O ESPECTÁCULO ONÍRICOS E OUTROS DELIRIOS TERÁ LUGAR O 13 E 14 DE NOVEMBRO NO CAFÉ AURIENSE (OURENSE) E O 3 E 4 DE DECEMBRO NA SALA RIQUELA (SANTIAGO DE COMPOSTELA)
AS ENTRADAS SAIRÁN Á VENDA MAÑÁ VENRES 2 DE OUTUBRO ÁS 12:00H EN ENTERTICKET.ES, BAIXO UN AFORO MOI REDUCIDO
Baixo o nome de Oníricos e outros delirios, Guadi Galego volta ás salas pequenas para propoñer unha experiencia na que recuperar a conexión e proximidade co público será o eixo central do espectáculo. A cantante presenta catro concertos íntimos en formato trío nos que interpretará as cancións de Pélago. Contos oníricos, o seu último disco, xunto con algúns dos seus grandes éxitos e temas que nunca interpretou en directo. Tras o éxito do seu concerto de fin de xira na sala Capitol o pasado ano, a artista galega propón unha experiencia exclusiva que só se poderá desfrutar o 13 e 14 de novembro na sala Auriense de Ourense e o 3 e 4 de decembro na sala Riquela de Santiago de Compostela. As entradas á venda sairán mañá venres 2 de outubro ás 12:00h en enterticket.es.
Oníricos e outros delirios nace da necesidade de Guadi de poñer en valor o directo, poñendo ao público no centro da conexión entre a súa música e ela. Estes catro concertos están concibidos como unha experiencia íntima na que poder sentir de preto e achegarse ao xerme da música da cantante, nunha necesidade da propia artista de deixar de lado a celeridade do consumo para poder gozar de novo coa súa xente da conexión coa súa música sen artificios. Para iso, percorrerá dúas localizacións importantes na súa vida e que forman parte dela de maneira fonda: Santiago de Compostela, á que considera parte da súa casa, e a sala Auriense, escenario ao que garda especial cariño por ser punto de partida e de finalización dalgunhas das súas etapas na súa carreira.
Para crear esta experiencia, Guadi Galego está a desenvolver un directo en formato trío xunto con Vic Moliner, un dos produtores das súas últimas músicas, e Iago Carro. Xunto a eles, reivindicarán a música en directo, tratando de mergullar ao público na orixe deses temas. Para iso, o piano de Guadi, o baixo e sintetizadores de Vic e a batería de Iago terán un peso importante, buscando transmitir a verdade do que foi o proceso compositivo, achegando máis aos músicos e ao público, e deixando de lado as dinámicas de consumo rápido que se está a vivir no contexto musical actual.
MÁIS SOBRE GUADI GALEGO
Guadi Galego é unha das figuras máis relevantes e influentes da música galega contemporánea. Compositora, intérprete e produtora, a artista leva décadas expandindo a súa sensibilidade e a súa inquedanza musical cara a conexión entre a experimentación e a tradición, poñendo o foco na emoción e a honestidade.
Dende os seus comezos como parte de Berrogüetto, unha das bandas máis importantes do folk galego, a súa carreira está marcada pola importancia dos seus proxectos, aportando un legado musical e de recoñecementos que a sitúan como unha das grandes referentes da música galega. Dende unha consideración aos Latin Grammy ou un premio ao Mellor Grupo Folk Europeo, ata formar parte de proxectos xunto a outras grandes figuras da música feita en Galicia como Abe Rábade e Ugia Pedreira en Nordestin@s ou Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero en aCadaCanto.
A súa carreira en solitario reafirmou o camiño transitado durante os anteriores proxectos, sendo unha das voces máis relevantes dos últimos anos. Guadi Galego construíu arredor da súa carreira un espazo de desenvolvemento de novas sonoridades dentro da canción galega, así como de encontro interxeracional do talento, con colaboracións xunto a voces da talla de Iván Ferreiro, Vega, Andrés Suárez, Tanxugueiras ou Xabier Díaz, entre moitos outros.
Esta traxectoria foi recoñecida en numerosas ocasións con prestixiosos galardóns como o Premio da Crítica de Galicia, diversos Premios Martín Códax da Música, o Premio á Promoción da Realidade Pluriligüe do Estado ou o Premio Rebulir da Cultura Galega, entre outros. Estes recoñecementos non fan máis que reafirmar a súa posición como unha das artistas máis importantes da música galega, así como o seu status como unha das voces máis inspiradoras e necesarias da cultura contemporánea de Galicia.
O IESCHA organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, a proxección do documentalPRISCILIANO E A GALLAECIA, de Aser Álvarez, producida por Arraianos Producións, e apoiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A proxección, terá lugar o venres 9 de outubro de 2026, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba.
Coincidindo coa celebración do aniversario do nacemento de Manuel María este luns, 5 de outubro, ás 19 hrs, inaugúrase no Centro Ágora da Coruña a exposición fotográfica de Manuel Lemos A luz resucitada. Un achegamento ao poeta Manuel María. Será ás 19 horas e intervirán, alén de Manuel Lemos, Pilar Pallarés e Alberte Ansede. A actividade está organizada pola Asociación Veciñal Agra do Orzán.
No marco desa celebración anual levarase a cabo o recoñecemento de dúas mulleres cunha traxectoria vital e profesional salientable: Elena Ferro e Isabel Carracedo Lozano. A primeira que fará de Pregoeira desta edición do magosto cultural da parroquia de Pino (Cospeito). Mentres que a segunda recibirá o Título honorífico Constanza de Castro.
Pregoeira: Elena Ferro
Zoqueira e artesá galega, Elena Ferro pertence a unha familia dedicada á elaboración de zocos desde 1915. Desde o seu obradoiro Eferro, en Merza, soubo manter viva esta tradición e, ao mesmo tempo, renovala e achegala ás novas xeracións. O seu traballo foi recoñecido co Premio Nacional de Artesanía 2019, pola súa traxectoria e pola innovación aplicada a este oficio tradicional.
Título Honorífico: Isabel Carracedo Lozano
Isabel Carracedo é, para moitos veciños e veciñas, moito máis ca unha farmacéutica. Toda unha vida detrás do mostrador da botica, atendendo, escoitando e acompañando a xeracións de familias. Unha persoa coñecida e querida no lugar, exemplo dese comercio de proximidade que forma parte da vida e da memoria dos nosos pobos.
Dúas mulleres, dúas traxectorias e dous xeitos de manter viva a nosa identidade: a través dos oficios, da tradición, da dedicación e das persoas que fan comunidade.
E a esas dúas actividades sumaranse outras que completarán unha xornada cultural de celebración do VI Magosto Cal da Loba:
10:30 h – Andaina ao castelo e representación teatral
13:00 h – Actos no Local Social
14:00 h – Xantar medieval
Pola tarde – Demostracións, xogos, música e actividades para todos
Á noite – Magosto
Inscricións ata o 18 de outubro.
*Información recollida da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental DEUSES DE PEDRA, de Iván Castiñeiras Gallego, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta sexta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 2 de outubro de 2026, ás 20:00h.
A entrada é de balde, pero haberá que facer a correspondente reserva de localidade en entradasvilalba.es.
A peza, estreada o pasado 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, inicia o seu percorrido por auditorios e salas de Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee
O espectáculo acompáñase, no propio recinto da representación, dunha exposición sobre a traxectoria profesional do dramaturgo
A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero, inicia esta fin de semana a súa xira por auditorios e salas de Galicia. Muros, As Pontes, Vigo, Foz, Noia e Cee serán as escalas dunha montaxe que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025).
A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluido no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.
Após a súa estrea na Coruña o pasado 4 de setembro, A velada de Londres percorrerá diferentes escenarios da Coruña, Pontevedra e Lugo. Así, a primeira parada da xira será este sábado 3 en Muros. Á semana seguinte chegará ao Cine Alovi das Pontes e o venres 16 ao auditorio municipal de Vigo. Un mes despois, retomaranse as representacións: a sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro) acollerán a última tríade de funcións deste tour.
Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo
En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai trasformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.
A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo de Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.
Mostra no vestíbulo antes da función
Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar a exposición ‘Manuel Lourenzo. A pegada que continúa’, un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego. A mostra, presentada canda a estrea da montaxe no Teatro Rosalía Castro o pasado 4 de setembro, poderase ver en cada unha das representacións desta xira.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
A VELADA DE LONDRES: A XIRA
Sábado 3 de outubro, Muros
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil (20:30 horas)
Venres 9 de outubro, As Pontes
Auditorio M. Cine Alovi (20:30 horas)
Venres 16 de outubro, Vigo
Auditorio Municipal (20:00 horas)
Venres 27 de novembro, Foz
Sala Bahía (20:30 horas)
Sábado 5 de decembro, Noia
Teatro Coliseo Noela (20:30 horas)
Sábado 12 de decembro, Cee
Casa da Cultura
A xira d’A Velada de Londres conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Rede Galega de Teatros (funcions en Muros, Vigo, Foz e Noia); e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes (As Pontes e Cee).