O CONCERTO TERÁ LUGAR O PRÓXIMO SÁBADO 24 DE OUTUBRO NA HISTÓRICA SALA COMPOSTELÁ
AS ENTRADAS SAIRÁN Á VENDA O PRÓXIMO MÉRCORES 11 DE FEBREIRO EN ENTERTICKET.ES
Hugo Guezeta culmina a súa etapa de O Noso Tempo cun concerto especial de fin de xira que terá lugar na sala Capitol de Santiago de Compostela o próximo 24 de outubro. Unha noite única na que o rapeiro contará con moitas sorpresas e bandas convidadas que se irán desvelando proximamente. O concerto adquire un matiz moi especial se temos en conta que a sala Capitol foi a encargada de ver despedirse á súa anterior banda, SonDaRúa, cun sold out que espera repetir neste 2026 en solitario. As entradas sairán á venda o próximo mércores 11 de febreiro en enterticket.es.
Tras o lanzamento do seu primeiro disco de longa duración en solitario, O Noso Tempo, así como sinxelos posteriores que foron collendo peso na súa nova etapa, como Equilibrar xunto a Guadi Galego, Crise xunto a Vimbio e revivindo o espírito de SonDaRúa, ou 100 Frases; Hugo pon a guinda perfecta a esta etapa, celebrando en Santiago, co seu público, todas as alegrías e éxitos recollidos co seu primeiro disco de longa duración.
Tras case dous anos de andaina con O Noso Tempo, Hugo culmina unha xira de presentación por salas que acumulou diversos sold outs e o paso por festivais da talla de Revenidas, A Candeloria, Millo Verde ou Murallón de Son, entre moitos outros. Unha chea de concertos que o impulsaron ata a posición de ser un dos grandes referentes das escena urbana galega na actualidade. Con isto, o rapeiro pon punto e seguido a un proxecto cun presente exitoso e un futuro prometedor, voltando ao estudo para traballar nos seus seguintes traballos.

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula máis de medio millón de reproducións en plataformas dende a súa publicación, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con sendos concertos esgotando entradas, Hugo remata a súa xira O Noso Tempo cun concerto exclusivo na sala Capitol, onde xa deixou constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo a festivais da talla de Revenidas, A Candeloria, Festigal ou Millo Verde, así como na súa colaboración con algúns dos maiores representantes da música galega, como Guadi Galego ou Dakidarría. Co premio a Mellor Videoclip no Festival Internacional de Curtametraxes XOCIVIGA, reafirma que, sen dúbidas, Hugo Guezeta é un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano actual.
