrimonios efémeros, a maioría pasaron dos trinta anos. 

A dama, belida e aposta coma cando tiña dezaseis anos, xa pasaba dos douscentos e comezaba a resultar un problema para a igrexa, que non vía con bos ollos cunha muller durase tanto e sobre todo que casase tantas veces. Pero o caso é que a oliveira seguía cada vez máis galana e o que aínda lle agardaba se alguén non o remediaba, polo que había dama para tempo.

A única sabedora do motivo da súa lonxevidade era a propia interesada, xa que llo dixera moi en segredo a súa nai. Un día presentouse na súa casa, por aquel entón unha Casa Grande, próxima a Seoane, o señor bispo da diocese de Lugo, para falar con ela:

—Mira, isto non pode continuar así, a túa vida estase a converter nun auténtico escándalo de consecuencias imprevisibles. Non podes seguir vivindo por máis tempo. Non sei se es unha bruxa ou que, pero isto ten que rematar.

—Señor bispo, voulle ser sincera. A culpa non é miña. Eu non podo facer nada, nin sequera suicidarme. Tenme que matar alguén, pero dun xeito especial e ao mesmo tempo sinxelo, basta con tallar a oliveira que hai diante da casa onde nacín. E abofé, que o agradecería, pois xa estou cansa de vivir. O meu marido xa vai vello e está moi enfermo, pronto morrerá, e xa non desexo casar máis veces  — respondeulle a fermosa dama.

Deixaron pasar unha semana e, unha tarde de finais de outubro, ante a presencia do señor bispo e todos os cregos da comarca, un afamado leñador botou a oliveira abaixo. Ao mesmo tempo na Casa Grande,unha fermosa xove de máis de douscentos anos, entregaba a alma a Deus.

Suso de Lameliña